Académicos e académicas

Antón Villar Ponte

Antón Villar Ponte

Viveiro, Lugo, 02/10/1881 - A Coruña, 04/03/1936

Antón Villar Ponte naceu en Viveiro o 2 de outubro 1881 e finou na Coruña o 4 de marzo de 1936. Dedicouse ao xornalismo, concibiu a renovación ideolóxica do noso nacionalismo e foi o principal prosista da xeración das Irmandades da Fala.

En Viveiro comezou os seus estudos para cursar posteriormente Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela. Durante os anos da carreira militou no republicanismo e colaborou en El Combate. En 1904, tras licenciarse, comezou a rexentar unha botica en Foz, onde se estreou no xornalismo anticaciquil coas súas intervencións lo boletín local ¡Guau, guau!e na Revista Gallega. Desta época data a súa primeira peza dramática, Do caciquismo: A patria do labrego. En 1906 marchou a Madrid e alí exerceu como xornalista de El País, mentres, ao ano seguinte, xa de volta en Galicia, participou como redactor de Tierra Gallega. Pouco tempo despois emigrou á Habana por mor das dificultades económicas e alí dirixiu o Diario Españole algunhas revistas, como Alma Gallega e Follas Novas. Foi tamén secretario da Comisión Protectora da Real Academia Gallega e participou no movemento galeguista, á vez que mantivo contacto con Basilio Álvarez e Ramón Cabanillas. De volta a Galicia, en 1910, exerceu como correspondente do Diario de La Marina e de Correspondencia, foi redactor de La Voz de Galicia na Coruña e presidente da Asociación da Prensa coruñesa. Neses anos estableceu un contacto fundamental con diversos intelectuais do galeguismo, como Manuel Murguía, Aurelio Ribalta e, especialmente, con Manuel Lugrís Freire. Partindo do seu republicanismo federalista, a súa ideoloxía avanzou cara ao nacionalismo de Murguía. Nesa liña, a comezos de 1916 decidiu crear, coa axuda do seu irmán Ramón, unha Liga de Amigos del Idioma Gallego que se converteu en realidade na primeira Irmandade dos Amigos da Fala, constituída o 18 de maio dese mesmo ano nos locais da Real Academia Galega. Elixido presidente, publicou o folleto "Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional", unha colección dalgúns dos seus artigos escritos en La Voz de Galicia, e comezou a actividade do que foi o voceiro oficial das Irmandades, o xornalA Nosa Terra, dirixido e redactado por M. Lugrís Freire, Lois Peña Novo e el mesmo.

A partir dese momento participou en mitins nas principais vilas galegas defendendo a colaboración entre o nacionalismo e os movementos de esquerdas. Nesta altura, e tras a visita de F. Cambó a Galicia, liderou unha delegación galega que pronunciou unha conferencia sobre historia do galeguismo en Barcelona. A través desta relación buscábase unha alianza de cara ás próximas eleccións. Mais, co fracaso das eleccións de febreiro de 1918, produciuse unha escisión no seo das Irmandades coa marcha de Rodrigo Sanz e os que apoiaban as súas teses, mentres que o grupo liderado por el mesmo se viu reforzado coa colaboración dos integrantes do Grupo Nós. En 1919 colaborou na formación do Conservatorio Nazonal de Arte Galego, que asumiría tarefas tan relevantes como a tradución de autores estranxeiros ao noso idioma, e desde 1920 colaborou na revista Nós. Villar Ponte deixounos unha considerable produción dramática transmisora do ideario galeguista. É o caso de pezas como Da superstición: Entre dous abismos e Da emigración: Almas mortas, que forman unha triloxía xunto á súa primeira obra publicada en 1905.

Con todo, a súa figura tamén destaca na dimensión estritamente política. A influencia de Risco levouno a apoiar as teses de Risco e Losada Diéguez e xuntos fundaron, en 1922, a Irmandade Nazonalista Galega. Coa chegada da Ditadura de Primo de Rivera foi nomeado concelleiro pola Coruña, aínda que dimitiu en canto observou que, baixo un sistema tal, era imposible acadar os obxectivos de autonomía para Galicia. Desde ese intre, comezou a súa viaxe desde o tradicionalismo cara ao nacionalismo democrático. Da súa idea de crear un Partido Liberal Autonomista Gallego, xurdiu a ORGA, que fundou en colaboración con Santiago Casares Quiroga e outros galeguistas republicanos da Coruña. Foi elixido en 1931 deputado da Federación Republicana Gallega nas Cortes Constituíntes. En 1934, a medida que a ORGA se achegaba máis ao republicanismo de esquerdas español, rompeu a súa relación con Casares Quiroga e pasou a militar no Partido Galeguista, á vez que ingresaba na Real Academia Galega, co discurso titulado O sentimento liberal en Galicia.
Rematado o bienio de goberno da dereita, celebráronse novas eleccións en 1936 ás que concorreu o Partigo Galeguista, integrado na Fronte Popular. Tras o plebiscito, acadou novamente acta de deputado, aínda que a súa prematura morte lle impediu ver o final do proceso político.
No entanto, o seu compromiso político constante non lle fixo abandonar nunca a produción teatral e, así, nos últimos anos da súa vida publicaría Os Evanxeos da risa absoluta e Nouturnio de medo e morte. Porén, ao Villar Ponte político débeselle sumar o xornalista. Foi autor de múltiples artigos e ensaios destinados a espallar o ideario das Irmandades. Moitos deles foron recollidos e publicados de xeito póstumo en Pensamento e sementeira

Ensaio
Nacionalismo gallego. A Coruña: Imp. La Voz de Galicia, 1916. 2ª ed.Escolma d-artigos nazonalistas. Santiago: Nós, 1936. 

Literatura 
Teatro 
Almas mortas: novela dialogada cómico tráxica en tres estancias. Ferrol: Céltiga, 1922. 
Teatro galego: tríptigo. A Coruña: Nós, 1928. Inclúe: Do caciquismo: a patria do labrego; Da emigración: almas mortas; Da superstición: entre dous abismos
Os evanxeos da risa absoluta: anunciación do antiquixote. Folk-drama da sinxeleza campesina. Santiago: Nós, 1934. 
Nouturnio de medo e morte: bárbara anécdota realista en dous tempos (sin literatura) que puido andar nos romances dos cegos. Santiago: Nós, 1935.
O sentimento liberal na Galiza: Discurso leído o día 24 de xullo de 1934, no acto da súa recepción pública. A Coruña: Real Academia Galega, 1977.  

Escolmas e estudos sobre o autor 
Pensamento e sementeira. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego, 1971. 
Cátedra de Lingüística e Literatura Galega (ed.) Escolma. Santiago: Universidade, 1977. 
Beramendi González, Justo & Monterroso Devesa, Xosé Mª. Obra política de Ramón Villar Ponte. Sada: Ediciós do Castro, 1991. 
Ínsua López, Emilio Xosé. O primeiro Antón Villar Ponte: achegamento ao período de formación do fundador das Irmandades da Fala (1881-1908). Lugo: Fundación Caixa Galicia, 2003. 
Ínsua López, Emilio Xosé. Antón Villar Ponte e a Academia Galega: contributos para a historia crítica dunha institución centenaria. Vilaboa: Edicións do Cumio, 2006.