Académicos e académicas
Chus Pato
Ourense, 1955
Data de ingreso
23/09/2017
A proposta de
Darío Xohán Cabana Yanes, Henrique Monteagudo, Margarita Ledo e Xosé Luís Regueira
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Francisco Fernández Rei
Chus Pato é unha das voces máis innovadoras e de maior proxección da poesía galega contemporánea, posuidora dunha obra culta, transgresora e cunha marcada conciencia cívica e feminista. Nada en 1955 en Ourense, pasou a infancia e a adolescencia nesta cidade, a escollida para o seu ingreso na RAG, celebrado o 23 de setembro de 2017 no instituto do que foi alumna, o IES Otero Pedrayo.
Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, tras exercer como profesora de secundaria en Bande e Muros, ensina desde 1995 en Lalín, localidade onde reside. Chus Pato compaxina a profesión docente coa escritura poética, pola que é recoñecida internacionalmente. Foi traducida sobre todo ao castelán e inglés, pero a súa obra pode lerse tamén en búlgaro, portugués, neerlandés, polaco, alemán, italiano ou árabe clásico, entre outros idiomas, e está presente en antoloxías internacionais como Poésie en Galice aujourd'hui (Sources, 1999), Las poetas de la búsqueda (Libros del Innombrable, 2002), New European poets (Graywolf Press, 2008), Poeti spagnoli contemporanei (Edizioni dell'Orso, 2008) ou To the wind our sails; Iris writers translate Galician poetry (Salmon Poetry, 2010).
Os versos de Secesión (2009) lidos na súa propia voz son, desde 2015, os primeiros en lingua galega que forman parte dos fondos sonoros da Woodberry Poetry Room da Universidade de Harvard, xunto aos de Jack Kerouac, T. S. Eliot, Borges, Elizabeth Bishop e outros grandes da literarura universal. A autora foi tamén convidada aos festivais internacionais de poesía de Barcelona, Rosario, La Habana, Buenos Aires, Bratislava, Rotterdam ou Ottawa.
A escrita acompaña a Chus Pato desde moi nova. Empezou a crear versos con só 10 anos, en castelán, e fíxoo sen interrupción ata os 18. Unha vez licenciada, aos 23 anos volveu á poesía, xa sempre en galego. As súas primeiras creacións viron a luz en 1984 na revista Escrita a petición da súa creadora e directora, a hoxe tamén académica Margarita Ledo. Ese mesmo ano apareceron textos de dous libros inéditos da autora, Poemas de Maria dos Santos Oliveira e A cinza do escorpión, na Escolma da poesía galega (1976-1984) de Xosé Lois García, e en diante seguiu colaborando, ás veces con textos en prosa, en revistas como Luzes de Galiza, Festa da palabra silenciada, Andaina e Clave Orión..., antoloxías e libros colectivos.
Urania (1991) foi o seu primeiro libro, un volume autoeditado que é fundamentalmente un réquiem polo pai. Seguiulle Heloísa (1994), onde emerxe con claridade a conciencia de xénero como un dos trazos que define a súa voz. Despois chegarían Fascinio (1995), A ponte das poldras (1996) ou Nínive (1996), co que gañou o Premio Losada Diéguez en 1997. En 2009 mereceu o Premio da Crítica por Hordas de escritura (2008), co que volveu gañar o Losada Diéguez. Este título é parte da pentaloxía Decrúa (antes Método), iniciada no ano 2000 con m-Talá, onde fixo avanzar o poema tradicional na apertura cara á prosa e todo tipo de xéneros. Desta serie forman tamén parte Charenton (2003), Secesión (2009) -publicado nunha colección de narrativa- e Carne de Leviatán (2013), polo que foi recoñecida co Premio da Irmandade do Libro como mellor autora do ano. Un libre favor (2019) e Sonora (2023), Premio Nacional de Poesía 2024.
Chus Pato tense expresado ademais poeticamente a través das performances realizadas con Ignacio Vilariño, María Ruído e María Esteirán, entre 1993 e 2001. Parte da súa obra pode escoitarse tamén na antoloxía sonora que publicou en 2010, Nacer unha república de árbores.
En todas estas manifestacións, Chus Pato avanza por novos camiños poéticos facendo poesía universal en galego desde unha perspectiva sociopolítica fincada no país. Integra así na súa escrita un perfil fundamental da súa vida, a marcada polo compromiso coa realidade que a rodea desde moi nova. Foi, de feito, unha das fundadoras, en 1973, da organización ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) e axiña formou parte da militancia antifranquista. No eido literario, é membro do PEN Club Galicia, padroa da Fundación Euseino? e, desde novembro de 2016, forma parte do padroado da Fundación Rosalía de Castro. É ademais membro do colectivo de intervención sociocultural Redes Escarlata desde a súa constitución en maio de 2001.