Académicos e académicas

Nélida Piñon

Nélida Piñon

Río de Xaneiro, 1937 - Lisboa, 2022
Data de ingreso
27/09/2014
A proposta de
Luz Pozo Garza, Ramón Villares, Margarita Ledo e Rosario Álvarez Blanco
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Villares
Escritora e xornalista brasileira de ascendencia galega, a súa obra, traducida a varios idiomas e recoñecida internacionalmente, afonda nas materias da memoria persoal e colectiva, o mito, o erotismo e a condición feminina mediante unha escrita de alta densidade literaria caracterizada polo lirismo. O seu libro A república dos soños (1984) é unha crónica novelada da emigración galega ao Brasil.
1/5

Filla de nai brasileira con raíces en Cotobade e pai galego oriundo do mesmo concello pontevedrés –onde viviu entre os dez e os doce anos– o pasado familiar foi clave na conformación dunha autora que sempre reivindicou a súa condición de galega e a lingua dos seus devanceiros. O seu avó materno Daniel –Nélida é un anagrama do seu nome– foi quen lle transmitiu desde moi nova a afección á literatura.

Licenciada en Xornalismo en 1957 pola Pontificia Universidade Católica de Rio de Janeiro, deseguido comezou a traballar como correspondente para a revista Nuevo Mundo e Cadernos Brasileiros. Dirixiu institucións culturais, como o Laboratorio de Creación Literaria da Universidade Federal de Rio de Janeiro (1970), a División Cultural do Departamento de Cultura de Rio de Janeiro ou da Asociación de Amigos da Casa da Cultura Laura Alvim, e asumiu a vicepresidencia do Sindicato de Escritores de Rio de Janeiro. Traballou tamén como profesora visitante en varias universidades norteamericanas, como as de Miami, Harvard, Georgetown, Johns Hopkins e Columbia.

O seu debut literario chegou da man da novela Guia-mapa de Gabriel Arcanjo (1961), á que seguiron Madeira feita cruz (1963), Fundador (1969), A Casa da paixão (1972), Tebas do meu coração (1974) e A força do destino (1977), así como os libros de relatos Tempo das frutas (1966) e Sala de armas (1973). As súas narracións desenvolven tramas marcadas pola relixión, a dor, o sexo e a violencia cunha linguaxe audaz e innovadora. As novelas A doce canção de Caetana (1987), Vozes do deserto (2004) e Um dia chegarei a Sagres (2020) completan a súa obra narrativa longa.

En 1984 Piñon publicou a que é considerada a súa obra mestra, A república dos soños. Neste libro narra a historia da súa propia familia, a crónica da súa emigración desde Galicia ao Brasil, cunha linguaxe innovadora e poética, na que abundan os contos e lendas tirados da tradición oral galega. Nas súa propias palabras, pretendeu retratar “o sufrimento e a grandeza do pobo galego dentro e fóra de Galicia”, empregando como perspectiva a memoria silenciada das mulleres. O libro obtivo un recoñecemento inmediato de público e crítica, e foi traducido a numerosas linguas.

Cultivou tamén outros xéneros como o ensaio en O presumível coração da América (2002) e Aprendiz de Homero (2008, Premio Casa de las Américas); as memorias, con títulos como en Coração andarilho (2009), O livro das horas (2012) e Uma furtiva lágrima (2019); e mais a crónica xornalística e a literatura infantil e xuvenil.

Membro de número da Academia Brasileira de Filosofía e da Academia Brasileira de Letras, foi a primeira muller en presidir esta última (1996-1997). Foi elixida, así mesmo, membro correspondente da Academia Mexicana de la Lengua (2007) e embaixadora iberoamericana da Cultura (2012). No ano 2014 ingresou na Real Academia Galega como membro de honra co discurso titulado A épica do coraçâo, ao que respondeu en nome da institución Ramón Villares.

A súa traxectoria foi recoñecida, entre outros galardóns, coa Medalla Castelao (1992), o Premio Juan Rulfo (1995) e o Príncipe de Asturias das Letras (2005). Foi nomeada doutora honoris causa por varias universidades, entre elas a de Santiago de Compostela (1995), e filla adoptiva do Concello de Cotobade (2005).