Académicos e académicas
Pegerto Saavedra Fernández
A Fonsagrada, Lugo, 1951
Data de ingreso
14/09/2013
A proposta de
Ramón Villares Paz, Xosé Ramón Barreiro, Antón Santamarina e Darío Xohán Cabana Yanes
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Ramón Villares Paz
Freixo, A Fonsagrada, 1951. É un historiador especializado no estudo das condicións de vida no agro galego na Idade Moderna. A demografía, a cultura, a fiscalidade, a división administrativa do territorio, os diversos poderes locais, a propiedade da terra e a evolución nas súas técnicas de cultivo; a sociedade rural, desde os labregos aos cregos e os fidalgos de pazo, son algúns dos aspectos analizados nas súas investigacións que teñen como obxectivo describir, cunha vontade integral e totalizadora, a evolución na vida cotiá do campesiñado galego nos séculos XVI-XIX.
Pegerto Saavedra fixo o bacharelato no seminario diocesano de Lugo e cursou a carreira de Historia na Universidade de Santiago de Compostela, onde se especializou nos estudos agrarios da man do catedrático Antonio Eiras Roel. En 1976 remata a carreira cun traballo titulado Economía rural antigua en la montaña lucense. El concejo de Burón, premio extraordinario de licenciatura, iniciando unha liña de investigación, a da chamada historia rural, que proseguiría na súa tese, La provincia de Mondoñedo en el Antiguo Régimen (1982), premio extraordinario de doutoramento e dirixida polo propio Eiras Roel. Este traballo, no que expón a evolución da sociedade labrega na Mariña lucense desde o punto de vista económico, demográfico e cultural, sería publicado en formato libro en 1985 co título Economía, Política y Sociedad en Galicia: la provincia de Mondoñedo 1480-1830. Entre 1990 e 2001 dirixiu o Departamento de Historia Medieval e Moderna da Universidade de Santiago de Compostela, e no ano 2000 acadou a praza de catedrático.
A concepción da historia de Pegerto Saavedra insírese na chamada Escola dos Annales, título da revista francesa na que publicaron os seus traballos historiadores como Lucien Febvre, Marc Bloch, Fernand Braudel, Pierre Vilar ou Emmanuel Le Roy Ladurie. Esta corrente historiográfica, influída polo marxismo, ten como obxectivo estudar a evolución dun territorio e dos seus habitantes ao longo do tempo, máis que narrar os principais acontecementos históricos e os seus protagonistas individuais. Para este fin, empregan técnicas estruturalistas e o traballo con fontes económicas, demográficas, xurídicas e administrativas que dan conta das condicións materiais de existencia dun grupo social nun período de tempo determinado.
Dotado destas ferramentas metodolóxicas e conceptuais, Pegerto Saavedra enceta os seus estudos sobre as condicións de vida do campesiñado galego entre o século XV e o XIX, a súa principal área de traballo. Para este obxectivo, valeuse tanto das fontes civís -como o catastro de Ensenada, o censo de Floridablanca, documentación notarial, os fondos dos pazos, os arquivos dos xulgados-, coma das eclesiásticas, os arquivos dos mosteiros, en particular dos da orde do Císter (Sobrado, Monfero, Oia, Melón, A Franqueira, Montederramo, Oseira), dos que é un gran coñecedor. Segundo Ramón Villares, Pegerto Saavedra afronta “o reto dunha historia ‘total’, na que se combine a atención ás bases demográficas ou económicas dunha comunidade humana coa análise social e co goberno político do territorio”.
Co tempo, incorporou outras liñas de investigación e metodolóxicas propias da chamada historia cultural e microhistoria. Así, no seu libro A vida cotiá en Galicia de 1550 a 1850 (1992) -traducido ao español como La vida cotidiana en la Galicia del Antiguo Régimen (1994) e merecente do premio Crítica Galicia de 1993- describe, seguindo a tradición da “historia desde abaixo” do historiador marxista inglés E. P. Thompson, as condicións materiais de vida do campesiñado galego na Idade Moderna. O académico describe neste libro a mellora exponencial das colleitas coa introdución de especies afíns á choiva, como a pataca ou o millo, os mecanismos de resistencia dos labregos ante os abusos do clero e a nobreza, o seu universo mental ou o rol social e familiar da muller.
Dentro da historia rural galega inclúense obras como A Facenda Real na Galicia do antigo réxime (As rendas provinciais) (1993), ou Das casas de morada ó monte comunal (1996), A Galicia do antigo réxime (ca. 1480-ca. 1835) (2007) nas que deita luz sobre o rendemento fiscal do antigo reino de Galicia, e o complexo tramallo das formas de propiedade e usos do monte galego, “auténtico soporte do sistema agrario”, en palabras do xeógrafo francés Abel Bouhier, de grande influencia nos estudos de Pegerto Saavedra.
Na obra A gran historia de Galicia (2007), coordinada por Ramón Villares e Xosé Ramón Barreiro Fernández, Pegerto Fernández fíxose cargo da sección titulada A Galicia do Antigo Réxime (ca. 1480-ca. 1835), dividida en dous volumes, un dedicado á sociedade (“Frades, cregos e fidalgos” e “Os campesiños, os conflitos sociais e os pobres”), e outra dedicada á política e a cultura (“Os diversos poderes e o seu equilibrio cambiante”, “O Ensino: desde as escolas de ferrado á Universidade” e “A cultura popular, os libros e a ilustración”). Na mesma temática de historia rural, mais ampliada ao ámbito estatal, publicou Señoríos y comunidades campesinas. Aportaciones a la Historia Rural de la España Moderna (2003) e, canda Hortensio Sobrado Correa, El siglo de las luces: Cultura y vida cotidiana en la España del siglo XVIII (2004).
Profundo coñecedor dos arquivos eclesiásticos, escribiu La opulencia de los hijos del San Bernardo en Galicia, c. 1480-1835 (2021) no que describe a implantación e evolución da orde do Císter en Galicia e a súa relación de dominación e a explotación co campesiñado galego da época, así como numerosos artigos sobre a situación do clero rural en Galicia na Idade Moderna, as rendas económicas dos mosteiros, o papel da Igrexa na sociedade galega, a rede parroquial e as súas funcións cambiantes etc.
A situación da fidalguía rural e a vida nos pazos, a cuestión dos foros e do monte comunal, a industria téxtil dos lenzos, a vida e a obra do padre Sarmiento, a universidade compostelá do século XVIII, as consecuencias económicas e demográficas da introdución das novas sementes e técnicas de cultivo, os cambios na paisaxe ou a evolución da propia historia agraria e os seus debates historiográficos son outros temas tratados na súa abondosa produción científica que se estende ao longo de ducia e media de libros e máis dun cento de artigos en revistas e obras colectivas, ademais da dirección de doce teses de doutoramento. Varios dos seus libros foron obxecto de recensións en revistas españolas, francesas, inglesas, arxentinas e dos Estados Unidos.
Pegerto Saavedra foi vicepresidente da Fundación Española de Historia Moderna (2001-2005), formou parte do consello editorial da revista Obradoiro de Historia Moderna, Cuadernos de Estudios Gallegos, Boletín do Museo Provincial de Lugo, Historia y Genealogía (Univ. de Córdoba). É ou foi membro da Comisión de Patrimonio do Consello da Cultura Galega, e da Comisión de Cultura de la Deputación Provincial de Lugo, da Comisión Superior para o Estudo do Dereito Civil de Galicia e do Instituto Padre Feijoo da Universidade de Oviedo.