Académicos e académicas
Lourenzo Fernández Prieto
Ribadeo, Lugo, 1961
Data de ingreso
03/06/2023
A proposta de
Ramón Villares, Pegerto Saavedra e Francisco Díaz-Fierros
Resposta pronunciada por
Ramón Villares Paz
Lourenzo Fernández Prieto (A Devesa-Ribadeo, 1961) é catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, especialista en historia agraria e no tempo do golpe, a guerra e o franquismo. Na actualidade é coordinador do Centro de Investigación Singular de Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), que agrupa equipos de investigación das tres universidades galegas nos eidos da historia, xeografía, economía, enxeñaría, socioloxía, ciencia política e medio ambiente.
O historiador naceu na Devesa, Ribadeo, e medrou en Ferrol, onde a súa familia se instalou cando tiña tres anos. Tras estudar o bacharelato na escola Jorge Juan e no Instituto Concepción Arenal, comezou os estudos de Historia na Universidade de Santiago de Compostela. A carreira investigadora de Lourenzo Fernández Prieto está estreitamente vinculada ao grupo de historia agraria da USC, fundado en 1988 na área de Historia Contemporánea. Nel comezou a traballar despois de se lincenciar con premio extraordinario, en 1984, no estudo da renovación técnica das labranzas a través do fondo documental da granxa do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, previamente situada en Monelos (A Coruña).
Aquel traballo plasmouse no seu primeiro libro, A granxa agrícola experimental da Coruña, 1888-1928 (1988), ampliado na súa tese de doutoramento, Labregos con ciencia. Estado, sociedade e innovación tecnolóxica na agricultura galega, 1850-1939 (1992), recoñecida co premio extraordinario e que constitúe unha das revisións máis importantes na interpretación da agricultura galega e do seu papel na sociedade contemporánea.
As súas achegas á historia agraria dende entón caracterízanse sempre pola perspectiva innovadora que aplica no estudo das sociedades rurais e do cambio tecnolóxico agrario, que se ocupa das relacións entre a agricultura e a ciencia agronómica e, de forma complementaria, da análise da historia do mundo agrario e a sociedade rural cun enfoque ambientalista. Entre outros títulos neste eido, cómpre destacar El apagón tecnológico del franquismo (2007) ou a colectánea de artigos que coordinou baixo o título Terra e progreso (2000). O académico é ademais vicepresidente da Sociedad de Estudios de Historia Agraria (SEHA).
En 2006 iniciou unha nova liña de traballo centrada no golpe de 1936, a guerra e a ditadura de Franco que afonda na memoria das persecucións, das vítimas e dos vitimarios. A través do proxecto interuniversitario Nomes e Voces, abriu canda outros compañeiros e compañeiras unha serie de estudos que son unha referencia no campo da historiografía española e internacional do século XX. Entre outras publicacións derivadas de numerosas investigacións neste terreo, figuran títulos como Golpistas e verdugos de 1936. Historia dun pasado incómodo (2018) ou 1936. Un nuevo relato (2020).
Ao longo da súa carreira foi investigador principal de máis de vinte proxectos de investigación competitivos e outros tantos convenios relacionados cos seus campos de investigación. A relación con grupos e centros de investigación de institucións españolas, europeas e americanas é outra constante do labor de Lourenzo Fernández Prieto, membro de redes internacionais e profesor convidado das universidades de Princeton (Oates Fellow, Council of Humanities), Cidade de Nova York (Graduate Center) ou Cork (Department of Geography).
Como xestor académico, foi vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela entre 2006 e 2009, director do Departamento de Historia Contemporánea en dúas ocasións, director do Departamento de Historia, coordinador do grupo de investigación de referencia competitiva Histagra e dirixiu tamén a Cátedra universitaria Juana de Vega de Historia Contemporánea.
Como divulgador é ademais autor, entre outros moitos traballos, do estudo introdutorio do Diario da guerra (2023) de Francisco Fernández del Riego, editado este mesmo ano co gallo do Día das Letras Galegas dedicado ao intelectual de Lourenzá. Dende o ano 2001 publica semanalmente un artigo en La Voz de Galicia, amais de colaborar noutros medios.