Académicos e académicas

Takekazu Asaka

Takekazu Asaka

1952, Tokyo (Xapón)
Data de ingreso
08/06/2024
A proposta de
Xesús Alonso Montero, Francisco Fernández Rei, Manuel González González, Henrique Monteagudo, Xosé Luís Regueira e Antón Santamarina
Resposta pronunciada por
Francisco Fernández Rei

Takekazu Asaka (Tokyo, 1952) leva máis de tres décadas exercendo como embaixador da lingua e da cultura galegas no Xapón. É autor de obras pioneiras para a aprendizaxe do galego dende o xaponés, ensinouno durante máis de quince anos en universidades do seu país, verteu ao seu idioma materno clásicos das nosas letras como Rosalía de Castro, Ramón Cabanillas, Uxío Novoneyra e os trobadores medievais, e organiza dende hai máis de quince anos a celebración do Día das Letras Galegas na contorna de Tokyo, unindo, coma en moitos dos poemarios que traduciu, música e poesía.

O profesor Asaka medrou nunha familia labrega da zona rural da capital do seu país e licenciouse en Economía Internacional na Universidade de Kanagawa en 1975, mais axiña se centrou no campo que realmente lle interesaba: a lingüística. Inicialmente estudou o castelán e o portugués, e tras descubrir o galego mergullouse na súa aprendizaxe, primeiro de forma autodidacta cos libros da editorial Galaxia que mercaba por correo. En 1985 doutorouse en Filoloxía Románica pola Universidade de Kansai Gaidai de Osaka cunha tese sobre a estrutura do infinitivo persoal en galego moderno, un dos fenómenos lingüísticos da lingua de noso que máis lle interesaron dende o principio, xunto coa gheada e o pronome de solidariedade.

A partir de 1987 e ata a súa xubilación en 2022, foi profesor de gramática española na Universidade Tsudajuku de Tokyo, labor que compaxinou cunha intensa actividade arredor do ensino e da divulgación da lingua e da cultura galegas a partir da súa primeira visita a Galicia en 1989. Aquel ano viaxara a Santiago de Compostela para participar no XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románica, encontro no que coñecería moitos investigadores do galego, locais e doutros países, que andado o tempo se converterían en colaboradores e amigos. Dende entón o profesor visitou Galicia practicamente cada verán, primeiro para participar como alumno nos acabados de crear cursos de verán de galego para persoas de fóra de Galicia e despois para profundar cos seus traballos en distintos aspectos do idioma e da cultura do país.

As súas achegas á aprendizaxe do galego dende o xaponés remóntanse á primeira metade dos anos 90, cando publicou a Gendai Galizia Go Bunpoo. Gramática do galego moderno (1993), a primeira escrita para o público nipón, actualizada na Nova gramática galega (2016). É tamén autor da Guía de conversación en galego (1994), igualmente a primeira para falantes xaponeses –na que reflectiu a súa preocupación polo léxico e a fraseoloxía– e do Vocabulario básico da lingua galega (1996), onde cada termo se acompaña da equivalencia en castelán e xaponés.

Entre 2005 e 2022, impartiu ademais cursos de galego en diversas universidades xaponesas e no conservatorio de Música de Tokyo, e deu clases de lingua e cultura galegas no Instituto Cervantes da capital nipoa. Como lingüista, logo de diversos traballos gramaticais e léxicos nos que atendeu, entre outras cuestións, a adaptación dos castelanismos, investigou a situación do galego en Galicia e no Eo-Navia.

No campo da tradución, verteu ao seu idioma materno a poesía galega de Lorca (1993), Cantares gallegos (2009) e unha escolma de poemas de Follas novas. Wakaba syuu (2018) de Rosalía de Castro, ou Os eidos de Uxío Novoneyra (2017). En 2013 editou a Cantata a Ramón Cabanillas, volume no que ofrece un estudo sobre a vida e a obra do vate cambadés e unha selección poética galego-xaponesa; e posteriormente traduciu o seu poemario A rosa de cen follas. Breviario dun amor, titulada Hyakuyô no bara (2019). Ambos os títulos saíron do prelo con limiar do académico Francisco Fernández Rei, encargado de darlle resposta a Takekazu Asaka en nome da RAG na sesión extraordinaria na que foi recibido como académico de honra, celebrada en Cambados o 8 de xuño de 2024.

Tamén lle prestou atención á lírica galega medieval: no ano 2015 publicou Xograr Martín Codax. Sete cantigas de amigo, cun cedé musicado pola Ensemble Yuri; e en 2022, Introdución ás Cantigas de Santa María no Xapón, prologado polo académico Ramón Lorenzo. A segunda edición deste último libro, aumentado e corrixido, Convite para as Cantigas de Santa María, contou cunha introdución do tamén académico Henrique Monteagudo e a gravación de sete composicións marianas a cargo do Ensemble Trou Bour de Tokyo. A súa contribución máis recente neste eido, desta volta cun cedé musical do Trío Amaluz, é Os tres xograres da ría de Vigo, presentado en abril de 2024. Con limiar de Mercedes Brea, neste traballo o profesor edita en galego e xaponés todos os poemas de Martin Codax, Mendinho e Johán de Cangas, e aborda a música das cantigas e como ler os códices. O profesor Asaka levou así mesmo ao xaponés os haikus do libro de Esperanza Mariño A pousa da libélula. Kagueroo no yasuragui (2024).

Alén do eido literario e lingüístico, Takekazu Asaka é autor d’Os 50 capítulos para coñecer Galicia (2010), unha guía en xaponés sobre a situación sociocultural galega; e dende o ano 2008 organiza en Tokyo e as cidades próximas, co gallo do Día das Letras Galegas, un ciclo de música e poesía galega con actuacións de artistas locais e conferencias que el mesmo imparte sobre a cultura de noso.

As contribucións do profesor Asaka á proxección exterior da cultura galega foron recoñecidas co XVI Premio Ramón Cabanillas, a Folla de Ouro do Albariño 2019 e o seu nomeamento como Ilustre Cabaleiro da Orde da Vieira. A Real Academia Galega nomeouno académico correspondente no ano 2017.