Académicos e académicas
Gonzalo Navaza Blanco
Lalín, Pontevedra, 1957
Data de ingreso
05/11/2022
A proposta de
Ramón Lorenzo, Rosario Álvarez, Antón Santamarina, Xesús Ferro Ruibal, Henrique Monteagudo, Andrés Torres Queiruga e Fina Casalderrey
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Antón Santamarina
Nesta cadeira
Gonzalo Navaza Blanco (05/11/2022 - Actualidade)
Xosé Ramón Barreiro Fernández (14/02/1997 - 17/03/2021)
Uxío Torre Enciso (24/10/1970 - 17/04/1994)
Julio Sigüenza Reimúndez (28/01/1956 - 15/04/1965)
Celestino Sánchez Rivera (27/07/1941 - 30/11/1948)
Leandro de Saralegui y Medina (04/09/1905 - 01/12/1906)
Gonzalo Navaza é escritor e filólogo. Coñecido sobre todo polo gran público polo seu labor literario, como poeta colleitou distintos premios como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), galardoado tamén co Martín Codax; e como narrador, o San Clemente por Erros e Tánatos (1998). Pero o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo é ademais un destacado investigador no eido da onomástica, traduciu clásicos do inglés e do francés ao galego e desenvolveu un importante traballo como coordinador e coautor de dicionarios.
As súas achegas ao eido da toponimia remóntanse a comezos dos anos 80, cando realizou a recollida de campo e a corrección da toponimia dos mapas do Instituto Xeográfico Nacional para as provincias de Pontevedra e Ourense. Entre outros títulos, publicou Fitotoponimia galega (2006), unha obra monumental que xunta preto de 8000 nomes de lugar que se corresponden con 150 especies botánicas distintas, e que foi galardoado co Premio de Investigación Losada Diéguez (2007); Toponimia de Catoira, Premio Lois Peña Novo (2008); ou Os nomes dos concellos da provincia da Coruña (RAG, 2021).
Gonzalo Navaza é tamén parte do proxecto Dicionario de apelidos galegos e escribiu numerosos artigos sobre os topónimos, os nomes persoais e os apelidos do país. É membro da Comisión de Toponimia de Galicia, foi socio fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica, e dende o ano 2012 forma parte como académico correspondente do Seminario de Onomástica, entre outros méritos.
As súas contribucións como filólogo abranguen ademais o campo literario, prestando atención a figuras como Castelao, Fole, Cunqueiro, Blanco Amor ou Neira Vilas. Como tradutor, trouxo ao galego clásicos universais como A chamada da selva de Jack London (1982), Sherlock Holmes, detective de Arthur Conan Doyle (1986) e Robinson Crusoe de Daniel Defoe (1986). A súa versión galega doutro éxito de Conan Doyle, O can dos Baskerville, foi recoñecida co Premio Ramón Cabanillas de Tradución Literaria (1991), a d’A traxedia do home recibiu o Madách Award (2003) e a d’As flores do mal de Baudelaire o Premio de Tradución Literaria da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (2009).
Desenvolveu ademais un importante labor como director da área de dicionarios de Edicións Xerais de Galicia entre 1989 e 1997, é autor e coautor de numerosas obras didácticas sobre a lingua e a literatura galegas e foi membro do equipo redactor dos programas oficiais de Lingua e literatura galegas para bacharelato e formación profesional (1984) e do seminario permanente de Literatura galega de COU (1988-1995).