Académicos e académicas

Celestino Sánchez Rivera

Celestino Sánchez Rivera

Santiago de Compostela, A Coruña, 13/11/1870 - Santiago de Compostela, A Coruña, 30/11/1948
Data de ingreso
27/07/1941
A proposta de
Alejandro Barreiro Noya, Narciso Correal y Freyre de Andrade e Manuel Banet Fontenla
Título do discurso

*O 27 de xullo de 1941 tivo lugar no Paraninfo da Universidade de Santiago a cerimonia de ingreso de dezanove académicos de número, no acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en noroeste hispánico, que pronunciou Fermín Bouza-Brey en nome de todos os recipiendarios e a quen contestou en nome da Institución, o presidente, Manuel Casás. Celestino Sánchez Rivera formaba parte deste grupo de académicos. 

Resposta pronunciada por
Manuel Casás Fernández

Nado en Compostela o 13 de novembro de 1870 e finado na mesma cidade o 30 de novembro de 1948, foi un importante xornalista local.

O 1 de marzo de 1896 aparece El Eco de Santiago, xornal de tendencia católico-conservadora dos máis importantes da época, fundado e dirixido por Celestino Sánchez Rivera. Nel asinou baixo o pseudónimo Diego de Muros e, aínda que os temas tratados foron, fundamentalmente, do anecdotario local, grazas ás súas campañas en defensa do patrimonio histórico da cidade, Santiago de Compostela foi declarada monumento nacional. Ademais de xornalista, foi conservador do Hostal dos Reis Católicos, levando a cabo nel non só reparacións, senón tamén importantes achados. Sánchez Rivera confirmou que os retratos dos Reis Católicos existentes na sala Real son da autoría de Antonio del Rincón, así como tamén atribuíu a Goya o retrato de Carlos IV que decora a mesma sala. A súa dedicación á cidade de Compostela viuse recoñecida cando, no ano 1944, pola proposta do Círculo Mercantil, o concello de Santiago nomeouno cronista oficial da cidade.

O 27 de xullo de 1941, nun acto celebrado no Paraninfo da Universidade compostelá, tivo lugar o ingreso de dezanove académicos de número entre os que se encontraba Sánchez Rivera, que fora escollido membro numerario a proposta de Alejandro Barreiro Noya, Narciso Correal y Freyre e Manuel Banet Fontenla. Nese acto só se deu lectura ao discurso La mitología del agua en el noroeste hispánico, pronunciado por Fermín Bouza-Brey e contestado, en nome da Institución, polo seu presidente, Manuel Casás.

Ademais no seu propio xornal e noutra prensa da época coma Galicia, Sánchez Rivera conta coa seguinte obra:           

Breve reseña histórica y artística del Gan Hospital de Santiago. Santiago de Compostela: Tip. de 'El Eco de Santiago', 1910.

Compostela monumental: el monasterio y templo de Santa María la Real de Sar, único en el mundo por su inclinada construcción. Santiago de Compostela: Tip. de el 'Eco de Santiago', 1920.

Datos biográficos del Excmo. Sr. D. Manuel Ventura Figueroa. Santiago de Compostela: Tip. 'El Eco de Santiago', 1929.

Notas compostelanas. Historia, tradición, leyenda miscelánea. Santiago de Compostela: Sucesores de Galí, 1945.