-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería DLG
Once autores protagonizaron o Día das Letras Galegas entre o 2013 e o 2025, período das presidencias de Xesús Alonso Montero e Víctor F. Freixanes. Por vez primeira, unha das figuras homenaxeadas foi un autor dedicado exclusivamente ao teatro, Roberto Vidal Bolaño. Outro fito foi a candidatura colectiva das cantareiras e a poesía popular oral, personificada en 2025 nas pandeireteiras de Mens, Eva Castiñeira e Rosa e Adolfina Casás Rama. Nesta etapa celebrouse ademais o 60 aniversario do comezo da celebración do Día das Letras.
Roberto Vidal Bolaño (2013) foi unha das figuras máis importantes do teatro galego contemporáneo. Dramaturgo, director, actor e impulsor da profesionalización das artes escénicas en Galicia, a súa obra caracterízase polo seu compromiso político e vontade renovadora das formas teatrais. O acto principal de homenaxe a Roberto Vidal Bolaño celebrouse no Teatro Principal de Compostela.
Manuel María foi autor dunha poesía accesible e popular, posta ao servizo da defensa de Galicia e do galego. Outro poeta chairego, Xosé María Díaz Castro, autor de Nimbos, destacou polo refinamento estilístico e fondura existencial da súa obra. Pola súa banda, Florencio Delgado Gurriarán desenvolveu unha poesía marcada pola experiencia do exilio e a defensa da cultura galega.
Xela Arias e Luísa Villalta foron dúas voces renovadoras da literatura galega contemporánea. Xela Arias, que foi tamén tradutora e editora, é dona dunha voz poética innovadora e dotada dunha gran liberdade. Luísa Villalta, pola súa banda, foi unha poeta de estilo persoal e tema intimista, que cultivou tamén a narrativa, o teatro e o ensaio. Ambas as dúas deixaron unha forte pegada nas xeracións poéticas posteriores.
Retrato de Xela Arias. Colección da libraría Cartabón
Retrato de Luísa Villalta. Colección familiar
Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Ricardo Carballo Calero e Francisco Fernández del Riego destacaron polo seu labor intelectual e pola súa contribución ao estudo, conservación e difusión da cultura galega.
Filgueira Valverde foi investigador, profesor e estudoso da historia e da literatura. Antonio Fraguas dedicouse especialmente á etnografía, ao folclore e ás tradicións populares; Carballo Calero foi unha figura esencial dos estudos lingüísticos e literarios galegos. Por último, Fernández del Riego sobresaíu como escritor, investigador e promotor cultural, ademais de ser un dos impulsores do Día das Letras Galegas.
O Día das Letras Galegas de 2025 dedicouse ás cantareiras, mais tamén permitiu visibilizar o traballo de recollida e compilación, ao longo do tempo, de especialistas como Dorothé Schubarth. Na fotografía, a etnomusicóloga suíza en plena gravación de temas tradicionais a dúas das súas informantes para o Cancioneiro popular galego, que publicou xunto ao académico Antón Santamarina.
Carlos Casares e María Victoria Moreno foron dous escritores fundamentais para a literatura galega contemporánea. Casares destacou como novelista, contista, ensaísta e articulista, cunha obra caracterizada pola claridade expresiva, vontade realista e atención aos temas do seu tempo. María Victoria Moreno, pola súa parte, foi narradora, ensaísta, tradutora e profesora, e unha figura esencial da literatura infantil e xuvenil en galego. Ambos os dous contribuíron ao enriquecemento da literatura galega e á difusión da lingua, especialmente entre a mocidade.


