Académicos e académicas

Xesús Alonso Montero

Xesús Alonso Montero

Vigo, Pontevedra, 28/11/1928

Vigo, 1928. Licenciado en Filoloxía Románica, docente e investigador, a vizosa produción científica e divulgativa de Xesús Alonso Montero abrangue os eidos dos estudos literarios sobre autores galegos e alófonos, a sociolingüística, a creación literaria ou a colaboración na prensa.

Xesús Alonso Montero | Entrevista de Yolanda Castaño

Merecedor de numerosos premios e recoñecementos ao longo da súa dilatada e polifacética carreira intelectual, Alonso Montero é membro de número da Academia desde 1993 e foi o seu presidente entre 2013 e 2017.

Titulado en 1953 pola Universidade Central de Madrid, doutorouse pola Universidade de Salamanca coa tese Lengua y estilo de Curros Enríquez en su poesía gallega (1966), dirixida por José Luis Pensado . Exerceu a docencia no ensino medio en centros de Santiago de Compostela, Palencia e no Masculino de Lugo, actual IES Lucus Augusti, entre 1960 e 1976. Desde 1984, foi profesor titular no Colexio Universitario de Vigo -adscrito á USC- de Literatura Española e, a partir de 1989, de Literatura Galega xa na Universidade de Santiago de Compostela. No ano 1991 gañou a cátedra de Literatura galega na Universidade de Santiago de Compostela.

Como investigador, foi un pioneiro no ámbito da sociolingüística aplicada ao caso galego en títulos como O porvir da lingua galega (1968), libro colectivo baixo a súa coordinación, O que compre saber da lingua galega (1969) e Informe –dramático– sobre la lengua gallega (1973), volumes con vontade polémica e divulgativa nos que denuncia a situación de exclusión social do galego naquela altura e propón medidas para a súa recuperación. Na mesma liña vindicativa sitúanse Encuesta mundial sobre la lengua y la cultura gallegas y otras áreas conflictivas (1977) e A batalla de Montevideo: os agravios lingüísticos denunciados na UNESCO en 1954 (2003). Noutros traballos como Constitución del gallego en lengua literaria (1970), O galego na escola (1979) e Decálogo da lingua galega (1990), analiza a historia social e literaria da lingua.

O seu compromiso cívico e político nas filas do PCE desde 1962 custaríalle diversos episodios de represión durante a ditadura e determinaría a escolla dalgunha das súas áreas de estudo predilectas, como as letras galegas e españolas durante a II República, a guerra civil, o franquismo e o exilio. Tratou estes temas en monografías como Escritores: desterrados, namorados… (1980), As palabras no exilio. biografía intelectual de Luís Seoane (1994), Premio da Crítica Galicia na modalidade de ensaio, Os poetas galegos e Franco (1997), Os poetas con Federico García Lorca e coa España republicana (1998), Dous días na vida de Lorenzo Varela (2005), Intelectuais marxistas e militantes comunistas en Galicia (1936-2006) (2007), ou Aníbal Otero. Lingüística e política en España na Guerra Civil e no franquismo (2011), Premio Ánxel Casal dos editores galegos ao libro de non ficción e Premio Losada Diéguez de investigación e ensaio. Editou e preparou, así mesmo, o volume Cartas de republicanos galegos condenados a morte (2009), Premio de ensaio da Asociación de Escritores en Lingua Galega. 

Como biógrafo, investigou a vida e a obra de numerosos autores e autoras en obras como a xas mencionadas sobre Luís Seoane e Lorenzo Varela e outras de carácter crítico ou divulgativo arredor de Curros Enríquez, Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Neira Vilas, Leiras Pulpeiro, Luís Pimentel, Ben-Cho-Shey, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Ramón Piñeiro ou Rosalía de Castro. 

O seu labor como difusor da literatura reflíctese tamén en obras como Os cen mellores poemas da lingua galega (1969), Castelao, Prosas escollidas (1975), Celso E. Ferreiro, Antoloxía (1982), Coroa poética para Rosalía de Castro (1985), Coroa poética para Castelao (1988), Lorenzo Varela, Dez poemas (1988), Coroa poética para un mártir (Al. Bóveda) (1966), Poemas ó vagalume (1997), 16 poemas galegos para Ernesto Che Guevara (1998), Coroa literaria para Federico contra a súa morte (1998), A Guerrilla galega antifanquista e os guerrilleiros na voz dos poetas (2002), R. Alberti, Once poemas “gallegos” (2002).

Alonso Montero prestoulle ao longo da súa carreira unha especial atención á obra de poetas alófonos en lingua galega de distintas xeracións, como María Victoria Moreno ou Federico García Lorca, e levou a cabo tamén traballos sobre escritores de lingua castelá, catalá e portuguesa como Antonio Machado, Bernabé Busto, Cervantes, Jovellanos, Unamuno, Azorín, Pedro Salinas, Jacinto Verdaguer, Joan Maragall, Salvador Espriu, Antero de Quental ou Leite de Vasconcelos. A poesía popular de tradición oral é outro do seu campo de estudos mentres que o seu interese pola poesía medieval e dos séculos escuros maniféstase en obras como Estudio literario das Festas Minervais Compostelanas de 1697 (1993).

No campo das letras clásicas publicou traballos como “O latinista Francisco Fanego”, (1991). “Catro epodos de Horacio en galego” (1992). “As Odas de Horacio na tradución de Aquilino” (2001). “Dous traballos sobre o Beatus ille nas Letras Galegas” (2002, 2004). “Isidoro Millán: Letras Clásicas, Letras Galegas” (2003). “Pro lingua latina (et non solum)” (2003). “Rosalía de Castro traducida ó latín e cantada en latín e grego clásico” (2003).

Como creador cultivou a narrativa nas obras Pedro Petouto. Traballos e cavilacións dun mestre subversivo (1974), Das miñas memorias: 27 meses na Guerra Civil (1936-1939) (1999) e Historia de Facundo, o loro guaraní (2015). Acadou o primeiro premio no Segundo Certame Xacobeo de Poesía na modalidade de cantigas ó xeito medieval por Airas Nunes volve ó Camiño (1994) e desde entón publicou varios libros deste xénero como Versos satíricos (para hoxe) ó xeito medieval (1998), Versos republicanos e outros versos políticos (2002), Pois era un barco pirata (2003), Romances do dezaseis de febreiro de 1936 (2006) e Versos dun fistor republicano, marxista, ateo e un pouco epicúreo. Antoloxía: 1963-2016 (2017). É autor da peza de teatro Un xuízo oral (“bilingüe”) nunha vila galega no outono de 1942 (2014).

Desde hai décadas publica semanalmente en La Voz de Galicia a columna Beatus qui legit. No ano 2000 acadou o I Premio Roberto Blanco Torres de xornalismo de opinión coa antoloxía que recompila os artigos publicado neste espazo entre 1998 e 1999. 

O profesor Alonso Montero foi obxecto de estudos e monografías sobre a súa vida e obra como Cinguidos por unha arela común. Homenaxe ó profesor X.A.M. (Universidade de Santiago de Compostela, 1999), o número 30 da revista Ágora do Orcellón (2015), Ex toto corde. No oitenta aniversario de don X. A. M (2009) e X.A.M., palabras e compromiso (Ir Indo, 2010), publicado por Modesto Hermida como parte da serie Galegos na Historia.     

Xesús Alonso Montero é presidente do Foro pola Memoria Republicana de Galicia e membro das fundacións Otero Pedrayo e Rosalía de Castro. Recibiu, entre outros, os premios Ramón Otero Pedrayo (1988), Pedrón de Ouro (1992), Celanova Casa dos Poetas (1993), Xunta de Galicia á Creación Cultural (1994), Irmandade do Libro (1994), Juan Fernández Latorre de Xornalismo (1995), Defensa dos Dereitos Humanos (Avogados Demócratas da Coruña, 2000), Premio Trasalba (2000), Facho de Ouro (2010), Premio Cultura Galega das Letras (2019), o Premio Laxeiro (2022), e o Premio da Memoria Democrática concedido polo Goberno de España (2023), e foi nomeado doutor honoris causa da UNED (2010).