Xosé Filgueira Valverde
Ano 2015
Xosé Filgueira Valverde
Biografía
Nado en Pontevedra o 28 de outubro de 1906 e finado na mesma cidade o 13 de setembro de 1996, o historiador, escritor e erudito Xosé Fernando Filgueira Valverde foi, polo caudal inxente e a importancia da súa obra, unha das figuras centrais na vida cultural galega do século XX.
Logo de rematar o bacharelato na súa cidade natal, Filgueira Valverde cursou estudos de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela que culminaría, con premio extraordinario, en 1927. Nesta mesma universidade daría comezo, asemade, á carreira de Filosofía e Letras, que continuou en Zaragoza e na que acadaría o grao de Doutor cunha tese sobre unha das Cantigas de Santa María de Alfonso X, titulada La cantiga CIII. Noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval. En 1959 completaría a súa formación académica cun diploma en Psicoloxía.
No que atinxe á súa traxectoria como ensinante, en 1935 Filgueira Valverde gaña por oposición a cátedra de Lingua e Literatura do Instituto Balmes de Barcelona, desde o que se traslada ese mesmo ano a Lugo. En 1940, acada praza por concurso no Instituto Masculino de Ensino Medio de Pontevedra, do que será director entre 1946 e 1976, data da súa xubilación. O instituto pontevedrés converterase, so a súa dirección, nunha das institucións de ensino medio máis prestixiosas de Galicia, e o seu labor como docente valeralle a Filgueira Valverde un amplo recoñecemento por parte do seu alumnado que se refería a el como "o vello profesor".
Comprometido desde moi novo coa cultura galega, a súa extensa produción intelectual espállase ao longo de oito décadas e máis de catro mil cincocentas entradas bibliográficas -entre libros, folletos, artigos publicados na prensa e en medios especializados, cursos e conferencias- que abranguen unha ampla variedade de temas relacionados, na súa meirande parte, coa investigación da historia e a cultura de Galicia. Sería imposible resumir, pois, con brevidade as principais achegas de Filgueira Valverde ao campo dos estudos culturais galegos, mais cómpre salientar, porén, certos eixos temáticos recorrentes nos seus escritos, como as cidades de Pontevedra e Compostela, a música, a pintura e a arte galegas, a nosa lírica medieval e a esculca da obra de autores como Martín Sarmiento, Rosalía ou Castelao.
Alén do seu labor como ensaísta e divulgador, Filgueira Valverde participou, así mesmo, na creación e impulso dalgunhas das empresas culturais máis relevantes da Galicia do seu tempo. Deste xeito, en 1923, cando tiña 17 anos de idade, impulsou -xunto con Armando Cotarelo Valledor, Castelao, Lois Tobío, Cabeza de León, Gómez Román, Bouza-Brey e outros- a fundación do Seminario de Estudos Galegos, institución clave na modernización dos métodos de investigación da realidade social e cultural galega, na que Filgueira Valverde coordinou a sección de Historia da Literatura. Despois de que o réxime franquista decretase o peche do SEG, Filgueira Valverde formpu parte, xunto con Sánchez Cantón e Xesús Carro entre outros, do núcleo promotor da entidade encargada de sucedelo, o Instituto de Estudios Gallegos "Padre Sarmiento", fundado en 1943 como unha sección integrada no Centro Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que Filgueira Valverde dirixirá entre 1971 e 1981, período no que rexe tamén a súa publicación periódica, Cuadernos de Estudios Gallegos.
En 1947 colaborará novamente con Sánchez Cantón no lanzamento da Editorial "Bibliófilos Gallegos", que convocou premios de novela e tradución e que ha publicar algún dos títulos emblemáticos das nosas letras nesta xeira, como Camiños no tempo, de Ramón Cabanillas (1949), A xente da Barreira, de Ricardo Carballo Calero (1951), o Cancioeiro da Poesia Céltiga (1952), traducido do alemán por Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro, ou a primeira tradución completa da Biblia ao galego.
Mais probablemente a empresa cultural na que Filgueira Valverde investiu os seus maiores esforzos como xestor e promotor foi o Museo Provincial de Pontevedra. Concibido orixinalmente como unha institución continuadora da Sociedad Arqueológica de Pontevedra -iniciada en 1894 por Casto Sampedro y Folgar e clausurada en 1937- o Museo de Pontevedra é fundado en 1927 grazas ao impulso inicial dun padroado do que formaban parte, entre outros, Daniel de la Sota, o propio Casto Sampedro, Álvarez Limeses, Raimundo Riestra, Losada Diéguez, Castelao, Sánchez Cantón e Filgueira Valverde, quen será o seu director entre 1940 e 1986.
Baixo a súa dirección, o Museo de Pontevedra enceta un ambicioso programa de expansión, aumentando progresivamente as súas instalacións e un catálogo formado, nomeadamente, por mostras de carácter arqueolóxico, histórico, artístico e etnográfico, ata completar unha colección de pezas que achegan unha visión panorámica da evolución das artes galegas desde a súa orixe ata a Idade Contemporánea. É merecente de mención especial, pola súa importancia, a adquisición do legado de Castelao polo Museo de Pontevedra grazas á iniciativa persoal de Filgueira Valverde, quen o librou así da súa máis que probable dispersión en varias mans por parte das autoridades da ditadura, que se incautaran dos bens de Castelao en Pontevedra.
Ao abeiro desta institución, Filgueira Valverde fundou en 1942 a revista El Museo de Pontevedra, que dirixiu ata 1986 -cando o substitúe o seu actual director, Carlos Valle- e na que han colaborar algúns dos principais persoeiros do galeguismo daquel tempo, como Florentino L. Cuevillas, Bouza-Brey, Pablo Pérez Constanti, Ramón Otero Pedrayo e Xosé María Álvarez Blázquez.
Membro de número da Real Academia Galega desde 1941 e vogal do padroado do Instituto da Lingua Galega a partir de 1972, Filgueira Valverde foi, así mesmo, o primeiro conselleiro de Cultura da xeira autonómica, entre 1982 e 1983 e o segundo presidente do Consello da Cultura Galega, de 1991 a 1996, entre outros moitos cargos de carácter político-cultural.
Militante galeguista de primeira hora, Filgueira Valverde participou no acto fundacional do Partido Galeguista celebrado o 5 e o 6 de decembro en Pontevedra, no que foi elixido Secretario Técnico. Home de profundas conviccións católicas e de talante conservador, o progresivo achegamento do Partido Galeguista a posicións de esquerda desde 1934, que culminaría na súa integración no Frente Popular, lévano a abandonar este partido en 1935 e a fundar a organización Dereita Galeguista. Logo da Guerra Civil, chegou a deter, entre outras responsabilidades menores, a alcaldía de Pontevedra de 1959 a 1968.
Non é doado reducir a un feixe de títulos, como xa dixemos, a copiosa produción creativa, divulgativa e ensaística de Filgueira Valverde. Resulta necesario salientar, porén, un feixe de obras especialmente relevantes para a nosa cultura, como son o Vocabulario popular galego-castelán (1926-1928), o Programa de un curso de Literatura Gallega (1933), o devandito estudo La Cantiga CIII. Noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (1936), o Cancioneiro Musical de Galicia (1942), o Archivo de Mareantes (1946) a Guía breve del Museo de Pontevedra (1969), os artigos eruditos recollidos nos volumes Sobre lírica medieval gallega y sus perduraciones (1977) e Estudios sobre lírica medieval (1992), e as coleccións de artigos xornalísticos publicados no Faro de Vigo reunidos en nove volumes baixo o título de Adral, que, en opinión do membro de número da Academia Xesús Ferro Ruibal constitúen unha verdadeira "enciclopedia galeguizadora".
Obra
Narrativa
- Os nenos (Pontevedra, 1925)
- O Vigairo (Coruña, 1927)
- Quintana viva (Vigo, 1971)
Teatro
- Agromar (Lugo, 1936)
Poesía
- 6 canciones de mar "in modo antico" (Pamplona, 1941)
Dicionarios
- Vocabulario popular galego-castelán (Vigo, 1926)
Guías e catálogos
- Santiago de Compostela (Madrid, 1932)
- Recuerdos gremiales de la fiesta del Corpus (Pontevedra, 1940)
- Enrique Campo (18890-1911) y sus predecesores (Pontevedra, 1940)
- Itinerario del Corpus en la Pontevedra antigua (Pontevedra, 1940)
- La Moureira, arrabal marinero de Pontevedra (Pontevedra, 1942)
- Colección de Azabaches compostelanos (Pontevedra, 1943)
- Pintura romántica gallega: Juan José Cancela del Río. Jenaro Pérez Villaamil. Ramón Gil Rey (Pontevedra, 1944)
- Santa María la Mayor, iglesia de los mareantes (Pontevedra, 1945)
- Pabellón de los Museos: Fondos del Museo de Pontevedra y del Museo Massó (Pontevedra, 1945)
- Santo Domingo y sus ruínas (Pontevedra, 1946)
- Pontevedra, fortaleza arzobispal (Pontevedra, 1947)
- La imprenta compostelana. Libros y folletos hasta 1868 (Santiago de Compostela, 1948)
- El Libro de Santiago (Madrid, 1948)
- El Grabado Compostelano (Pontevedra, 1948)
- Grabados compostelanos. Iconografía del Apóstol. Grabadores santiagueses. Temas locales (Santiago de Compostela, 1949)
- Santiago de Compostela. Guía de sus monumentos e itinerarios (A Coruña, 1950)
- Grabados Compostelanos. Iconografía del Apóstol. Grabadores de Compostela. Estampas de tema santiagués (Pontevedra, 1950)
- Serie didáctica de Prehistoria y Arqueología (Pontevedra, 1952)
- Petroglifos de la provincia de Pontevedra (Pontevedra, 1952)
- Compostela, la ciudad del Apóstol (Madrid, 1954)
- Jenaro Pérez de Villaamil (Pontevedra, 1954)
- Inscripciones romanas en Galicia III (Pontevedra, 1955)
- Materiales para la Carta Arquológica de la Provincia de Pontevedra (Pontevedra, 1956)
- Iconografía mariana (Pontevedra, 1959)
- Fernando Álvarez de Sotomayor (Pontevedra, 1960)
- La Venera (Santiago de Compostela, 1965)
- Pontevedra en 50 dibujos de Conde Corbal (Pontevedra, 1965)
- Carlos Sobrino (Pontevedra, 1967)
- Pontevedra. La Tierra y sus Gentes (Pontevedra, 1967)
- Luis Pintos Fonseca (Pontevedra, 1967)
- Nadales Gallegos (Pontevedra, 1967)
- La Artillería (Pontevedra, 1968)
- Temas españoles en las Tablitas de la Bicherna (Pontevedra, 1969)
- Guía breve del Museo de Pontevedra (Pontevedra, 1970)
- Andrés Freire, dibujante (Pontevedra, 1971)
- Carlos Sobrino Buhigas (A Coruña, 1971)
- Víctor Casas (Madrid, 1972)
- IV Centenario de "Os Lusíadas" de Camones (Madrid, 1972)
- El escultor Acuña (Santiago de Compostela, 1973)
- María Teresa Arias (Pontevedra, 1973)
- 175 dibuxos de Castelao (Pontevedra, 1976)
- Julio Prieto Nespereira e o gravado galego (Ourense, 1978)
- Carlos Maside. Álbum de dibuxos (A Coruña, 1980)
- Sotomayor. Carpeta de láminas (A Coruña, 1981)
- Escultor Acuña (A Coruña e Pontevedra, 1983)
- Onte e hoxe do traxe (Ourense, 1985)
- Grupo "Eixo" (Pontevedra, 1986)
- Oleos de Teresa Arias (Pontevedra, 1986)
- Baldaquinos Gallegos (A Coruña, 1987)
- Os maios (Pontevedra, 1987)
- O arquivo do Museo de Pontevedra (Pontevedra, 1991)
- La Basílica de Santa María de Pontevedra (Vigo, 1991)
- Galicia Monumental (A Coruña, 1991)
- Albina Ferreirós (Pontevedra, 1991)
Ensaio
- Programa de un curso de Literatura Galega (Santiago de Compostela, 1933)
- Plan de trabajo para la enseñanza de la Lengua Española (Pontevedra, 1933)
- Programa de Historia General de la Literatura (Pontevedra, 1933)
- La Cantiga CIII. Noción del tiempo y gozo eterno en la narrativa medieval (Santiago de Compostela, 1936)
- Floresta de cinco siglos (A Coruña, 1936)
- Los viejos estudios de Pontevedra y la fundación de Fray Tomás de Sarria (Pontevedra, 1942)
- Cancionero Musical de Galicia (Pontevedra, 1942)
- Primera Crónica General de España (Zaragoza, 1943)
- Archivo de Mareantes (Pontevedra, 1946)
- El primer vocabulario gallego y su colector, el bachiler Olea (Santiago de Compostela, 1947)
- Sargadelos (Madrid, 1951)
- La artesanía en Galicia (Bos Aires, 1953)
- Camoens (Barcelona, 1958)
- El tesoro de la Catedral Compostelana (Santiago de Compostela, 1959)
- Hernán Cortés (Madrid, 1960)
- Lengua española. Segundo curso (Madrid, 1961)
- Arte literaria. Lengua española (Madrid, 1964)
- Pontevedra (Madrid, 1964)
- Azabachería (Vigo, 1964)
- Don Diego Sarmiento de Acuña. Primer Conde de Gondomar (Pontevedra, 1966)
- Don Pedro Mariño de Lobeira (Pontevedra, 1967)
- La ascendencia pontevedresa de Camoens (Pontevedra, 1968)
- Lengua española y literatura IV (Madrid, 1968)
- Lengua Española y literatura (Madrid, 1969)
- En el centenario de Méndez Núñez (Pontevedra, 1969)
- El viaje a Galicia de Urrabieta Vierge (A Coruña, 1969)
- Historias de Compostela (Santiago de Compostela, 1970)
- Don Rosendo Salvado, el gallego que fundó Nueva Nursia (Pontevedra, 1970)
- El Padre Feijoo y los españoles americanos (Pontevedra, 1971)
- Fray Martín Sarmiento, el último Cronista de Indias (Pontevedra, 1972)
- El idioma gallego en la Edad Media (Vigo, 1973)
- Da épica na Galicia medieval. (Vigo, 1973)
- Fray Sebastián Malvar (Pontevedra, 1973)
- Con Rosalía de Castro no seu fogar (Vigo, 1974)
- Don Pedro Antonio Cerviño (Pontevedra, 1974)
- Año Santo Compostelano (Madrid, 1976)
- La Toponimia Gallega (Pontevedra, 1976)
- Los canteiros gallegos (Vigo, 1976)
- Pai Gomes de Soutomaior (Pontevedra, 1976)
- Sobre lírica medieval gallega y sus perduraciones (Valencia, 1976)
- Castelao e os Estudos Galegos (Santiago de Compostela, 1977)
- Frey Francisco Gil de Taboada y Lemos (Pontevedra, 1977)
- As festas do tempo nos Cancioneiros galego-portugueses (Pontevedra, 1978)
- Adral (Sada, 1979)
- Los Nodales, capitanes de mar y descubridores (Pontevedra, 1979)
- El Almirante pontevedrés Sarmiento de Gamboa (Pontevedra, 1980)
- Fray Martín Sarmiento (A Coruña, 1981)
- Ideas y sistema de la Historia en el P. Sarmiento (Pontevedra, 1981)
- Segundo Adral (Sada, 1981)
- El Almirante pontevedrés Enrique MacDonnel (Pontevedra, 1982)
- Terceiro Adral (Sada, 1984)
- Sobre los Almirantes Matos (Pontevedra, 1984)
- Don Casto Sampedro Folgar (Pontevedra, 1987)
- Cuarto Adral (Sada, 1987)
- Quinto Adral (Sada, 1989)
- Sexto Adral (Sada, 1990)
- Álvaro Cunqueiro (Sada, 1991)
- O Himno Galego (Pontevedra, 1991)
- El P. Joan de Beira (Pontevedra, 1991)
- Una mística gallega del siglo XVIII. La Venerable María Antonia de Jesús (A Coruña, 1991)
- Sétimo Adral (Sada, 1992)
- Estudios sobre lírica medieval (Vigo, 1992)
- Pontevedra no Camiño das Peregrinacións (Santiago de Compostela, 1993)
- Octavo Adral (Sada, 1994)
- Noveno Adral (Sada, 1996)
Edicións
- Descripción del Reyno de Galicia del Licenciado Molina (Pontevedra, 1949)
- Noticias de Indias en Juan de Guzmán. Catedrático de la villa de Pontevedra, 1586 (Pontevedra, 1963)
- Cinco piezas breves de teatro escolar (Madrid, 1963)
- Páginas del descubrimiento de las Islas Salomón (Pontevedra, 1964)
- Noticas de Indias en la Relación del Viaje de los Capitanes Bartholome y Gonzalo de Nadal (Pontevedra, 1965)
- Lago González. Biografía y selección de su obra gallega (Santiago de Compostela, 1967)
- Lago González: Poesía Galega (Santiago de Compostela, 1967)
- Cancioneiriño novo de Compostela (Vigo, 1969)
- La Ilustración Gallega y Asturiana (Gijón, 1979)
- Afonso X e Galicia. E unha escolma de Cantigas (Vigo, 1978)
- Sagra Biblia en Galego (A Coruña, 1984)
- Rosalía cos rapaces. Escolma comentada (Santiago de Compostela, 1985)
Sobre o autor e a súa obra
- ALONSO MONTERO, X.
Xosé Filgueira Valverde. Biografía intelectual.(Vigo, 2015)
Ligazóns
Biografía de Filgueira Valverde na Galipedia.
Páxina de Filgueira Valverde no Museo de Pontevedra
Filgueira Valverde, un sabio na corte do teucro
Documental Contextualizando a Filgueira Valverde, de Gonzalo Veloso
Biografía de Xosé Filgueira Valverde por Xesús Ferro Ruibal, no Consello da Cultura Galega