Carlos Casares

Ano 2017

Carlos Casares

1/17

Biografía

"Hai xente que fala da vida a través dos conceptos; outros tenden a facelo con imaxes e algúns máis con metáforas. Sempre tiven a tendencia, mesmo nas discusións máis abstractas e volátiles, a entender o mundo baixo a especie do narrado" (Carlos Casares)

Carlos Casares Mouriño naceu en Ourense o 24 de agosto de 1941, fillo de Francisco Casares Dacal e Manuela Mouriño Pérez. Cumpridos apenas os tres anos, a súa familia trasladouse á vila de Xinzo de Limia, onde o seu pai exerceu como mestre e onde transcorreu a súa infancia. Non ben feitos os once anos ingresou no Seminario ourensán. Alí iniciouse nos estudos eclesiásticos, formándose en Humanidades entre os cursos 1952-53 e 1956-57. Durante estes anos vivirá nun ambiente fortemente represivo (incluíndo a prohibición estrita de falar galego), que espertará no autor un espírito inconformista. Naquel centro emprende a súa primeira experiencia literaria, o xornal manuscrito El averno, que difundía clandestinamente. Posteriormente, remata o bacharelato por libre no Instituto de Ensino Medio de Ourense, asistindo a clases nun colexio do propio Xinzo. Daquela, comeza a manifestar as súas inquedanzas literarias, ao gañar un concurso provincial de relatos que lle dará a posibilidade de coñecer a Vicente Risco, antigo líder galeguista, centro dun faladoiro artístico-literario que Casares frecuentaría e onde toma contacto co estreito círculo intelectual do Ourense daquel tempo.

No curso 1962-63 inicia a carreira de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago, que rematará no curso 1967-68, na especialidade de Filoloxía Románica. Na Universidade entra en contacto con Arcadio López-Casanova, e grazas a el coñecerá a Ramón Piñeiro, ligándose así ao núcleo da cultura galeguista e antifranquista. Con Piñeiro traba axiña unha relación de discípulo a mestre, que co paso do tempo se converterá nunha fonda amizade. Neses anos tomou parte activa no movemento universitario, involucrándose nas actividades da Asociación Democrática de Estudiantes (ADE) e colaborando co Frente de Liberación Popular (FELIPE), organización clandestina de resistencia democrática. Entrementres, dedícase con intensidade crecente á creación literaria. Así, estrearase como narrador publicando catro relatos na revista Grial nº 7 (1965), tres dos cales pasarán ao seu primeiro libro publicado, titulado Vento ferido, que sae do prelo en 1967 na Colección Illa Nova da Editorial Galaxia. Nesta obra ponse de vulto a súa habelencia técnica, a súa límpida prosa e o seu talento narrativo, ao tempo que aparecen algúns temas que serán recorrentes na súa narrativa: a violencia, o amor imposible, a sensibilidade fronte ao sufrimento humano. En 1969 virá a lume a súa primeira novela, Cambio en tres, na que combina o experimentalismo formal coa temática social de máis actualidade, relacionada coa emigración a Europa, asunto inédito ata entón nas letras galegas.

Non ben rematados os estudos de Filoloxía Románica, Casares pasa a exercer a docencia en Viana do Bolo como profesor auxiliar no "Colegio Libre Asociado". Unha vez alí entrará en conflito coa dirección do centro polo seu aberto antifranquismo. Como consecuencia, será expulsado do colexio e élle prohibido exercer a docencia en toda Galicia. Estes atrancos obrígano a se desprazar a Bilbao, onde traballa durante un curso. En 1971, de volta do País Vasco, casa con Kristina Berg, establecéndose en Ourense, onde traballa dando clase nunha escola de secretariado. Coa súa dona visitará regularmente Suecia, daquela paradigma do modelo socialdemócrata, que exerceu unha poderosa influencia sobre el. Despois de gañar por oposición unha praza de profesor de Lingua e Literatura Española no ensino medio, en 1974 comeza a exercer no Instituto de Cangas, aínda que ao pouco tempo é expedientado xunto a outros profesores antifranquistas. A súa carreira docente no ensino medio culminará como catedrático no Instituto de San Tomé de Freixeiro (Vigo) e prolongarase ata a súa morte.

Nos finais da década dos sesenta e inicios dos setenta, Carlos Casares converteuse nun precursor da literatura infantil en galego, ao gañar os primeiros premios de dous concursos convocados pola Asociación Cultural "O Facho": o Iº Concurso de Contos Infantís (1968), co relato A galiña azul, e mais o Iº Concurso de Teatro Infantil (1973), coa peza As laranxas máis laranxas de todas as laranxas. Da súa preocupación pola creación dunha literatura infantil en galego tamén dá testemuño a tradución, publicada en 1972, do relato O principiño, de Antoine de Saint-Exupéry, unha obra pola que manterá unha especial predilección ata o final dos seus días. Entrementres, comeza a publicar regularmente no diario La Región, de Ourense, a columna "Con esta lupa" (1972-74), coa que se inicia no xornalismo literario.

En 1975, gaña o premio convocado pola editorial Galaxia co gallo do seu 25 aniversario, coa novela Xoguetes para un tempo prohibido, de contido marcadamente autobiográfico, centrada en tres etapas da vida do protagonista, desenvolvidas no ambiente opresivo do franquismo, e que obtén un insólita acollida do público, con cinco edicións ata 1981. Por esta obra élle concedido en 1976 o Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios. Isto lévao a ser recoñecido como unha das voces emerxentes máis renovadoras e representativas da narrativa galega. Á súa proxección pública neses anos tamén contribúe tamén a publicación da sección "A ledicia de ler", de comentario de libros, no xornal La Voz de Galicia, desde 1975, que terá continuidade ata 1992. En 1978 ingresa na Real Academia Galega cun discurso sobre "O desastre de 1898 e os escritores galegos", respondido por Francisco Fernández del Riego, converténdose no seu membro numerario máis novo.

Carlos Casares participou da política galega nos anos de transición e comezos da democracia, implicándose de xeito intenso na reivindicación da autonomía para Galicia e na andadura inicial das institucións de autogoberno. Así, foi un dos asinantes do manifesto "Realidade Galega", xurdido co obxectivo de conseguir un Estatuto Galego á par do catalán e o éuscaro. Este feito puxo a Carlos Casares, canda o seu compañeiro e amigo Ramón Piñeiro e outros galeguistas, en primeira liña da política galega de aquel entón. De aí derivouse a súa participación como independente, xunto a Ramón Piñeiro, nas listas electorais do PSdG/PSOE, o que o converteu en membro do primeiro Parlamento de Galicia, elixido no ano 1981. Do seu labor parlamentario cómpre salientar o esforzo que estes intelectuais farían para a redacción e aprobación da Lei de normalización lingüística no 1983 e a lei de creación do Consello da Cultura Galega.

Rematada a primeira lexislatura da autonomía, Casares pasaría ao segundo plano da actividade política para centrarse na laboura cultural, converténdose en director da editorial Galaxia (1986) e da revista Grial (1988) e chegando a presidir, nos últimos anos da súa vida, o Consello da Cultura Galega (1996). Deste xeito, tornouse un persoeiro de referencia da vida literaria e cultural de Galicia, na que salientou como impulsor da renovación e posta ao día tanto das letras e da industria editorial, canto da cultura galega nun sentido máis amplo. Desde a dirección da revista Grial e a presidencia do Consello da Cultura Galega esforzouse teimudamente en alargar os horizontes da cultura galega alén dos campos tradicionais da antropoloxía, a filoloxía e as belas artes, cun empeño sostido por incorporar aspectos tales como a comunicación e as novas tecnoloxías, as ciencias sociais e a investigación científica, o urbanismo e o medio.

Durante a década de 1990, Casares viaxou por medio mundo participando en múltiples simposios e encontros, como os congresos mundiais do Pen Club en Maastrich, Toronto e Compostela (foi membro fundador e presidente do Pen Club - Galicia) ou o Literarisches Kolloquium en Berlín. Deu tamén cursos de literatura galega na City University of New York (1998). No ano 2000 participa no Expreso da Literatura, unha experiencia de convivencia entre oitenta escritores en máis de sesenta linguas europeas, que ao longo de máis dun mes percorreron xuntos nun tren toda Europa, desde Lisboa a San Petersburgo. Nesa década publica a serie de relatos infantís ilustrados por Penélope Ares arredor da figura de Toribio (1991-1994). Esta faceta da súa obra, que coidaba con moito agarimo e a que daba especial importancia, tería a súa continuación con Lolo anda en bicicleta (1996) e culmina cos relatos O galo de Antioquía (1994) e O polbo xigante (2000), ben que estes dous non son doadamente clasificables como "literatura infantil e xuvenil".

Durante eses anos, Carlos Casares consolida a súa sólida traxectoria narrativa, e seguiu publicando obras con excelente acollida polo público e a crítica, como a colección de relatos Os escuros soños de Clío (1979), que foi merecente do Premio da Crítica Galega de 1982,  e coa que se adianta á voga posterior da narrativa histórica, e a novela Ilustrísima (1980), centrada no problema da intolerancia e o dogmatismo. Tras dar cabo á súa breve carreira parlamentaria, publicaría a súa novela Os mortos daquel verán (1987), precursora nun tema que será intensamente explorado a partir dos anos noventa, a memoria histórica da guerra civil, e que lle valeu o Premio Antón Losada Diéguez de creación literaria (1978). Xa nos últimos anos da súa vida, publicou a novela longa Deus sentado nun sillón azul (1996), unha complexa reflexión arredor do papel dos intelectuais na sociedade actual, tomando como exemplo paradigmático a figura de Vicente Risco, obra que foi merecente do Premio da Crítica Española o ano seguinte e que é considerada por moitos como o cume da súa creación literaria. Seis anos máis tarde viría a lume a súa derradeira novela, O sol do verán (2002), publicada postumamente, un intenso relato de ton elexíaco que retoma un tema recorrente na súa obra, o amor imposible, e que foi merecente do Premio da Crítica daquel ano.

Entrementres, Casares continuou escribindo en numerosas publicacións. Ao longo da súa vida, colaborou como articulista en xornais coma La Región, El País e La Voz de Galicia. A este último diario estivo ligada boa parte da súa traxectoria xornalística. Así, despois de publicar "A ledicia de ler" (1975-1992), onde abordaba as novidades editoriais galegas, con periodicidade semanal, comezará con "Á marxe de cada día", en 1987, que se converterá posteriormente en "Á Marxe", especie de anecdotario do autor que, con periodicidade irregular durante os primeiros anos, pasaría a ser diaria dende xuño de 1992 até o mesmo día da seu pasamento. A súa obra xornalística, que chegou a gozar unha amplísimo e devoto público lector, foi merecente de numerosos recoñecementos, como os prestixiosos premios Fernández Latorre (1993) e Julio Camba (1995), e, postumamente, o Roberto Blanco Torres (2002).

Como biógrafo, ensaísta e editor legounos monografías, artigos e entrevistas sobre autores como Curros Enríquez, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Martín Sarmiento, Ánxel Fole ou Ramón Piñeiro. A Curros, Risco e Otero Pedrayo dedicou cadanseu volume da colección "Conciencia de Galicia" (1980-1981). Do primeiro editou Aires da miña terra, 1975; as Obras Completas para Aguilar, en 1979, e a Poesía galega completa en 1992. Ademais, a Vicente Risco e a Otero Pedrayo dedicoulles numerosas achegas. Pero o personaxe que máis influíu na súa vida e no seu pensamento foi sen dúbida Ramón Piñeiro, de quen escribiu a biografía Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia, gañadora en 1991 do Premio Literario Ánxel Fole, e de quen tamén editou a obra memorialística Da miña acordanza (2002). Un escritor que atraeu fortemente a súa atención, talvez pola súa afinidade estilística, ou se cadra polo tratamento que lle dá ao tema da violencia, foi Ernest Hemingway, de quen traduciu a célebre novela O vello e o mar (1998), e de quen rastrexou paso por Galicia e as pegadas que esta deixou na súa obra (Hemingway en Galicia, 1999). Unha boa presada dalgúns dos seus mellores ensaios foi reunida por el mesmo no volume Un país de palabras (1998), no que se dan da man varios dos vultos humanos que el máis apreciaba (Ramón Piñeiro, Basilio Losada, Andrés Torres Queiruga) con escritores especialmente admirados (Gonzalo Torrente Ballester, Álvaro Cunqueiro, Miguel Torga, Vicente Risco, Otero Pedrayo), xunto a lugares (Ourense, Santiago de Compostela) e temas (a intolerancia, a fantasía, Deus) especialmente queridos, todo isto envolveito en lúcidas e reveladoras reflexións sobre a arte literaria, o compromiso dos escritores e a súa propia obra narrativa.

A elevada calidade, a vocación abertamente comunicativa e o carácter variado da súa obra literaria (incluíndo o ensaísmo, o xornalismo e a literatura infantil) tornárono nun escritor que gozaba dun indiscutible aprecio entre os seus colegas e os lectores máis esixentes, e dunha insólita popularidade entre o gran público lector, incluído o infantil e o escolar. O seu inesperado pasamento o 9 de marzo de 2002 (o mesmo día do nacemento do seu venerado Martín Sarmiento) provocou auténtica consternación no país, que se sentiu privado, dun xeito súpeto e prematuro, dun dos seus creadores máis valiosos e unha das súas voces públicas máis prestixiosas e respectadas.

Prosista extraordinario, a clareza, a sutileza e unha fina ironía no tratamento de temas do noso tempo e o seu afán renovador das técnicas narrativas constitúen as marcas máis características do seu estilo. Especialmente importante para a normalización da lingua foi a súa achega xornalística, que atinxiu un público moi vasto:

"Máis alá ou máis acá do institucional, foi o senso da responsabilidade social para con Galicia e a lingua e a literatura galegas unha engrenaxe sobranceira no camiño percorrido pola súa escrita. Así, sen deixar á parte a súa obra narrativa, ese compromiso hase de manifestar nunha aposta irredenta pola claridade, pola procura dun rexistro oral para o seu contar, isto é, pola «comunicación diáfana». E isto non só como unha marca de estilo, senón como un xeito de se achegar ao gran público galego coa intención de normalizar a presenza da súa lingua nas páxinas dos xornais e no cotián dos seus lectores" (Iago Martínez).

Carlos Casares é amplamente recoñecido como figura senlleira nas letras galega: "é un dos máis grandes narradores galegos da segunda metade do século XX" (Ángel Basanta), "pervivirá na historia do noso país como un dos narradores máis importantes da modernidade" (Camiño Noia), "foi (é) un dos puntais indiscutibles da narrativa galega moderna" (Anxo Tarrío). Identificado de xeito radical coa lingua e a cultura galegas, viviu como un home do seu tempo, un cidadán da república universal das letras e un veciño do planeta, cultivando con esmero as relacións exteriores e a proxección internacional do país. Converteuse nunha das figuras máis representativas da cultura galega actual non só grazas ao seu excepcional talento creativo, mais tamén, e quizais sobre todo, pola súa dimensión pública, a súa implicación na vida social, institucional e cultural de Galicia, o seu sentido da responsabilidade, a súa capacidade de diálogo e a súa laboriosidade incansable e ao tempo intelixente e reflexiva. A súa singradura vital é un paradigma ético de honestidade, de incansable procura da verdade e de desinteresado altruísmo, radicado nun compromiso inequívoco coa creación artística, coas liberdades democráticas, cos valores da humanidade e coa singularidade do seu propio pobo.

Por Henrique Monteagudo

Obra

Narrativa
Vento ferido. Vigo: Galaxia, 1967.
Cambio en tres. Vigo: Galaxia, 1969.
Xoguetes pra un tempo prohibido. Vigo: Galaxia, 1975.
Os escuros soños de Clío. Santiago de Compostela: Edicións do Cerne, 1979.
Ilustrísima. Vigo: Galaxia, 1980.
Os mortos daquel verán. Vigo: Galaxia, 1987.
O galo de Antioquía. Santiago: Castromil, 1994.
Deus sentado nun sillón azul. Vigo: Galaxia, 1996.
Un polbo xigante. Vigo: Galaxia, 2000.
O sol do verán. Vigo: Galaxia, 2002.

Literatura infantil
A galiña azul. Vigo: Galaxia, 1969.
As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas. Vigo: Galaxia, 1973.
O can Rin e o lobo Crispín. Vigo: Galaxia, 1983.
Este é Toribio. Vigo: Galaxia, 1991.
Toribio contra o profesor Smith. Vigo: Galaxia, 1991.
Toribio e o contador de contos. Vigo: Galaxia, 1991.
Toribio ten unha idea. Vigo: Galaxia, 1992.
Toribio revoluciona o tráfico. Vigo: Galaxia, 1994.
Lolo anda en bicicleta. Vigo: Galaxia, 1996.

Estudos e ensaios biográficos
Semblanzas, entrevistas Coas raíces na terra: 18 figuras galegas. Vigo: Galaxia, 1980.
Curros Enríquez. Vigo: Galaxia, 1980.
Vicente Risco. Vigo: Galaxia, 1981.
Otero Pedrayo. Vigo: Galaxia, 1981.
Conversas con Ánxel Fole. Vigo; Galaxia, 1981.
Vida, obra e milagres de Xan da Cova. Vigo: Diario 16 de Galicia, 1992 [con X. Alonso Montero].
Ramón Piñeiro, unha vida por Galicia. Caixa Galicia, 1991.
Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1996.
A vida de Ánxel Fole. Vigo: Galaxia, 1996.
Un país de palabras. Vigo: Galaxia, 1998.
Hemingway en Galicia. Vigo: Galaxia, 1999.
Biografía de D. Juan de la Coba. Vigo: Galaxia, 2000.
A vida do Padre Sarmiento. Vigo: Galaxia, 2001.
Gonzalo Torrente Ballester. O escritor, o amigo. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2002.

Artigos na prensa
Na marxe de cada día. A Coruña: La Voz de Galicia, 1994.
Valcárcel, M. (ed.), Carlos Casares, punto de encontro. Ourense: Concello de Ourense, 2002.
Á marxe: palabra de escritor (2 de xaneiro – 10 de marzo de 2002). Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 2003.
Carlos Casares. 100 artigos. A Coruña: La Voz de Galicia, 2004.
Á marxe, 1992. Obra xornalística I. Vigo: Galaxia, 2005.
Á marxe, 1993. Obra xornalística II. Vigo: Galaxia, 2005.
Á marxe, 1994. Obra xornalística III. Vigo: Galaxia, 2006.
Á marxe, 1995. Obra xornalística IV. Vigo: Galaxia, 2006.
Á marxe, 1996. Obra xornalística V. Vigo: Galaxia, 2007.
Á marxe, 1997. Obra xornalística VI. Vigo: Galaxia, 2007.
Á marxe, 1998. Obra xornalística VII. Vigo: Galaxia, 2008.

Traducións ao galego
DE SAINT EXUPÉRY, A. O principiño. Vigo: Galaxia, 1972.
GRIPE, M. Os escarabellos voan á tardiña. Vigo: Galaxia, 1989.
HEMINGWAY, E. O vello e o mar. Vigo, Galaxia, 1998.
TORRENTE BALLESTER, G. La Bella Otero, París: Raíña Lupa / Santiago: Consorcio, 2000.
TORRENTE BALLESTER, G. Doménica. Madrid: Espasa Calpe, 1999.