Letras Galegas 2023
Francisco Fernández del Riego
Por Ramón Nicolás
En Vilanova de Lourenzá nace Francisco Fernández del Riego, o 7 de xaneiro de 1913, primeiro fillo dunha extensa familia. O seu pai, Vicente Fernández, fora emigrante en Cuba e a súa nai, malia o que o propio autor afirmaba, non contaba con devanceiros asturianos. Este achado débese ao seu biógrafo Manuel Román que testemuña como o que se produce é unha deturpación do seu apelido pois un antepasado seu nace sendo Manuel do Rego e morre, confirmando o proceso de castelanización, como Manuel Del Riego. Os avós maternos, Xesús e Dominica, eran propietarios de terras e casaríos na comarca e rexentaban un negocio de tecidos no baixo da casa en que vivían.
A súa infancia transcorreu coma a dun neno máis daqueles tempos, malia que presenciar un atentado que sufriu o seu pai o 17 de setembro de 1918 o deixara marcado. Este tentou defender un amigo da familia, Xoaquín Lozano, obxecto dun ataque como líder do movemento agrarista, e un disparo perforoulle os pulmóns, aínda que logrou restablecerse. De neno, Del Riego xa era moi afeccionado á lectura, debruzándose nos contos da editorial de José María Calleja e outros autores como os irmáns Grimm, Swift, Twain, Salgari ou Jules Verne.
Estuda nunha escola unitaria de Vilanova e prepárase cos frades do mosteiro laurentino para examinarse, por libre, no chamado Instituto de Segundo Ensino de Lugo e facer as probas do denominado bacharelato elemental, que aprobará e que lle permite ingresar no Colexio dos Escolapios, en Monforte de Lemos, no curso 1927-1928, onde prosegue a súa formación ao longo de tres anos. Alí realiza os primeiros traballos de carácter literario, que ven a luz na revista escolar Páginas Calasancias, e acada algún galardón en diversos premios literarios. Pouco despois, aparecen traballos asinados por el no semanario mindoniense Vallibria, dirixido por Xosé Trapero Pardo. Tras superar o bacharelato, aproba a denominada reválida na Universidade de Santiago de Compostela e inicia unha nova etapa na Universidade Central de Madrid para seguir o curso 1930-1931, onde frecuenta diversos espazos formativos e de lecer como bibliotecas, teatros ou faladoiros. Participa nas asembleas organizadas pola FUE (Federación Universitaria Escolar) e convértese nun activo defensor dos dereitos do estudantado, sumando o seu apoio aos presos políticos e participando en diferentes manifestacións.
Tamén en Madrid comeza a militar na causa do galeguismo tras a lectura de Rosalía, Curros, Antón Villar Ponte e, sobre todo, pola influencia que exerceu nel a Teoría do nacionalismo galego de Vicente Risco.
Unha vez rematado o curso, xunto cun amigo redacta, imprime e distribúe un manifesto o 25 de xullo, pendura a bandeira galega na fachada do concello de Lourenzá e pronuncia un discurso, con só dezaoito anos, desde o balcón do edificio para concluír co canto do himno galego.
Trasládase con toda a súa familia a Santiago de Compostela, onde residirá nunha vivenda da rúa da Virxe da Cerca para proseguir os estudos de Dereito. Grazas a Lois Tobío irase introducindo no ambiente político e intelectual do nacionalismo. Frecuenta a sede do Seminario de Estudos Galegos en Fonseca e coñece a Ricardo Carvalho Calero, Sebastián García-Paz, Antonio Fraguas, Xurxo e Xocas Lourenzo e un longo etcétera de persoeiros comprometidos coa Galicia daquel tempo. Tamén estreita relacións con Ánxel Casal, propietario da editorial Nós, lugar onde redacta follas publicitarias dos libros que se editan. Participa na Semana Cultural Galega que se desenvolve no Porto do 30 de marzo ao 6 de abril de 1935 e comeza a escribir nas páxinas de El Pueblo Gallego; igualmente envía colaboracións á revista La Universitat Catalana e ao xornal La Publicitat. No 1933 asume a responsabilidade de dirixir o semanario A Nosa Terra, voceiro do Partido Galeguista, ata que o substitúe Aquilino Iglesia Alvariño.
A súa sinatura convértese nunha constante no Heraldo de Galicia (Ourense), Galicia e A Fouce, de Buenos Aires, Guieiro, da Federación de Mocedades Galeguistas, Ser (semanario de esquerdas que chegou a dirixir durante un tempo, substituíndo o director, Ramón Suárez Picallo), na revista Alento e, por suposto, na revista Nós, onde se responsabiliza de numerosas notas anónimas de información cultural e da recensión de libros.
A FUE elíxeo para pronunciar o discurso de apertura do curso 1933-1934 no que avoga pola galeguización da universidade e a cooficialidade dos idiomas galego e castelán
Colabora estreitamente na organización xuvenil Ultreya, concibida por Álvaro de las Casas coa vontade de aglutinar xente nova coa intención de espallar a cultura, a lingua e a realidade xeográfica e histórica de Galicia.
Por estes anos ingresa na Asociación Profesional da Facultade, pertencente á FUE e asiste a algunhas clases do primeiro curso de Filosofía de Letras. Signifícase como representante do estudantado na xunta de goberno da Universidade, participando en actividades reivindicativas, polo que lle foi instruído un expediente que non chegou a ter consecuencias para el pola solidariedade manifesta dos seus compañeiros. O seu compromiso como estudante da Universidade de Santiago de Compostela conduciuno a implicarse na dirección da revista Universitarios e a propia FUE elíxeo para pronunciar o discurso de apertura do curso 1933-1934 no que avoga pola galeguización da universidade e a cooficialidade dos idiomas galego e castelán.
Tras licenciarse, accede directamente á docencia como profesor axudante dos tres cursos de Dereito Civil e imparte clases na cátedra de Civil Conxunto, alén de dirixir as prácticas de Dereito de Familia e Sucesorio.
Alén de todo isto, actúa como secretario do galeguismo compostelán e asume a secretaría xeral da Federación de Mocedades. Igualmente, ostenta a secretaría técnica do Comité de Organización da Asemblea de Concellos no seo do cal se redactaría o proxecto do Estatuto. A súa presenza é unha constante nos actos políticos como membro do Partido Galeguista, compartindo encontros cos principais membros do galeguismo. Entre outras frontes nas que participa, cómpre citar tanto a súa actuación no Galeuzca (1935), para articular alianzas con outras forzas nacionalista, coma a xestación da Asociación de Escritores Galegos, colectivo creado para defender os intereses dos creadores.
Ao trasladarse a súa familia á barriada de Casas Baratas, preto do Sar, coñece a Evelina Hervella Nieto, con familia en Valdeorras e que cursaría a carreira de Farmacia. Ao pouco de coñecérense inician o seu noivado e, andado o tempo, casarán na terra dela.
O golpe de Estado e os primeiros anos da posguerra
Cando se produce o golpe de Estado en xullo de 1936 agóchase durante un tempo en diferentes casas ata que decide incorporarse ao exército sublevado como único modo de salvar a súa vida. Neses días, recibe no seu domicilio un oficio do reitor da universidade a través do cal se lle comunicaba o cesamento como profesor universitario e a inhabilitación para exercer a docencia en centros de ensino, alén de prohibírselle participar en actividades culturais. O Tribunal de Responsabilidades Políticas sanciónao co impedimento para exercer cargos públicos e imponlle unha multa de 3000 pesetas por ser dirixente da FUE, membro destacado do Partido Galeguista e propagandista na campaña pro-Estatuto.
Pasa a guerra en diversos destinos en virtude das necesidades do exército sublevado e retorna a Compostela, mais sabe que aínda está en perigo polo que resolve falar con Valentín Paz Andrade para que lle procure algunha ocupación profesional en Vigo. Paz Andrade só lle pode ofrecer unha colaboración na revista Industrias Pesqueras cunha remuneración moi modesta. En Vigo vive nun cuarto alugado, humilde, pensando nun futuro sombrizo. Comeza a ensinar literatura e filosofía no colexio Mezquita evitando, nesta época, o emprego do segundo apelido para que non o identificasen pois seguía inhabilitado para a docencia. Co obxectivo de procurar certa estabilidade económica, colabora e, nalgúns casos, dirixe, aínda que anonimamente, publicacións tan variadas como a revista dos farmacéuticos de Vigo ou a publicación deportiva Imán, promovida pola imprenta Roel.
Por volta de cumprir un ano en Vigo casa na Rúa de Valdeorras con Evelina Hervella e ao pouco tempo incorpórase como profesor no colexio Labor de Vigo. Tamén publica artigos na prensa local viguesa e noutras cabeceiras empregando o pseudónimo de Salvador Lorenzana, que alterna con outros como S. L., Cosme Barreiros, Alevín, Adrián Solovio, Ronsel ou Adrián Soutelo.
Cofunda unha academia para preparar alumnado diante da chamada reválida universitaria: a academia Sigma, no último andar dunha casa da praza da Constitución de Vigo onde imparte docencia das materias de letras. Alén diso e das traducións para a revista Industrias Pesqueras, incorpórase á redacción da revista Industria Conservera. En 1945 falece o seu pai e decide traer a nai e os irmáns máis novos á súa casa de Vigo.
Nunha casa alugada de planta baixa á beira da praia en Coruxo pasa os veráns. Este lugar convértese nun espazo de encontros para os galeguistas do exilio interior e do exilio exterior. Ao mesmo tempo, en Vigo frecuenta varios faladoiros como os do café Derby ou o do Suevia.
Del Riego teima en conquistar un futuro distinto ao que vivía a Galicia daquel momento e para iso intenta a reconstrución do Partido Galeguista por volta do ano 1942. Nese proceso desempeña un papel relevante como ponte cos exiliados aglutinados no denominado Consello de Galiza.
En 1949 publica o seu primeiro libro, 'Cos ollos do noso esprito', coordina as emisións en lingua galega da BBC de Londres e comeza a colaborar no xornal compostelán 'La Noche'
Tendo presente a obrigada discreción no seo destas actividades políticas clandestinas, recibe a visita dunha persoa que quere pór en marcha en Galicia a chamada Unión de Intelectuais Libres. Négase a formar parte do proxecto, mais, pasado un ano, é detido xunto con outras persoas acusado de presidir a Unión de Intelectuales Libres (UIL) galega. Rexeita as falsas imputacións, mais trasládano ao cárcere da rúa do Príncipe (1947) onde permanecerá recluído e incomunicado ao longo de dúas semanas.
En 1949 publica o seu primeiro libro, Cos ollos do noso esprito, editado pola Federación de Sociedades Gallegas de Buenos Aires. Ademais, coordina as emisións en lingua galega da BBC de Londres e comeza a colaborar no xornal compostelán La Noche. Tempo despois, o director do xornal encoméndalle a el e a Xaime Isla Couto realizar un suplemento de carácter cultural, que se converte nun referente para a recuperación cultural malia a súa curta duración, pois foi pechado, por decisión gobernativa, o 25 de xaneiro de 1950 tras un número dedicado á memoria de Castelao.
O nacemento de Galaxia
Pouco despois, tamén con Isla Couto, decide constituír unha sociedade anónima coa denominación de Galaxia S.A. Ao pouco tempo recíbense numerosas adhesións e subscricións, tanto de Galicia como de América, e a asemblea constituínte ten lugar nun salón do hotel Compostela, de Santiago, en xullo de 1950, onde é elixido secretario dunha xunta directiva presidida por Ramón Otero Pedrayo. Con Ramón Piñeiro, que acababa de saír do cárcere, comeza a traballar no primeiro número da chamada Colección Grial. Os cadernos padecerían a censura da época e só duraron ata a cuarta entrega xa que axiña decretaron o cesamento da colección. Malia iso, nada desalentaba a Del Riego: pasaba á máquina os textos, dirixía na imprenta a diagramación, a composición e mais o axuste axeitado das páxinas; corrixía as probas de imprenta onde cumpría un papel fundamental no establecemento do galego denominado “protoestándar” -vixente dos anos cincuenta ata a aprobación das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego do ano 1982- ou facía os paquetes que el mesmo depositaba no correo.
Algúns anos despois encargaríase da codirección, tamén xunto con Ramón Piñeiro desde 1963 ata 1988, dunha revista fundamental, de carácter trimestral, que segue a publicarse aínda hoxe: Grial. Revista Galega de Cultura.
A todo este labor sumóuselle a confección de manuais divulgativos que se ocupaban de diferentes eidos da nosa cultura e de aí saíu a primeira edición, en 1951, da súa Historia de la Literatura Gallega, que anos despois se traduciría ao galego e se convertería nun libro referencial e de consulta durante moitos anos. Tamén supervisa a impresión, e realiza algunha colaboración informativa de tema pesqueiro, da Revista de Economía de Galicia (1958-1968).
Francisco Fernández del Riego desempeñou un papel clave na vinculación entre o universo do exilio franquista e a Galicia do interior
No ano 1963 participa nun proxecto político na clandestinidade como foi a fundación do denominado Partido Socialista Galego. Tamén nese ano desenvolve un papel fundamental na creación e dirección da Biblioteca Penzol, desde a súa primeira sede, na rúa Policarpo Sanz de Vigo, ata os novos locais cedidos polo concello, situados entre a praza da Princesa e a praza da Constitución denominándose, a partir de entón, Casa Galega da Cultura. Tempo despois, o primeiro andar enriquécese cos fondos da Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, que el mesmo cedeu á cidade de Vigo, xunto coa súa valiosa pinacoteca: unha cesión que incluía trinta mil volumes, alén dun arquivo único de documentos contemporáneos entre os que salienta o seu arquivo epistolar. Á fronte dela, sen retribución económica, desde 1963 até pouco tempo antes do seu falecemento, o seu traballo supuxo un exemplo modélico de entrega e xenerosidade.
Desempeñou un papel clave na vinculación entre o universo do exilio franquista e a Galicia do interior. Foi precisamente na Arxentina onde publicou o seu primeiro libro e outros como Danzas populares gallegas (1950) ou Galicia no espello (1954). Ao mesmo tempo, escribe con regularidade na revista Galicia, órgano do Centro Gallego de Buenos Aires, e na revista Galicia Emigrante publicaría artigos, comentarios e outras colaboracións. Prepara, igualmente, a pedimento do propio Centro Gallego bonaerense, a edición da Obra completa de Ramón Cabanillas (1959) e unha escolma dos traballos xornalísticos de Antón Villar Ponte publicados baixo o título de Pensamento e sementeira (1971).
Ao retorno dunha viaxe realizada a Buenos Aires en 1954, prodúcese a súa segunda detención. Ao chegar ao porto Vigo agardaban por el o cónsul do Uruguai, Muñoz Moratorio, varios amigos e un grupo de gaiteiros. Despois da benvida decidiuse celebrar un xantar nun restaurante das aforas. O gobernador civil acabou sancionando o dono do local por carecer da autorización preceptiva para organizar o xantar, ao seren máis de tres comensais. Pasados algúns meses, logo de que os xornais da emigración criticaran aquela sanción, o gobernador culpouno desas reaccións. Detéñeno na súa casa de Vigo tras realizaren nela un rexistro moi minucioso. Trasladado a Pontevedra, interrógano e ingrésano no cárcere da Parda como único preso político da prisión. Ao inhibirse o tribunal militar que o ía xulgar, pasou a mans da maxistratura civil, que decidiu decretar a súa liberdade sen cargos.
Tras esta experiencia, segundo as súas propias palabras, opta por renunciar ao cargo de secretario e conselleiro do consello de administración de Galaxia para non comprometer as súas funcións debido aos seus antecedentes e detencións, aínda que seguía comprometido con diversos traballos na editorial. Pasado certo tempo, retomaría a angueira editorial nun posto de nova creación como era o de xerente. Recentes investigacións debidas á biógrafa Malores Villanueva indican que esta renuncia se produciría tres anos antes, concretamente en 1951.
Incorpora ao catálogo da editorial Galaxia obras de Cunqueiro e cobre lagoas de carácter divulgativo como testemuñan a Escolma de poesía galega: os contemporáneos (v. III, 1955) ou a Escolma de poesía galega: o século XIX (v. IV, 1957), textos compilatorios que terían continuidade anos despois con Poesía galega: do dezanove aos continuadores (1976) e Poesía galega: do posmodernismo aos novos (1980), alén do Vocabulario gallego-castellano (1979). Cómpre non esquecer igualmente o labor de antólogo recollido no volume Vicente Risco. Escolma de textos (1981) ou na escolma, en dous volumes, do Pensamento galeguista do XIX e do XX (1983).
Unha das iniciativas de indiscutible proxección que presentou á Real Academia Galega foi a celebración do Día das Letras Galegas. Anos despois presidiría a institución
Por outro lado, foi elixido como membro correspondente da Real Academia Galega o 4 de abril de 1948, e nomeado membro numerario por maioría o 22 de maio de 1960. O 26 de novembro dese mesmo ano ingresa na institución dando lectura ao discurso titulado Un país e unha cultura. A idea de Galicia nos nosos escritores, que foi respondido, en nome da institución, por Ricardo Carvalho Calero. Unha das iniciativas de indiscutible proxección que presentou, co apoio de dous académicos máis como foron Manuel Gómez Román e mais Xesús Ferro Couselo, foi a celebración do Día das Letras Galegas. Anos despois presidiría a RAG, responsabilidade que asumirá desde novembro de 1997 ata novembro de 2001. A súa intención confesada era a de modernizar o espírito da institución, alentando académicos electos a que ingresasen nela dando lectura aos seus discursos, e así aconteceu con diversas persoas como Xaime Isla, Andrés Fernández - Albalat, Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo ou Antón Santamarina; ademais estimulou e apoiou a incorporación á entidade doutras voces como Xohana Torres, Xosé Neira Vilas ou Xosé Luís Méndez Ferrín. Entre outros obxectivos, responsabilizouse de reformar os estatutos e introduciu diversas novidades como a supresión do mandato vitalicio do presidente e da Comisión Executiva.
En 1974 publica un libro moi querido por el: Letras do noso tempo e, en 1978, Antolín Faraldo. Un precursor, base do que anos despois se convertería no volume Antolín Faraldo. O gran soñador (1988). No ano 1978 publica tamén a súa primeira tradución en forma de libro: Grandeza e decadencia do reino de Galicia, do exiliado Emilio González López, e preséntase como candidato polo Partido Socialista Galego na Candidatura Democrática Galega ao Senado.
Un traballador incansable ata os últimos anos da vida
Ao longo da década dos anos sesenta e setenta a súa presenza no Faro de Vigo é moi recorrente, sobre todo na época en que o dirixiu Álvaro Cunqueiro e, a partir dos anos oitenta, colaborará con frecuencia nas páxinas literarias e de opinión de La Voz de Galicia ata poucos meses antes do seu falecemento. Tamén por estas datas adquire unha vivenda fronte ao areal de Lourido, en Nigrán, onde pasará as vacacións e outros períodos de descanso ao longo dos seus últimos anos de vida.
En 1979 recollerá o Pedrón de Ouro e tamén asina, con outras sesenta e seis persoas, un manifesto que aglutinaría diversas tendencias políticas baseado na defensa da personalidade de Galicia e o respecto aos seus valores históricos baixo a denominación de Realidade Galega.
En 1981 prepara, para o Día das Letras Galegas, a pedimento da Real Academia Galega, o libro divulgativo Vicente Risco. Escolma de textos e un ano despois recibirá o premio vitalicio da Fundación Barrié de la Maza na illa da Toxa. En 1983 publica Ánxel Casal e o libro galego, outra monografía substancial e pioneira sobre o propietario da Editorial Nós e alcalde asasinado de Santiago de Compostela. Dous anos despois outórgaselle a Medalla Castelao da Xunta de Galicia e publica un adianto da súa novela O cego de Pumardedón na revista Grial (nº 87) que, finalmente, verá a luz en 1992.
O concello de Vigo outórgalle o 24 de febreiro de 1988 a Medalla de Ouro da cidade e ese ano recibe tamén o premio Trasalba da Fundación Otero Pedrayo, alén de publicar O señor da Casa Grande de Cima de Vila, volume no que ofrece unha visión persoal e documentada do autor de Arredor de si. A cidade olívica tamén o homenaxeará ao outorgarlle unha praza co seu nome onde instalará unha escultura, realizada por Álvaro de la Vega, que se inaugurará o 15 de xullo de 2000. Igualmente en 1988 inaugúrase a rúa Fernández del Riego en Vilanova de Lourenzá e, un ano despois, asistirá á colocación dunha placa na súa casa natal.
Alén de multitude de recoñecementos recibidos, nas décadas dos anos noventa e dous mil publicará libros relevantes na súa biografía intelectual entre os que unicamente salientamos, xunto a ensaios sobre voces que protagonizaron o Día das Letras Galegas e numerosos volumes que recollen as súas relacións epistolares, o Diccionario de escritores en lingua galega, os libros de memorias O río do tempo: unha historia vivida (1990) e Camiño andado (2003); o volume Galicia (1994) no que recolle as súas experiencias viaxeiras converténdose nun percorrido histórico, social e cultural sobre o noso propio país ou A xeración Galaxia (1996), fundamental para coñecer, desde unha visión interna, a relevancia das tarefas levadas a cabo polas persoas que constituíron este grupo xeracional.
En outubro de 2002 recibe unha homenaxe por parte da corporación municipal de Nigrán que acorda nomealo fillo predilecto do concello onde pasaba longas tempadas no verán. Celébrase, así, un acto cultural de recoñecemento e a descuberta dunha placa no areal de Lourido polo que tantas veces paseara. Uns meses antes, concretamente o día 8 de marzo, a Fundación Premios da Crítica Galicia réndelle unha magna homenaxe e máis adiante editará un coidado volume de autoría colectiva baixo o título de Francisco Fernández del Riego.
A finais de xaneiro de 2004 é sometido a unha intervención cirúrxica no Hospital Xeral - Cíes de Vigo que se resolveu favorablemente e tres anos despois falece a súa esposa. Nos anos finais da súa vida estivo ao coidado, entre outras persoas, de Nancy, Lolita -viúva do seu irmán Joaquín- e mais Enrique Méndez. Asemade, é de destacar o acompañamento e coidado que lle dispensou, nos derradeiros anos, a docente e escritora Malores Villanueva. A súa casa estaba aberta para recibir visitas de amigos, entre os que se contaba Francisco Domínguez, con quen despachaba semanalmente sobre asuntos relacionados coa Biblioteca Penzol.
O 7 de xaneiro de 2010, día do seu aniversario, un grupo de amigos e amigas fai unha solta de 97 pombas ao pé da súa casa. Uns meses máis tarde, o 23 de novembro de 2010, falece no seu domicilio da cidade de Vigo. Os seus restos son incinerados na máis estrita intimidade familiar e as súas cinzas depositáronse no cemiterio de San Pedro da Ramallosa (Nigrán), a carón das da súa dona Evelina Hervella.
Desde aquela data ata hoxe foron innumerables os recoñecementos e homenaxes que se lle tributaron. O Día das Letras Galegas 2023 incidirá neste xusto recoñecemento para alguén que traballou incansablemente polo noso país.
Ramón Nicolás
Académico correspondente