Manuel María Fernández Teixeiro

Ano 2016

Manuel María Fernández Teixeiro

1/9

Biografía


A terra que tanto o inspirou, Outeiro de Rei, viu nacer a Manuel María Fernández Teixeiro o 6 de outubro do ano 1929. O primoxénito de Pastora Teixeiro Casanova e Antonio Fernández Núñez veu ao mundo na Casa de Hortas, o lugar que hoxe acolle a casa museo dedicada á súa figura. O futuro poeta medrou naquel fogar labrego acomodado tendo acceso a algunhas obras da literatura galega ou ao Gaiteiro de Lugo, que adoitaba mercar o seu pai. Pero tamén na escola á que acudiu en Rábade, á outra beira do río Miño, tivo un primeiro achegamento á poesía na lingua nai. Malia os tempos que corrían, o seu mestre dedicaba os sábados á lectura de Amado Carballo ou Manuel Antonio, que máis adiante deixarían pegada no primeiro poemario de Manuel María.

O vínculo afectivo coa Casa de Hortas manteríase sempre forte, pero con só 12 anos, tras a morte do pai, marchou vivir a Lugo co seu tío, Xosé Fernández Núñez, o párroco de San Froilán. Home severo e de gran formación intelectual, marcou o seu espertar á mocidade, no que ben axiña amosou o seu interese polo mundo literario. Manuel María soubo aproveitar como lector a biblioteca do tío, mais tamén gastaba os cartos que tiña en librarías de vello enchoupándose nos clásicos. Como poeta fincaba tamén alicerces: de volta a Outeiro de Rei polo verán, Manuel Paderna, xornaleiro na Casa de Hortas, aprendíalles a el e a outro rapaz a compoñer versos.

Tras un tempo nos Maristas, no quinto curso trasladouse ao Instituto de Lugo para rematar o bacharelato. Foi nesa época cando coñeceu a quen sería un dos seu grandes amigos, Uxío Novoneyra, e tamén aos intelectuais galeguistas que estaban na cerna da recuperación cultural no Lugo de finais dos anos 40 e comezos dos 50. Foi grazas ao seu profesor de Literatura, Lázaro Montero, cando lle presentou a Celestino Fernández de la Vega para que impartise unha conferencia no Círculo das Artes, dentro dun ciclo titulado "Los jóvenes valores lucenses". Manuel María coñeceu naquel acto a Luís Pimentel, a Juan Rof Codina e a outros habituais do faladoiro do Cantón Bar, que pouco despois se trasladaría ao Méndez Núñez.

En 1949, xunto ao seu amigo Manuel Antonio Sopena, Manuel María fundou a revista de poesía na que faría públicos por primeira vez versos da súa autoría. A publicación, por suxestión de Pimentel, chamouse Xistral, nome que anos despois foi recuperado para a colección de poesía que creou con Ánxel Xoán. Pouco despois, en 1950, saía do prelo o seu primeiro libro, Muiñeiro de brétemas, escrito un ano antes, cando só tiña 19 anos. Con este poemario converteuse no primeiro autor novo en publicar en galego tras a guerra civil. Aínda debedora da mocidade, esta obra inaugurou a denominada Escola da Tebra, caracterizada pola influencia da filosofía existencialista de Martin Heidegger e Karl Jaspers, así como pola obra de Jean-Paul Sartre e Albert Camus.

O seu desexo era estudar Filosofía, pero en 1950 acabou matriculándose por libre na carreira de Dereito por vontade do seu tío. Froito daquela frustrante e curta experiencia, nunha noite de insomnio, segundo el mesmo contaría despois, escribiu Morrendo a cada intre, publicado en 1952. A morte do seu irmán pequeno nun atropelo incrementou a angustia existencial e deu lugar a Libro de pregos. Escrito en 1951, este poemario gañou o Premio Eduardo Pondal de Poesía en Buenos Aires en 1955 mais non se publicaría ata 1962. Desa época de desasosego é tamén Advento, co que gañou o Premio Castelao de Poesía do Centro Galego de Buenos Aires no ano 1952.

Os versos da crise persoal de mocidade deron paso a unha nova etapa de apertura á paisaxe, inaugurada con Terra Chá. Manuel María coidaba que esta obra foi froito das lecturas d'O ermo de Noriega compartidas con Novoneyra no tempo libre que lles quedaba cando cadraron no campamento de Parga. Pero a maior parte do servizo militar fixérona os dous novos poetas en Compostela, onde Manuel María iniciou unha estreita relación con Ramón Otero Pedrayo e, sobre todo, co pintor Carlos Maside, que o introduciu nas teses marxistas. Alí tamén se incorporou ao faladoiro do Café Español a carón de Borobó, Bouza Brey, Ramón Lugrís, García Sabell, Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo... e outros escritores máis novos como Pura Vázquez, Pilar Vázquez Cuesta, Celso Emilio ou Xosé Manuel Beiras. Manuel María era, xa naquela altura, coñecido nos centros culturais do país e participaba en numerosos recitais de poesía. Arredor de 1954 foi convidado por Ramón González Alegre, director da revista Alba, a colaborar na publicación e na súa casa coñeceu a dous poetas dos máis novos: Bernardino Graña e Xosé Luís Méndez Ferrín, co que mantería unha estreita relación. Ese mesmo ano viu publicados Advento e Terra Chá e gañou os Xogos Florais de Ourense, recoñecemento ao que seguirían moitos outros nos vindeiros anos.

Para se gañar a vida, o poeta decidiu preparase para procurador dos tribunais. Tras o servizo militar e de regreso a Lugo, mentres preparaba estas probas, que superaría en 1957 cunha das máximas cualificacións, Manuel María coñeceu a Saleta Goy, a súa muller e compañeira na meirande parte dos seus proxectos, presente tamén en diante ao longo da súa obra. A parella instalouse en Monforte de Lemos en 1958.

Nos anos sesenta e setenta a poesía e a narrativa de Manuel María avanzou desde unha voz existencialista ou pesimista cara ao compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo. No entanto, a carón do traballo intelectual, o poeta manifestou o seu compromiso na militancia política clandestina e formou parte da UPG e da Fronte Cultural da ANPG. A súa opción provocoulle marxinación en certos sectores intelectuais que, se ben traballaban na resistencia cultural, non aprobaban a participación en organizacións políticas marxistas. Neste contexto, a disparidade de posicións con respecto ao grupo de Galaxia levouno a crear Edicións Xistral no ano 1967. Desde este selo, coa colaboración de Basilio Losada e Lois Diéguez, lanzaría a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Xosé Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Lois Diéguez, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, Xosé Luís Álvarez Pousa, Fiz Vergara Vilariño, Xosé Lois García, Bernardino Graña e o propio Manuel María. O mesmo nome que a editora levaríao a libraría que abriu xunto a Saleta en 1970, un auténtico centro de dinamización cultural desde Monforte.

Para daquela Manuel María era xa un dos poetas máis coñecidos de Galicia, mentres seguía a participar en múltiples iniciativas culturais. El mesmo presentou a Raimon no recital que o cantautor catalán deu no ano 1967 na Residencia de Estudantes de Santiago, que serviu de acicate para o nacemento dunha nova canción en lingua galega e antifranquista. Fixo igualmente o propio no concerto de presentación de Voces Ceibes, celebrado o 1 de decembro de 1968 na mesma cidade e incluso gravou ese ano un disco no que recitaba versos da súa autoría, Manuel María. Poemas ditos coa súa voz.

Do 68 é tamén o seu primeiro libro de poemas infantís, Os soños na gaiola, escrito cando a produción literaria en galego para o público máis novo apenas sumaba uns poucos títulos e unha década antes da introdución oficial da lingua galega no ensino. Tras saír á luz por primeira vez nunha edición non venal, en 1972 a Editorial Celta reeditouno e sería a partir dese momento cando empezaría a gañar popularidade, se ben á súa sona axudou moito o disco do mesmo nome que Suso Vaamonde gravou 1978, no que cantaba os seus versos. Pouco despois, en 1979, Manuel María fixo público As rúas do vento ceibe, outro éxito da poesía para o público máis novo e outra contribución destacada á normalización do idioma entre as novas xeracións.

Desde finais dos setenta e ao longo da década seguinte, a implicación política do escritor fora en aumento. Esta faceta tivo tamén a súa expresión poética, especialmente a partir de "Acuso á clase media" e outros poemas de perfil social e político incluídos en Remol (1970). En 1977, nas primeiras eleccións parlamentarias tras o franquismo, presentouse de número un na lista do BN-PG ao Senado por Lugo e nas primeiras eleccións municipais foi escollido concelleiro polo BNG en Monforte de Lemos. Máis tarde chegou a ruptura coa UPG-Liña Proletaria liderada por Ferrín, que concluíu coa continuidade de Manuel e Saleta na UPG.

A súa produción literaria non se viu reducida por mor da implicación política. Pola contra, o escritor multiplicou a súa actividade. A diversidade nos xéneros que cultivou foi recoñecida ao gañar, en 1976, o I Concurso de guións cinematográficos de Nós. Cinematográfica Galega. Na súa poesía, 1977 supón un ano ponte entre Poemas para construír unha patria, o libro máis definido na aposta nacionalista, e Poemas ao Outono, que marcou en parte unha nova etapa que continuou con Poemas da labarada estremecida, publicado en 1981. Este libro, cun claro cambio de rumbo, dedicouno á súa historia de amor, analizando a vida desde unha perspectiva máis madura, con maior preocupación pola forma dos versos e no que se produce, tamén, un regreso á infancia, á paisaxe das súas orixes, Outeiro, a Terra Chá. En diante a poesía social ou patriótica que tanto cultivara na etapa anterior case desapareceu da súa produción, que seguiu a ser intensa.

Ademais de poesía, escribiu ensaios sobre Bouza Brey, Celso Emilio Ferreiro, Gabriel Aresti ou Crecente Vega e publicou pezas de teatro e centos de artigos en xornais e revistas galegas ou de fóra como El Ideal Gallego, El Correo Gallego, El Progreso, Grial ou A Nosa Terra, onde escribiu baixo o pseudónimo Manuel Hortas Vilanova.

Como persoa comprometida socialmente, entre as últimas iniciativas coas que colaborou figuran as de Burla Negra e a Plataforma Nunca Máis, a raíz do desastre do Prestige. En 1999 volveu ademais concorrer nunha lista electoral, polo BNG, na cita coas urnas que supuxo a designación do primeiro deputado nacionalista galego no Parlamento Europeo.

Ao longo da súa vida, foi recoñecido con numerosos galardóns como o Premio Celanova, Casa dos Poetas, outorgado en 1990, ou o Pedrón de Ouro, que recibiu en 1994 na Casa Museo de Rosalía de Castro. O 15 de setembro de 1995 a Asociación Socio-Pedagóxica Galega dedicoulle unha homenaxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña e, en maio de 1997, a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou en Outeiro de Rei a homenaxe O escritor na súa Terra, na que se plantou un carballo, se descubriu unha pedra conmemorativa e se inaugurou unha rúa co nome do poeta. Outros lugares coma Lugo, Monforte ou A Pobra do Caramiñal contan tamén cunha rúa na súa honra. A influencia do escritor foi tal que a súa reivindicación da Terra Chá obtivo os seus froitos cando, en xuño de 1990, a Asociación Xermolos celebrou os Primeiros Encontros na Terra Chá. En 1999, os centros de ensino da comarca, xunto con colectivos culturais e concellos, decidiron celebrar todos os 21 de marzo o Día das Letras Chairegas, cuxo primeiro homenaxeado, no ano 2000, foi Manuel María. Noutra terra importante na súa vida, Monforte de Lemos, o poeta foi nomeado fillo adoptivo en 1987.

O 15 de febreiro de 2003, a proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín, ingresou na Real Academia Galega co discurso A Terra Chá: poesía e paisaxe.

Obra


Autor dunha das obras máis extensas da historia da nosa literatura, Manuel María foi, sobre todo, poeta.

Obra poética

- Muiñeiro de brétemas. Pontevedra: Gráficas Torres, 1950.
- Cinco pequenos poemas. Lugo: Antonio de Ron, 1951.
- Morrendo a cada intre. Lugo: Imp. La Voz de la Verdad, 1952.
- Advento. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1954.
- Terra Chá. Lugo: Celta, 1954.
- Libro de cantigas. Lugo: [s.n.], 1955.
- Documentos personaes. Lugo: Celta, 1958.
- Libro de pregos. Lugo: Celta, 1962.
- Mar Maior. Vigo: Galaxia, 1963.
- Versos frolecidos en louvanza de Foz. Foz: Bahía, 1967. Primeiro premio e 'frol natural' nos primeiros Xogos Florais de Foz, celebrados en 1966.
- Proba documental. Monforte de Lemos: Fénix, 1968.
- Versos pra un país de minifundios. Bos Aires: Nós, 1969.
- Versos pra cantar en feiras e romaxes. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1969.
- Remol. Bos Aires: Nós, 1970.
- Canciós do lusco ó fusco. Monforte de Lemos: Xistral, 1970.
- Noventa e nove poemas de Manuel María. Razão Actual: Porto, 1972.
- Odes num tempo de paz e de alegria. Razão Actual: Porto, 1972.
- Aldraxe contra a xistra. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973.
- Informe pra axudar a alcender unha cerilla. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1973.
- Laio e clamor pola Bretaña. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973.
- Seis pétalos de rosa en xeito de retrato. Ed. do autor, 1973. Asinado co pseudónimo Xohán Carneiro.
- Cantos rodados para alleados e colonizados. Monforte de Lemos: Xistral, 1976.
- Poemas ó outono. Monforte de Lemos: Xistral, 1977.
- Poemas para construír unha patria. Santiago de Compostela: AN-PG, 1977.
- O libro das baladas. Santiago de Compostela: Follas Novas, 1977.
- Catavento de neutrós domesticados. Lugo: Alvarellos, 1979.
- Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1981.
- Versos do lume e do vagalume. Ourense: Galiza Editora, 1982.
- Cantigueiro do Orcellón. O Carballiño: A. C. Avantar, 1984.
- A luz ressuscitada. A Coruña: AGAL, 1984.
- O camiño é unha nostalxia. A Coruña: Arrancada, 1985.
- Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1985.
- Oráculos para cavalinhos-do-demo. Ourense: Caixa Ourense, 1986.
- Ritual para unha tribu capital do concello. Ourense: Follas Secas, 1986.
- As lúcidas lúas do outono. A Coruña: Vía Láctea, 1988.
- Sonetos ao Val de Quiroga. Quiroga: Concello de Quiroga, 1988.
- Saturno. Barakaldo: A. C. Rosalía de Castro, 1989. Ed. Bilingüe galego-éuscaro.
- Cancioneiro de Monforte de Lemos. Monforte de Lemos: Concello de Monforte, 1990.
- Homenaxe ao regato do Cepelo. Ed. do autor, 1990.
- Compendio de orballos e incertezas. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1991.
- Hinos pra celebrar ao século futuro. Santiago de Compostela: Ed. Compostela, 1991.
- Panxoliñas. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1992.
- Antoloxía poética. A Coruña: Espiral Maior, 1993.
- Poemas a Compostela. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1993.
- A primavera de Venus. A Coruña: Espiral Maior, 1993.
- Cantigas e cantos de Pantón. Pantón: Concello de Pantón, 1994. Editor literario.
- Poemas para dicirlle a dúas lagoas. A Coruña: Espiral Maior, 1994.
- O Miño, canle de luz e néboa. A Coruña: Espiral Maior, 1996.
- Antoloxía poética. Vigo: AS-PG/A Nosa Terra, 1997.
- Sonetos á casa de Hortas. A Coruña: Espiral Maior, 1997.
- Cantos, coplas e romances de cego. Lugo: Ophiusa, 1998.
- MiniEscolma. Ed. do autor, 1998.
- Brétemas do muiñeiro. Pontevedra: Colección Hipocampo Amigo, 2000.
- Camiños de luz e sombra (2000).
- Obra poética completa I (1950-1979) e II (1981-2000). A Coruña: Espiral Maior, 2001.
- Elexías á miña vida pequeniña. Vilalba: Instituto de Estudos Chairegos, 2004.
- Poemas escollidos. Outeiro de Rei: Casa-Museo Manuel María, 2015.

Obra narrativa

- Contos en cuarto crecente. Lugo: Celta, 1952.
- O xornaleiro e sete testemuñas máis. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1971.
- Kricoi, Fanoi e Don Lobonis. Vigo: Castrelos, 1973.
- Os ontes do silencio. A Coruña: Nova Galicia, 1990.
- Novena a Santa Isabel, por un devoto de Outeiro de Rei. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1995.
- Historias do empardecer. Santiago de Compostela: Laiovento, 2003.

Obra dramática

- Auto do labrego: a Ramón Patiño, amigo, pintor e poeta, e mais que nada, galego. Porto: Escola tip. da oficiana de São José, 195?.
- Auto da costureira. Bos Aires: Hogar Gallego para Ancianos, 197?.
- Auto do taberneiro. 4 ventos. Monforte de Lemos: Xistral, 1970. 2ª ed.
- Auto do mariñeiro (brevísima farsa dramática en tres tempos). Monforte de Lemos: Xistral, 1970.
- Barriga verde. Vigo: Castrelos, 1968.
- Auto trascendental do ensino tradicional (1979).
- Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela. Monforte de Lemos: Xistral, 1981.
- Auto do Maio esmaiolado, en Cadernos da Escola Dramática Galega, 1985.
- Abril de lume e ferro. Carral: Concello de Carral, 1989.
- Auto do Castromil ou a revolución dos baúles. Santiago de Compostela: Castromil, 1992.
- Farsa de Bululú. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992.
- A lúa vai encoberta. Vigo: Diario 16 de Galicia, 1992.
- Edipo. A Coruña: Universidade da Coruña, 2003. Edición de Miguel Anxo Mato.

Obra infantil e xuvenil

- Os soños na gaiola: (versos pra nenos). Lugo: Cartonajes ANMI, 1968.
- As rúas do vento ceibe. Monforte de Lemos: Xistral, 1979.
- A tribo ten catro ríos. Vigo: S.M., 1991.
- Unha sombra vai polo camiño. Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos. Vigo: Xerais, 1991.
- Cando o mar foi polo río. Vigo: S.M., 1992.
- Novos contos para nenos. [Galicia]: Citania, 1992.
- Viaxes e vagancias de M. P. Vigo: S.M., 1994.
- As ribeiras son escuras. A Coruña: Everest Galicia, 1997.
- O bigote de Mimí. A Coruña: Everest Galicia, 2003.

Obra ensaística

- Notas en col da poesía de Fermínn Bouza-Brei. A Coruña: Real Academia Galega, 1958.
- Noticia da vida e da poesía de Xosé Crecente Vega. Coimbra: Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, 1968.
- Noticia da poesía galega de posguerra. Lisboa. 1972, Sociedade da Língua Portuguesa).
- Homes, feitos e palabras. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1996.
- A Terra Chá: poesía e paisaxe. A Coruña: Real Academia Galega, 2003. Discurso lido o día 15 de febreiro de 2003, no acto da súa recepción na Real Academia Galega.
- Andando a Terra. Vigo: A Nosa Terra, 1990. Escolma dos artigos publicados no xornal A Nosa Terra co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova, ao coidado de Miguel A. Mato Fondo e Mª Pilar García Negro.
- Memoria da terra: prosa xornalística escollida. Outeiro de Rei, Casa Museo-Manuel María, 2015.