Ano Castelao

Boletín da Real Academia Galega, nº 357 (1975)

O 24 de xaneiro de 1975, no salón de actos da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos da Coruña, a Academia celebraba un acto literario en homenaxe a Castelao no vintecinco cabodano do pasamento de quen ingresara 41 anos antes e no mesmo lugar como académico numerario.

O acto estivo presidido por Sebastián Martínez-Risco, presidente da corporación, que tamén interveu cun relatorio sobre “O ideario social na obra de Castelao”. Ademais, participaron Marino Dónega, Rafael Dieste e Ricardo Carvalho Calero.

Dese mesmo xaneiro de 1975 é o presente Boletín que a Academia editou en conmemoración do devandito aniversario. Nel, ademais de recoller as alocucións proferidas no acto de homenaxe, académicos, amigos, compañeiros de Castelao debullan as lembranzas dos anos compartidos e analizan algunhas das paisaxes intelectuais da obra do rianxeiro. Leandro Carré, Otero Pedrayo, Ánxel Fole, Luís Seoane, Emilio González López ou Paz-Andrade son algúns dos asinantes das máis de trinta colaboracións deste número especial.

Homenaxe a Castelao no XXV cabodano do seu pasamento. Na mesa, Marino Dónega, Sebastián Martínez-Risco, Francisco Vales, Ricardo Carvalho Calero e Rafael Dieste. Foto: Xosé Castro.
Público asistente á homenaxe da Real Academia Galega a Castelao celebrada no 24 de xaneiro de 1975. Foto: Xosé Castro.

Contido