Ano Castelao

Hemeroteca

É un feito ben coñecido que unha gran parte de obra de Castelao foi publicada orixinalmente na prensa. Podemos afirmar que dende o ano 1908 en que comezaron as súas colaboracións en revistas e xornais, ata a súa morte en 1950, a presenza de Castelao na prensa foi unha constante.

A través da súa abondosa obra espallada por moitas cabeceiras xornalísticas, tanto na prensa galega coma en publicacións editadas en Madrid, Buenos Aires, La Habana ou Montevideo, somos quen de nos achegar aos diferentes aspectos que conforman unha figura tan polifacética: o Castelao debuxante e caricaturista; o Castelao como autor literario e ensaístico; o Castelao membro das Irmandades da Fala e do Partido Galeguista; o político Castelao nas Cortes da República e no exilio. E non só iso, pois grazas ás noticias que nos ofrece a prensa tamén podemos coñecer como foi o transcorrer da súa carreira artística ou cales foron as súas actividades no mundo da política.

A Real Academia Galega, que custodia un importante fondo de prensa histórica, ten a sorte de conservar algunhas das revistas e xornais onde colaborou directamente Castelao ou onde foron publicadas as súas obras.

Neste ano 2025 en que se conmemora o seu 75 cabodano queremos aproveitar a ocasión para dar a coñecer esa prensa conservada na nosa Hemeroteca e que ten relación con el. Farémolo de xeito gradual e incluíndo tanto as producións do propio Castelao —textos e ilustracións— coma aquelas noticias que nos falen del. Con isto pretendemos amosar a importancia que Castelao ten na historia contemporánea do noso país, mais sempre coa intención de facermos ver que a súa relevancia se mantén viva na Galicia de hoxe.