Ano Castelao

Castelao ingresou na Real Academia Galega en xullo de 1934, mais a guerra forzouno ao exilio e xa nunca máis regresou onda nós. A Real Academia Galega conservou viva a súa memoria. Nunca declarou vacante a súa cadeira de académico ata despois de se producir o seu pasamento en 1950. O ano 1964 dedicámoslle o Día Das Letras Galegas. Foi a segunda personalidade homenaxeada, despois de Rosalía de Castro.

Neste 75 aniversario unímonos aos actos e ás celebracións que lembran a súa figura poñendo a dispor do público documentos e obxectos que forman parte dos fondos da institución.

Este sitio web dedicado a Castelao consta de dous espazos diferenciados: por unha banda a sección Castelao na RAG, onde presentamos de maneira divulgativa aqueles materiais custodiados pola Academia que poden ser útiles para investigadores e público en xeral. Esta sección acolle tanto os documentos gráficos e textuais conservados no noso arquivo —manuscritos dalgunhas conferencias, textos da súa autoría e outros documentos que sinalan a pegada que deixou Castelao tras o seu pasamento en 1950— como a súa presenza nos fondos bibliográficos e hemerográficos. Preténdese con todos eles ilustrar a obra e a biografía do rianxeiro.

Completan o sitio doce pezas senlleiras referenciadas á súa biografía ou á súa obra. Presentarémolas mensualmente, comentadas por membros da institución e especialistas. Aínda que non todas estean hoxe depositadas nas instalacións da RAG —como é o caso dos grandes cadros de cegos que se poden visitar no Museo de Pontevedra—, todas son propiedade da institución e como tales as ofrecemos ao público.

Henrique Monteagudo