-
A Lingua
Real Academia Galega
- A institución
- Letras galegas
-
Comunicación
-
Dicionarios
Fotogalería Ingresos
A revitalización da Academia durante o mandato de Francisco Fernández del Riego abrangueu todos os ámbitos da vida institucional, entre eles, tamén a propia composición do Plenario, que viu aumentados os seus membros con nove incorporacións entre o 1997 e 2001, pasando o número de académicos efectivos de dezanove a vinte e seis. A Academia recuperaba, deste xeito, a vitalidade do seu órgano máis importante: o Pleno.
Francisco Fernández del Reigo na sede da Academia (1997). Real Academia Galega. Arquivo
No ano 1998 leu o seu discurso de entrada, no que reconstruía a historia dunha familia do Baixo Miño durante o Antigo Réxime, o escritor tomiñés Xosé Luís Franco Grande.
No mesmo ano ingresaba o filólogo Antón Santamarina, quen pasaba revista na súa alocución ás ideas de Ramón Piñeiro sobre a situación do galego, trinta anos despois.
Ingreso de Antón Santamarina no arquivo da CRTVG
Tamén cunha reflexión sobre a historia da lingua, a súa historia, situación presente e a importancia da súa defensa, tomaba posesión da súa cadeira o filólogo Ramón Lorenzo ao ano seguinte, en 1999.
Ese mesmo ano 1999, o catedrático cambadés Francisco Fernández Rei rendíalle homenaxe no seu discurso de entrada a dous poetas do Mar da Arousa, Ramón Cabanillas e Manuel Antonio, esenciais na construción da lingua literaria galega contemporánea.
Ingreso de Francisco Fernández Rei no arquivo da CRTVG
O arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois ingresaba cunha reflexión sobre as semellanzas entre a linguaxe e a arquitectura, ambas posuidoras dun significante e dun significado.
O intelectual galeguista Xaime Illa Couto disertou sobre as relacións entre economía, linguaxe e poder e a necesidade de considerar os aspectos materiais na conformación dunha identidade.
No seu ingreso, o escritor e filólogo Xosé Luís Méndez Ferrín estudou a poesía medieval galego-portuguesa destacando a súa identidade e tradición propias, así como a súa capacidade para conectar coa sensibilidade contemporánea.
Xosé Neira Vilas evocou a vizosa vida cultural da comunidade galega en Buenos Aires nos anos cincuenta do século pasado que el coñeceu de primeira man pola súa condición de emigrante.
Ingreso de Xosé Neira Vilas no arquivo da CRTVG
Eu tamén navegar. o título do discurso de ingreso de Xohana Torres, é unha singradura polas temáticas do mar, a memoria, a identidade e a condición feminina que marcaron a súa creación poética.
Co ingreso da poeta Xohana Torres no ano 2001 e a elección de Rosario Álvarez Blanco en setembro de 2001, a Academia duplicaba o número de mulleres no seu Plenario.
Ingreso de Xohana Torres no arquivo da CRTVG


