Académicos e académicas

Xohana Torres Fernández

Xohana Torres Fernández

Santiago de Compostela, 1931 - Vigo, 2017

Santiago de Compostela, 22 de novembro de 1931  — Vigo,12 de setembro de 2017 

Poeta, dramaturga, narradora e ensaísta, foi unha das grandes renovadoras da literatura galega contemporánea. A súa obra —monolingüe e pioneira no uso dunha perspectiva feminista—  cultivou os temas da memoria, a identidade, a emigración e o mar, sempre con Galicia como referencia.

Procedente dunha familia campesiña por parte de nai e mariñeira pola paterna, recibiu unha coidada educación que lle permitiu un acceso temperán á cultura. Nada en Santiago de Compostela, a súa familia trasladouse moi pronto a Ferrol, onde o seu pai traballaba como mariño da mercante. Cursou o bacharelato nesta cidade, onde coñeceu o herdo galeguista a través de Álvaro Cebreiro e do maxisterio do profesor Carballo Calero, decisivo no seu compromiso coa cultura galega e na configuración da súa carreira literaria. Xa nesta xeira deu a coñecer textos seus na publicación do instituto, Proa, e formou parte de grupos de teatro amador, representando obras de Lope de Vega ou Arthur Miller baixo a dirección do seu profesor de Literatura,  Victorino González, a quen dedicará, andado o tempo, a súa primeira peza de teatro: A outra banda do Iberr.

Rematado o bacharelato, trasladouse a Santiago de Compostela, onde estudou Filosofía e Letras ao tempo que traballaba como funcionaria de Telégrafos. Empeza a publicar poemas, textos críticos e ensaios en revistas literarias galegas como Aturuxo, Vida Gallega, Vieiros ou Grial. Tamén participa en recitais e actos públicos canda poetas coevos seus da chamada xeración das Festas Minervais, como Bernardino Graña, Xosé Luís Méndez Ferrín ou Xosé Luís Franco Grande. Rematada a carreira, dedicouse á escrita literaria e ao xornalismo radiofónico, difundindo cuestións relacionadas coa cultura en emisoras como RNE.  En 1956 conduciu, en Ferrol, un programa radiofónico dirixido ás mulleres, Teresa. Xa en Vigo, sete anos despois, dirixiu o primeiro programa cultural radiofónico integramente en galego, Raíz e Tempo, na emisora La Voz de Vigo. Participou, así mesmo, na gravación de discos sobre Castelao e Álvaro Cunqueiro. 

Obra literaria
En 1955 gaña o premio de Poesía da Asociación de la Prensa de Vigo, un dos máis prestixiosos da época, co poema “A nosa primavera: toxos”. Dous anos máis tarde, Xohana Torres dá ao prelo o seu primeiro libro, Do sulco (1957), dedicado a Álvaro Cebreiro e con limiar de Carballo Calero, no que Torres amosa unha voz poética moi persoal, orixinal e moderna, con preferencia polo verso libre sen rima e as composicións fragmentarias. En canto ao contido, o poemario presenta algúns temas e topos que han ser recorrentes na súa obra posterior, como a evocación vindicativa de Galicia, a reescritura irónica do mito, a reflexión sobre a condición feminina e a expresión lírica dun intimismo contido. 

En 1963 instálase en Vigo, traballa na radio e realiza viaxes por Europa, África e América da man do seu esposo, mariño da mercante. O seu segundo libro de poesía, Estacións ao mar (1980), dedicado á súa filla Andrea, consta de catro partes. A primeira, “O Tempo e a Terra”, é un efusivo canto patriótico en versículos e discurso fracturado. “O Tempo e a Memoria”, a segunda sección, percorre estampas da infancia en ton nostálxico a través de longos poemas narrativos. “Elexías a Lola” rende homenaxe á súa avoa materna, Lola, nativa do Ribeiro e símbolo da matriarca labrega. Finalmente, “Estacións ao mar” retorna ao territorio da súa infancia ferrolá, onde revive o seu estreito vencello co mar e coa soidade. 

Tempo de ría (1992) ten como escenario Vigo. Os poemas adoptan unha forma máis breve e maior carga descritiva co mar e a memoria como protagonistas. O libro contén o seu célebre poema “Penélope”, no que reescribe o mito homérico desde unha ollada feminista. Un poema-manifesto que será o emblema de sucesivas xeracións de poetas galegas. Finalmente, en 2016 publica Elexías a Lola, un libro intimista, de memoria familiar, no que reflexiona sobre o tempo, a lingua e a herdanza evocando de novo a figura da súa avoa materna. No ano 2004 publicouse a súa Poesía reunida (1957-2001), con edición a cargo do académico correspondente Luciano Rodríguez. 

Como narradora, cómpre salientar Adiós, María (1971), unha novela social en forma de monólogo que ten como protagonista e narradora a Maxa, unha rapaza ourensá de quince anos que padece unha situación de desamparo vital logo da marcha dos seus pais á emigración.  A obra resultara gañadora do Premio Galicia convocado polo Centro Galego de Buenos Aires o ano anterior, o máis importante da narrativa galega naquela altura. Pola súa vontade experimental, foi encadrada pola crítica dentro da chamada Nova Narrativa Galega. 

En canto ao teatro, Xohana Torres realizou importantes achegas á modernización da dramaturxia galega de posguerra con pezas como A outra banda do Iberr (1965), gañadora do I Premio Castelao de Teatro Galego da Agrupación Cultural O Galo, e Un hotel de primeira sobre o río (1968), que acadou o mesmo galardón na súa segunda convocatoria. Temas como a liberdade, o paso do tempo, a condición das mulleres e Galicia como nación en tránsito son tratados a través da experimentación formal, en textos cunha alta carga simbólica e alegórica, que remiten ao teatro de Beckett ou Ionesco. Tamén publicou un ensaio divulgativo sobre o método de interpretación do dramaturgo ruso Konstantin Stanislavski (1863–1938) e a obra de teatro infantil Pericles e a balea (1984). 

Xohana Torres foi unha pioneira na literatura infantil e xuvenil galega. O seu libro de creación Polo mar van as sardiñas (1967) foi o primeiro dunha autora galega para o público infantil, e a primeira obra da literatura infantil galega traducida ás catro linguas peninsulares. Traduciu ademais textos de autores cataláns e vascos ao galego, e colaborou coa tradutora Dolores Martínez Torres na versión galega de Así foi (1992), de Rudyard Kipling. 

A académica tamén cultivou o ensaio antropolóxico. Interesada polos ritos e tradicións populares, o seu traballo San Andrés de Lonxe: mitos e ritos acadou en 1972 o I Premio de Etnografía Federico Maciñeira da Deputación da Coruña. O texto, dotado da carga lírica propia da poesía da autora, permaneceu inédito máis de corenta anos, pero Xohana Torres implicouse nos últimos compases da súa vida con entusiasmo na edición, que saíu do prelo de xeito póstumo, contra o final de 2017. 

Entre os numerosos premios e recoñecementos que colleitou ao longo da súa carreira figuran o Pedrón de Ouro (1972), o Premio da Crítica (1982), o Premio Celanova (1985) ou o Premio da Creación feminina (1992). Ingresou na Real Academia Galega no 2001 a proposta de Salvador García-Bodaño, Xosé Luís Méndez Ferrín e Xosé Luís Franco Grande. O seu discurso de ingreso, Eu tamén navegar, é un texto poético no que traza o seu periplo vital valéndose da figura de Penélope e das metáforas do mar e da navegación. No ano 2018, a Real Academia Galega rendeulle homenaxe coa publicación Natureza de illa: homenaxe da Real Academia Galega a Xohana Torres.