Académicos e académicas

Xohana Torres Fernández

Xohana Torres Fernández

Santiago de Compostela, 22/11/1931 - Vigo, 12/09/2017

Xohana Torres Fernández (Santiago de Compostela, 1931 - Vigo, 2017) pasou a infancia e parte da xuventude en Ferrol onde seu pai estaba destinado como mariño.

Desde moi nova amosou un interese especial polo mundo da literatura, o teatro e a radio. Neste medio dirixiu en 1956, en Ferrol, un programa radiofónico dirixido ás mulleres, "Teresa", e xa en Vigo e sete anos despois dirixiu o primeiro programa cultural radiofónico integramente en galego, "Raíz e tempo", na emisora La Voz de Vigo. A súa relación con este medio foi moi importante pois ademais de participar en moitos recitais colaborou na gravación de discos sobre Castelao e Cunqueiro.

A súa andaina literaria comezou na poesía e o seu primeiro poemario, Do sulco, foi publicado en 1957 na acabada de crear colección Illa Nova. A súa voz lírica, que está tamén presente dende nova en revistas como AturuxoVida gallega ou Vieiros, valéralle no ano 1955 o Premio de Poesía da Asociación da Prensa de Vigo. En 1980 sae do prelo Estacións ao mar (Premio da Crítica española en 1981) e, en 1992, Tempo de ría. Como poeta, no comezo do novo século tamén publicou Poesías reunidas (1957-2001) e en 2016, Elexías a Lola.

A narrativa é outro dos mundos explorados por esta autora, que 1971 publica a súa única novela, Adiós, María. Un ano despois publica o ensaio San Andrés de Lonxe, mitos e ritos, que acadou o Premio de Etnografía da Deputación da Coruña.

O teatro, ao que tamén estivera moi vinculada desde moza, dedicou dúas pezas Á outra banda do Iberr, publicada en 1965 e gañadora do Premio Castelao en 1966 e Un hotel de primeira sobre o río, publicada en 1968.

A literatura infantil foi outra das facetas que ocupou a Xohana Torres, así, ademais de escribir dous contos infantís, Polo mar van as sardiñas (1968) e Pericles e a balea (1984), traduciu, entre outros textos, O abeto valente, de Jordi Cots, O globo de papel, de Elisa Vives e Así foi, de Kipling, realizada en colaboración con Dolores Martínez, e adaptou contos universais como O traxe do emperador, O lobo de Lelo ou O demo rapatú.

Ingresou na Real Academia Galega o 27 de outubro de 2001, data na que deu lectura ao preceptivo discurso de entrada que levou por título Eu tamén navegar, ao que, en nome da institución, contestou  o académico Salvador García Bodaño.

Aos recoñecementos e premios xa aludidos cómpre engadir o Pedrón de Ouro en 1972, o Premio da Crítica en 1982, o Premio Celanova no ano 1985, o Premio da Creación feminina en 1992, etc.