A miña infancia e primeira xuventude transcorreron en Tebra, no Baixo Miño, onde os meus pais eran mestres de primeiro ensino. Estudei o bacharelato en Vigo e Dereito en Santiago. Exercín en Vigo a profesión de avogado e fun, ata a miña xubilación en xuño de 2001, Asesor Xurídico da extinta Caixa de Aforros de Vigo. Estou casado e teño dúas fillas: Rosalía e Navia, a primeira tamén avogada e xornalista a segunda.
Debo todo na miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos cincuenta retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia.
A miña profesión impediume deica agora facer a obra literaria que eu quixera. Pode que, agora xubilado, escriba aínda unha ducia de libros. Non pertenzo a ningún partido político: é unha mala cousa que os tres de máis implantación en Galicia sexan unha verdadeira calamidade nacional, xa que están contribuíndo, e con eficacia, á destrución do país. E non se decatan.
En 1978 fun nomeado académico de número da Real Academia Galega. Lin o discurso de ingreso en 1998.
Procurei sempre escribir na prensa na medida que mo permitiron as miñas ocupacións, como maneira de seguir mantendo relación cos lectores e dicirlles que un aínda está vivo.
Libros publicados:
Vieiro Choído (1957) Galaxia.
Entre o si e o non (1967) Galaxia.
Diccionario Galego Castelán, (1968), Galaxia.
Obra Completa, de Leiras Pulpeiro (1970) Fundación Penzol.
Vocabulario Galego Castelán (1972) Galaxia.
Os anos escuros I (1985) Edicións Xerais de Galicia.
Herdo de Memoria e Tempo (1987) Edicións Xerais de Galicia.
A ilusión da esperanza (1991) Edicións do Cumio.
Francisco F. Del Riego (2001), Ir Indo.
Os anos escuros: A resistencia cultural dunha xeración (2004) Galaxia.
Outra política para outros tempos (2013) Galaxia.
Xoguetes do tempo (2015) Galaxia.
Libro das abandonadas (2017) Teófilo Edicións.