Académicos e académicas

Xaime Isla Couto

Xaime Isla Couto

Santiago de Compostela, 1915 - Vigo, 2012

Xaime Isla Couto (Santiago de Compostela, 1915 - Vigo, 2012), estudou o bacharelato en Vigo, onde se adheriu á Asamblea das Irmandades da Fala na Coruña e participou na creación do Grupo Autonomista, de Vigo. Xa durante a República, estudou Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra pero as depuracións realizadas polo réxime xurdido tras a contenda civil non lle permitiu realizar o curso de prácticas e decidiu estudar Dereito, disciplina na que se licenciou na Universidade de Santiago de Compostela, e centrou os seus estudos na área económica. Exerceu como catedrático da Escola Industrial de Vigo e como asesor xurídico da Caixa de Aforros de Vigo, de Zeltia e de Cementos Oural.

Durante a República participou na fundación das Mocidades Galeguistas e tamén por aquelas datas formou parte dos equipos de traballo que o Seminario de Estudos Galegos levou a cabo por distintas vilas galegas, sendo o primeiro bolseiro desta institución na sección de Estudos Xurídicos, Económicos e Sociais. Foi director do Instituto de Estudos Económicos e Sociais da Fundación Penzol, onde dirixiu interesantes traballos sobre a economía industrial de Galicia.

Participou na fundación da editorial Galaxia, da que foi conselleiro-delegado desde a súa fundación. Foi o promotor e tamén un dos fundadores da editorial SEPT, desde onde desenvolveu un importante labor pola galeguización do pensamento católico do noso país, así como pola incorporación da lingua galega aos usos litúrxicos. Dirixiu a Revista de Economía de Galicia, na que a través de numerosos editoriais foi trazando os criterios dunha interpretación galega da nosa realidade económica. Tamén dirixiu a Revista Galega de Estudios Agrarios. 

Xaime Isla Couto foi o primeiro que en Galicia se ocupou da novísima ciencia xurdida nos Estados Unidos que acadou un vigoroso desenvolvemento en Europa, a chamada “ciencia rexional”. O seu discurso de apertura de curso 1970-1971 na Escola Industrial de Vigo foi unha admirable síntese teórica dos fundamentos desta ciencia.

Publicou interesantes artigos como “Algúns caraiteres da economía galega actual”, aparecido en Grial, 1952; “Los problemas financieros del desarrollo regional”; “Un plan de industrialización de la riqueza maderera gallega”, na Revista de Economía de Galicia; “Unha quintaesencia de Galicia”, “A globalización como marco para o estudio e desenvolvemento da economía galega”, relatorio pronunciado no Congreso de Economía de Galicia, celebrado en Santiago de Compostela en 1998; ou “O noso desafío cultural para o século XXI”, conferencia que pronunciou no Congreso A cultura no século XXI, celebrado en Santiago en 2001. Publicou ademais, no ano 1992, Construír Galicia.

En xaneiro de 1999 ingresou na Real Academia Galega co discurso Economía, linguaxe e poder e respondeulle en nome da institución Carlos Casares Mouriño. Neste mesmo ano foi nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo.
Entre outros, foi galardoado co Premio Trasalba e coa Medalla Castelao.