Académicos e académicas

Antón Luís Santamarina Fernández

Antón Luís Santamarina Fernández

A Fonsagrada, Lugo, 1942
San Martín de Suarna, A Fonsagrada, 1942. É lingüista especializado no ámbito da lexicografía e ten realizado tamén numerosas achegas no ámbito da gramática, a sociolingüística, a dialectoloxía e a didáctica. Os seus traballos contribuíron a afondar no coñecemento do estado da lingua e das súas variantes, así como ao establecemento da súa actual forma culta. Catedrático emérito da Universidade de Santiago de Compostela, onde desenvolveu toda a súa carreira académica, é membro do Instituto da Lingua Galega (ILG), do que foi director. É membro dos seminarios de Lexicografía e Onomástica da Real Academia Galega e coordina este último desde o ano 2019.
Antón Santamarina | Entrevista de Yolanda Castaño

Profesor de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela desde 1975 e catedrático desde 1983, dedicou os seus primeiros traballos académicos -a memoria de licenciatura Vocabulario del Valle del Suarna (1967) e a tese de doutoramento El habla del valle del Suarna (1973)- a unha liña de investigación permanente na súa traxectoria: o estudo das variedades xeográficas da lingua. En 1971 participou na creación do ILG, do que foi secretario (1978-1990) e director (1993-2004). No seo deste instituto -baixo a dirección de Constantino García e canda os actuais académicos Manuel González, Rosario Álvarez e Francisco Fernández Rei- comezou a traballar na creación do Atlas lingüístico galego, coa preparación das enquisas empregadas no traballo de campo que os investigadores realizaron en 167 puntos do dominio lingüístico galego, onde recollerían case medio millón de rexistros que deron conta da variedade do galego moderno.

No eido da lexicografía, foi o responsable, con Manuel González, da elaboración do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (1989), o VOLGa, que estableceu o corpus léxico sobre o que se basean a práctica totalidade dos dicionarios galegos actuais; e tamén codirixiu o Dicionario da Real Academia Galega. Foi o editor do Dicionario de dicionarios (2003), que permite consultar simultaneamente todas definicións dunha palabra ao longo do tempo nos diversos dicionarios publicados en lingua galega; e dirixe o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, TILG, que compila as entradas de máis de tres mil documentos en galego entre 1612 e 2013, cun total de trinta catro millóns de formas gráficas.

Como experto en toponimia, Antón Santamarina contribuíu desde a fase preautonómica ao proceso de restitución e conservación dos nomes de lugar. Canda Xosé Filgueira Valverde e mais Francisco Fernańdez Rei, comezou as negociacións co Instituto Xeográfico Nacional de España para corrixir as castelanizacións da toponimia galega nos seus mapas; e foi o secretario desde o ano 1979 da Comisión de Toponimia, órgano científico asesor para a fixación oficial dos nomes de lugar. Desde dita comisión tivo tamén un papel destacado na elaboración do Nomenclátor de Galicia de 2003 e, como membro do Seminario de Onomástica, traballou na súa revisión e actualización, pendente de publicación por parte do Goberno galego.

Antón Santamarina é ademais autor de traballos gramaticais sobre o verbo, o adverbio e as conxuncións “que” e “ca” e de estudos de referencia sobre a xénese de fenómenos lingüísticos como a gheada, que considera resultado da evolución histórica interna do galego. Participou en traballos para a fixación da variedade estándar, como a primeira edición das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (ILG-RAG, 1982) revisadas en 1995 e 2003. Con anterioridade, en 1977, formara parte do equipo que desde o ILG elaborou as normas ortográficas e morfolóxicas, Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego.

A presenza do galego no ensino tamén ocupou a atención do académico. En 1971, xunto con Guillermo Rojo, Ramón Lorenzo e mais José Luis Couceiro, publicou os libros de texto Galego 1, 2 e 3 (1971-1974), de grande utilidade tras a incorporación do galego ao ensino na educación primaria e secundaria. En 1979 foi nomeado subdirector xeral do Ensino da Lingua Galega da Xunta de Galicia preautonómica e anos despois redactou, xunto a Xoán Babarro, unha proposta para que o Ministerio de Educación facilitase o ensino da lingua nas zonas galegofalantes na comarca eonaviega, O Bierzo e mais As Portelas.

No campo da sociolingüística preparou con Francisco Fernández Rei “Dynamisme économique et identité en Galice” (1992) e con Henrique Monteagudo “Galician and Castilian in contact: Historical, social and linguistic aspects” (1993). Coordinou con Francisco Fernández Rei o volume de Estudios de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas (1999) e redactou a entrada “Galician” na Wieser Enzyklopädie der Sprachen des europäischen Westens (2008).

Antón Santamarina é ademais coautor, canda Dorothé Schubarth, do Cancioneiro popular galego (Fundación Barrié, 1984-1988). Esta obra en sete volumes, considerada o máis amplo repertorio da música popular de tradición oral do país, reúne pezas recollidas en máis de cen lugares de fala galega pola musicóloga suíza entre 1978 e 1983. A colección mereceu o premio da Crítica Galicia na categoría de Música (1985).

Como tradutor, verteu do italiano ao galego As aventuras de Pinocchio de Carlo Collodi, Premio Nacional de Tradución de Literatura Infantil e Xuvenil do Ministerio de Cultura de 1988.

Entre outras responsabilidades, foi secretario do Consello da Cultura Galega (1976-1991) e dirixiu a revista Verba. Anuario galego de filoloxía (2010-2012). En recoñecemento á súa traxectoria, no ano 2018 recibiu o premio da Cultura Galega na categoría de Lingua.