Académicos e académicas

Francisco Fernández Rei

Francisco Fernández Rei

Cambados, Pontevedra, 1952
Data de ingreso
25/09/1999
A proposta de
Constantino García, Olga Gallego, Carlos Casares, Marino Dónega, Xesús Alonso Montero, Manuel González González, Xesús Ferro Ruibal e Andrés Torres Queiruga
Resposta pronunciada por
Antón Santamarina
Exerce o cargo de
Vicesecretario (23/01/2010 - 20/04/2013)

Naceu en Fefiñáns (Cambados) o 30 de novembro de 1952.
Estudou Filosofía e Letras (Románicas: Español) na Universidade de Santiago de Compostela, licenciouse en 1974 e no mesmo ano graduouse coa memoria de licenciatura Aprosimación á vida e á fala mariñeiras de Cariño. Doutorouse coa tese O verbo. Contribución á dialectoloxía galega (1979), a primeira que se presentaba en lingua galega na Facultade de Filoloxía da USC.
Catedrático de Filoloxía Románica (1992) da Universidade de Santiago de Compostela, onde desempeñou, entre outros cargos, o de director do Departamento de Filoloxía Galega (08/11/1988 – 22/01/1992, 06/02/1993 – 23/11/1995). Desde 2008 dirixe os Cursos de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia que organizan conxuntamente a Real Academia Galega, o Instituto da Lingua Galega da USC e a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.

Foi profesor Visitante na Universidade de California en Santa Barbara, impartiu seminarios de posgrao nas universidades portuguesas de Lisboa e Évora e invitárono a dar conferencias sobre a situación do galego moderno no University Center de Nova York e en universidades europeas (Lisboa, Braga, Évora, Heidelberg, Trier, Berlín etc.), á vez que participou con relatorios sobre problemas da lingua galega en xornadas e congresos en Galicia e fóra de Galicia (Trier, Miranda do Douro, Cáceres, Ávila, Cagliari/Casteddu, Salamanca, Kiel, París, Oxford etc.).
Membro numerario da Real Academia Galega (1999), institución da que actualmente é Vicesecretario (2010) e director do seu Seminario de Sociolingüística (2011). Membro do Padroado da Fundación Sotelo Blanco. Museo de Antropoloxía (1995) e do Padroado do Museo do Pobo Galego (1998) e conselleiro de honra do Consello d’a Fabla Aragonesa (1999). Foi membro do Plenario do Consello da Cultura Galega (1999-2007), en representación do Instituto da Lingua Galega da USC.
Foi un dos fundadores de Escola Aberta (1978), empresa editorial creada para a promoción e difusión da lingua e da cultura galegas, e da Asociación de Tradutores Galegos (1984); e participou na creación da asociación Redes Escarlata (2001) e de ProLingua (2009), plataforma apartidaria a prol da defensa e promoción da lingua galega. Desde a súa aparición en 1990 é cosecretario do consello de redacción da revista trimestral A Trabe de Ouro. Publicación galega de pensamento e membro do comité científico de diversas publicacións lingüísticas (Cadernos de lingua, Estudos de Lingüística Galega, Un mundo, muchas miradas - Mundu bat, begirada anitz…) e asesor estable do consello de redacción de Luenga e Fablas.

Investigador do Instituto da Lingua Galega desde 1974 ata a actualidade, onde forma parte do equipo que redacta o Atlas Lingüístico Galego, do que coordinou os volumes I Morfoloxía verbal (1990, Premio da Crítica 1991 de Investigación), IV Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico (2003) e VI Terra. Plantas e árbores (no prelo). Participou na recollida do material dos puntos do dominio galego do Atlas Linguarum Europae e do Atlas Lingüístico de España y Portugal.
Corredactor das Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego (1977), punto de partida das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1982) do ILG e a RAG. Como membro do ILG participou nos traballos da edición moi ampliada destas Normas (15ª ed., decembro 1996) e na proposta de acordo normativo do 2001 que o ILG e os departamentos de Filología Galega da Coruña, Santiago e Vigo lle presentaron ao plenario da RAG. Formou parte da comisión da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca que redactou as Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias (1990).
Coordinador e organizador de congresos e xornadas sobre o galego e outras linguas románicas minorizadas (sardo, occitano e asturiano). Redactor de artigos sobre o galego en distintas revistas especializadas e noutras publicacións (Verba, Revista de Filología Románica, Lexikon der Romanistischen Linguistik, Revista Portuguesa de Filologia, Britonia. Revista de Estudios da Terra Navia-Eo, Estudios bercianos, Grial, A Trabe de Ouro…). É coautor da entrada “Galego” da Gran Enciclopedia Gallega (1980) e da entrada “Galego” da Enciclopedia Galega Universal (2003).
Sobre as variedades do galego oral publicou o libro Dialectoloxía da lingua galega (Premio Antón Losada Diéguez de Investigación 1990) e o audio-libro A Nosa Fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego (1996), en coedición con Carme Hermida, consultable na rede en www.consellodacultura.org/arquivos/asg/anosafala.php. É director do Arquivo do Galego Oral http://ilg.usc.es/ago/, banco de textos orais co que se quere configurar un atlas temático da oralidade de todo o dominio lingüístico galego.
Analizou a posición do galego no mapa da Romania e a problemática da súa normativización nos artigos “Posición do galego entre as linguas románicas” (1988), “A 'questione della lingua ga1ega'” (1991), “La place de la langue galicíenne dans les clasifications traditionnelles de la Romania et dans les classifications standardalogiques récentes” (1993), “A posición do galego, lingua románica reemerxente” (1996), “A proposta de acordo normativo do 2001. Notas e documentos sobre a questione della lingua galega” (2001) e “A creación do Instituto da Lingua Galega en 1971 e o desencontro normativo coa Academia” (2008).

A construción do galego literario tratouna en traballos como “A elaboración do galego moderno. Contribución da traducción galega de I promessi sposi de Manzoni a este proceso” (1998), Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar de Arousa. Dúas singraduras na construcción dun idioma para unha patria (discurso de entrada na RAG en 1999), “Cabanillas e a arela dunha lingua nacional (2001), “A lingua medieval e a súa importancia na elaboración do galego moderno” (2001), “Moita costa, pouco mar: o léxico mariñeiro e a construcción do estándar galego” (2003), “O mar e a poesía galega. Singraduras na construcción da patria da lingua” (2003) e “A elaboración do galego literario moderno e a contribución d’O atraso económico de Galicia a este proceso” (2011).

Analizou o papel das organizacións políticas e sindicais e das institucións oficiais no moderno proceso de recuperación social da lingua galega nos artigos “Estado actual da normalización da lingua galega na Universidade” (1988), “Nacionalismo e dignificación da lingua galega no período 1972 1980” (1990), "Contribución das organizacións políticas á normalización da lingua galega (1963 1989)" e “A contribución ao proceso de normalización lingüística de partidos políticos, sindicatos, institucións e asociacións que desenvolven o seu labor na cidade da Coruña. I. A reivindicación da lingua galega nas décadas de 1960 e 1970” (2005).

Desde finais da década de 1980 participou en congresos e xornadas realizados en Galicia, en Oviedo, no Eo-Navia, no Bierzo e en Salamanca onde se analizou a problemática da situación do galego estremeiro. Sobre o tema editou o libro Lingua e cultura galega de Asturias (1994) e un bo quiñón de artigos, entre os que cómpre salientar “A situación do galego nas comarcas occidentais de Asturias, León e Zamora” (2003) no informe O proceso de normalización do idioma galego 1980-2000 que editou o Consello da Cultura Galega. Sobre o “galego” de Cáceres é autor de “As falas de Xálima e a súa relación coa lingua galega” (2000).

Polo que respecta á situación das linguas nelatinas en situación de minorización publicou os artigos “As linguas románicas minorizadas e o seu futuro na era da globalización (2003), “Minorización lingüística na Unión Europea: a situación do galego” (2003), “Plurilingüismo y contacto de lenguas en la Romania europea” (2007), “Nacemento e recoñecemento de novas linguas románicas. Plurilingüismo e contacto na Romania europea” (2010) e a monografía Estudios de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas (1999), en coedición con Antón Santamarina. Ocupouse do aragonés (“El aragonés, lengua románica (re)emergente”, 1999), do sardo (“Lingua, cultura e política en Sardeña. A sociedade e a lingua sarda nas Lettere dal carcere de Antonio Gramsci”, 1999) e da situación sociolingüística da República Italiana (“A situación das minorías étnico-lingüísticas da República Italiana”, 2001; “Italia: marco legal e situación lingüística”, 2003).

Desde hai anos participa activamente no movemento asociativo de recuperación e socialización do patrimomio marítimo e fluvial de Galicia e do norte de Portugal, particularmente co Grupo Etnográfico “Mascato”, de Cambados, e coa Cultural “Dorna”, da Illa da Arousa. Cofundador de Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial (2004-), presidente da Comisión Organizadora do VII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia (Cambados, xullo 2005); Vicepresidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (2005-2007) e comisario (con Luís Rei e Pepe Barro) da Exposición sobre Galicia, o Mar e o Patrimonio Marítimo da Fête Maritime Internationale (Brest 11-17 xullo 2008). Formou parte do equipo técnico da exposición Patrimonio do vento e do sal: embarcacións tradicionais de Galicia (2007), organizada pola Fundación Deporte Galego e pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial.
Asemade participou como conferenciante en congresos e xornadas sobre o mar e a cultura marítima galega, á vez que publicou un bo quiñón de traballos sobre o mar na literatura galega, o léxico mariñeiro e o patrimonio marítimo, como “O mar na obra literaria de Ramón Cabanillas” (2000),“O mar na literatura galega: ondas, ventos, illas, ribeiras e vagallóns” (2001), “Noso é o remo e o adival. Mar e léxico do mar en Avilés de Taramancos” (2003), “Andisías e rutías: mar de mar e mar de vento na Arousa e na Costa da Morte” (2004),“A memoria daquel Cambados mariñeiro, fidalgo e soñador” (2005), “Cardumes, barrías e manchas de peixe en galego e portugués” (2005), “Fálame de barcos. Apontamentos para un catálogo (I)” (2005; en colaboración con Emilio X. Ínsua e Luís Rei), “No mar todo se move: áreas léxicas na nomenclatura da fauna marítima da Gallaecia” (2007), “O patrimonio léxico da xente dos mares de Galicia” (2007), “Galicia e o seu patrimonio marítimo-fluvial na Festa Marítima Internacional Brest 08” (208), “Non fondeaban cadáveres, fondeaban semente. A elexía de Heriberto Bens ‘Ós líderes mariñeiros que fuxiron na dorna e morreron no Atlántico, lonxe do terror’” (2008) e “Cheira a resina, fiúncho e marusía. A paisaxe do mar da Arousa na poesía de Ramón Cabanillas” (2009).

No 2006 gañou o “XI Premio Xornalístico Manuel Rodríguez Portela” co artigo O patrimonio inmaterial da Gallaecia; e no 2007 publicou 2008 Axenda do mar, redactada en colaboración con membros do Grupo Etnográfico “Mascato”. A axenda contén unha ampla escolma de textos literarios galegos de tema mariñeiro (ilustrados con cadros con mar de pintores galegos ou con fotografías do patrimonio marítimo), xunto con cantigas, frases e ditos da xente dos mares de Galicia.