Fotogalería Ingresos
O 4 de setembro de 1905, na asemblea de constitución da daquela Academia Gallega, estableceuse a listaxe inicial de académicos numerarios, os considerados fundadores:
En el acto se procedió a fijar el número de académicos numerarios y después de bien discutido este punto, se acordó que fuese el de cuarenta, tomando por base los Sres. designados desde la Habana, y procurando con arreglo a las bases, que las cuatro provincias hermanas tuvieran debida representación, recayendo la elección en los siguientes [...]
Xa na seguinte acta recóllense cambios sobre este elenco, debido ás renuncias de Celso García de la Riega e de Manuel Leiras Pulpeiro, que son substituídos por Ramón López de Vicuña e Jaime Ozores de Prado, marqués de San Martiño de Ombreiro.
Fonte: Lista de académicos fundadores. “Acta de constitución de la «Academia Gallega»”. Libro de actas da Real Academia Galega.
Real Academia Galega. Arquivo
O Regulamento da Academia establece no seu primeiro capítulo os emblemas, insignias e selos da Academia. O segundo artigo dedícase á medalla:
La medalla correspondiente á los Académicos de número es de plata dorada y de forma ovalada; tiene, por un lado, el sol surgiendo, rodeado por el lema, y, por el otro, el escudo de Galicia con la inscripción Real Academia Gallega.
Sobre la medalla, la corona real: en la anilla, que la enlaza con el cordón, azul, blanco y oro, el número de orden: el pasador, que ciñe las dos ramas del cordón, está formado por la cruz de Santiago.
No seu ingreso, os académicos deben ler o discurso preceptivo, ao que responde en nome da Corporación un membro numerario. A continuación o presidente da Academia imponlle a medalla.
Anverso e reverso da medalla da Academia.
Fonte: Real Academia Galega. Museo
Outro dos símbolos dos membros da Academia é o diploma deseñado por José Seijo Rubio en 1905.
Diploma de académico correspondente a nome de Galo Salinas. 6 de setembro de 1906.
Fonte: Real Academia Galega. Museo
No período que nos ocupa, a Academia celebrou nove cerimonias de ingreso. A primeira delas foi a de José Antonio Parga Sanjurjo (1841-1917), o 28 de setembro de 1907, que ocupaba a cadeira de Valentín Lamas Carvajal. Ingresou no salón de actos do Concello de Lugo co discurso El renacimiento de la literatura regional, ao que respondeu o presidente, Manuel Murguía.
Fonte: Retrato de José Antonio Parga Sanjurjo. Almanaque Gallego, 1912. Real Academia Galega. Hemeroteca.
Resposta ao discurso de ingreso de José Antonio Parga Sanjurjo. Manuel Murguía. (1907), páx. 2. Real Academia Galega. Arquivo.
A seguinte recepción é a de Manuel Díez Sanjurjo (1870-1941), celebrada en Ourense en 1908. O enxeñeiro e investigador leu o discurso Otorgamiento del castillo y villa de Allariz al conde de Benavente, e Francisco Tettamancy foi o responsable da resposta.
Fonte: “En la Academia Gallega. Recepción de D. Manuel Díez Sanjurjo”. Galicia: revista quincenal ilustrada. 14 (15/VII/1908), p. 259. Real Academia Galega. Hemeroteca.
O 13 de decembro de 1909, no Ateneo León XIII de Santiago de Compostela, tivo lugar o primeiro discurso de ingreso en galego na Real Academia Galega, foi o do escritor e político Amador Montenegro Saavedra, fundador do xornal A Monteira, monolingüe na nosa lingua.
No seu traballo, Alma d’a Poesía Gallega, Montenegro denunciaba os males da emigración e o caciquismo; situaba na fe, a patria e o amor os eixos reitores dos poetas galegos e lamentaba a situación de abandono das tumbas de Rosalía e Brañas en Bonaval. A resposta, tamén en galego, correspondeulle ao poeta Juan Barcia Caballero. A prensa da época, como Vida Gallega, deu conta desta nova nas súas páxinas.
Fonte: Vida Gallega. 13 (I/1910). Real Academia Galega. Hemeroteca
A situación do campo galego e, nomeadamente, a emigración foi unha inquedanza constante para o militante agrarista Montenegro Saavedra, como se pode comprobar tanto nas páxinas do seu xornal A Monteira coma nesta carta enviada a Murguía en 1908, na que lamenta a falta de brazos para traballar o campo, pois el era propietario de grandes explotacións agropecuarias.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo
En 1910 ingresa Adriano López Morillo no Casino de Vigo. Da visita dos membros da Academia a esta cidade publicou Vida Gallega unha reportaxe que deixa curiosas imaxes, como a de Manuel Murguía xunto ao primeiro cinematógrafo galego, propiedade de José Gil.
Na cerimonia o académico leu o discurso Un documento histórico poco conocido, ao que respondeu Wenceslao Requejo.
A finais de agosto de 1920 a Academia convocou dúas sesións extraordinarias consecutivas: os ingresos de Antonio Rey Soto e de Ramón Cabanillas. O número 14 de La temporada en Mondariz dedicáballe unha extensa crónica a estas xornadas, nas que tamén se celebrou unha homenaxe a Murguía.
Antonio Rey Soto ingresou co discurso Las primeras obras tipografiadas impresas y editadas en nuestra región (años 1.494 a 1.553), ao que respondeu en nome da Academia Marcelo Macías. Seis anos despois perderá a condición de numerario, xa que a finais de 1923 viaxou a América, de onde non volvería ata 1931. En 1940 recuperaría esta condición.
Retrato de Antonio Rey Soto.
Cuberta de La imprenta en Galicia: el libro gótico, edición de 1934 do discurso de ingreso de Rey Soto.
Fonte: Real Academia galega. Arquivo e Biblioteca
A entrada do “poeta da raza” na Academia foi un verdadeiro acontecemento social e cultural. A súa recepción celebrouse no Balneario de Mondariz, dirixido por Enrique Peinador, o 31 de agosto de 1920. No seu discurso, A saudade nos poetas gallegos, Cabanillas traza unha xenealoxía do sentimento literario galego por excelencia, a saudade, que distingue da portuguesa e detecta na obra de poetas como Rosalía, Pondal, Curros ou Lamas Carvajal. A resposta, en nome da RAG, correspondeulle a Eladio Rodríguez.
Fotografía de E. Sarabia. Arquivo da Academia
A xornalista Annette M. B. Meakin escribiu dúas crónicas para os xornais ingleses The Times e The Morning Post sobre o ingreso de Cabanillas. Meakin foi autora do libro Galicia, the Switzerland of Spain (1909) unha síntese histórica, xeográfica e cultural do noso país para o público inglés ilustrada con imaxes fotográficas.
Retrato de Annette M. B. Meakin e recortes dos artigos publicados en The Morning Post e The Times, 1920. Arquivo da Academia
O 16 de xuño de 1921 asistiremos ao segundo discurso de ingreso en lingua galega, o de Evaristo Martelo Paumán.
Nobre de longa estirpe, propietario do castelo de Vimianzo e poeta de liñaxe de pondaliá, Martelo Paumán foi un firme defensor da corrente culta e etimolóxica nos debates sobre a normativización do galego do seu tempo. No seu poema épico-histórico Andeiro (1922) defendía a unión ibérica e a irmandade de Galicia e Portugal. No seu discurso de ingreso rende homenaxe ao seu modelo literario, Eduardo Pondal, autor dun coñecido poema ao dolmen de Dombate.
Pouco despois ingresará na Coruña Félix Estrada Catoyra, o 8 de agosto de 1921, co discurso Algunas consideraciones sobre la transcendencia que para la transformación del estado social de Galicia tuvo el reinado de los Reyes Católicos, ao que responde Juan Barcia Caballero.
Portada do discurso de ingreso de Evaristo Martelo Paumán conservado no seu expediente.
O dolmen de Dombate, fotografía doada por Martelo á Real Academia Galega o 4 de novembro de 1918.
Fonte: Real Academia Galega. Arquivo


