Académicos e académicas

Adriano López Morillo

Adriano López Morillo

Ferrol, 1837 - A Coruña, 1913

Militar e historiador especializado no estudo da fase galega da guerra da Independencia española (1808-1814) librada contra o exército napoleónico, foi colaborador habitual da prensa xeral e de publicacións especializadas.

Nado no seu dunha familia militar, descendente do o xeneral Pablo Morillo, conde de Cartaxena, participara na guerra de liberación fronte ao exército invasor francés e distinguírase pola súa presenza na chamada Reconquista de Vigo, o 28 de marzo de 1809. Militar de carreira, López Morillo estivo destinado en Cuba e na República Dominicana, onde foi ferido e feito prisioneiro durante vinte e un meses. Entre 1870 e 1871 participou na guerra contra os carlistas no País Vasco e Tarragona e asistiu tamén á toma do arsenal de Ferrol. Polos seus méritos militares, acadou o grao de xeneral. Concedéronselle, así mesmo, a Gran Cruz do Mérito Militar, a Cruz e Placa de San Hermenegildo e a do Mérito Naval.

Asiduo colaborador na prensa ferrolá, publicou artigos en xornais locais como El Tribuno e La Crónica de Luarca, dos que pasa logo a publicacións especializadas como El Correo Militar, onde se manifesta contrario ao servizo militar obrigatorio. Foi, ademais, presidente da Asociación Provincial da Cruz Vermella.

Estudoso da invasión napoleónica e da guerra contra o francés, co gallo do centenario da guerra de Independencia participou nun certame convocado polo Concello de Santiago en 1909 con tres traballos recoñecidos con diversos premios: “Reseña fiel y documentada de los hechos de armas librados en Galicia en el año 1809”, “Monografía sobre la desaparición de un destacamento de Artilleria del ejército del Mariscal duque del Elchinagen en la jurisdicción de Mesía, por cuyo hecho se le impuso a la ciudad y provincia de Betanzos la contribución de guerra de nueve millones de reales” e “Reseña de la reconquista de Vigo”.

A recepción de Adriano López Morillo na Real Academia Galega tivo lugar o 17 de novembro de 1910 en Vigo. O seu discurso de ingreso, Un documento histórico poco conocido, comezaba cunha fervorosa gabanza do seu predecesor na mesma cadeira, o escritor e político republicano ourensán José Ojea, de quen salientaba os seus valores cívicos e intelectuais. A seguir, amosábase moi crítico co rol do xeneral inglés sir John Moore durante a guerra de Independencia española, e defendía as teses do xeneral español Pedro Caro y Sureda, o marqués de La Romana, quen denunciaba nun informe interno os excesos do exército inglés durante a súa estancia en Galicia, así como as consecuencias desastrosas para o desenvolvemento xeral da guerra da desordenada retirada inglesa. Sir John Moore, quen acabaría morrendo na batalla de Elviña, está soterrado nos xardíns de San Carlos, na Coruña, e foi o destinatario dun famoso poema de Rosalía de Castro dedicado á súa amiga María Bertorini: “Na tomba do xeneral inglés Sir John Moore, morto na Batalla de Elviña (Coruña) o 16 de xaneiro de 1809”.

No momento da súa morte, López Morillo estaba preparando unha Historia de la Guerra de Independencia en Galicia, segundo sinala Murguía na nota necrolóxica publicada no número 70 do Boletín da Real Academia Galega.