Académicos e académicas

José Antonio Parga Sanjurjo

José Antonio Parga Sanjurjo

Piantón, Oviedo, 1841 - Viveiro, Lugo, 1917
Data de ingreso
28/09/1907
A proposta de
Manuel Amor Meilán, Manuel Lago González, José Vega y Blanco, Emilio Tapia y Rivas, Xesús Rodríguez López e Indalecio Varela Lenzano
Resposta pronunciada por
Manuel Martínez Murguía

Vegadeo, 1841 - Viveiro, 18 de outubro 1917


Xurista e polígrafo, estudou nos seus traballos cuestións de tipo xurídico, económico, cultural e etnográfico. Foi membro da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, entidade comprometida co desenvolvemento da agricultura a gandería e a pesca galegas, e director do seu voceiro, a Revista de la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Formou parte do xurado nos Xogos Florais de Santiago e Vigo e presidiu o certame literario-musical celebrado en Lugo en 1894. 


Nado en Asturias, a súa familia era orixinaria de Viveiro, onde pasou a súa infancia e a onde retornou logo da súa xubilación. Cursou Dereito na Universidade de Santiago de Compostela e ingresou na maxistratura en 1868 , traballando como fiscal na Audiencia do Criminal e tamén en Mondoñedo, Ourense, Palencia, Lugo, Madrid e Burgos.


Como historiador, escribiu a biografía de diversos personaxes ilustres de Viveiro, como María Sarmiento de Rivadeneira, Vicente Manuel Cociña Nicomedes Pastor Díaz ou Trelles Noguerol, ademais doutros como Valentín Lamas Carvajal ou José Castro Bolaño. Como literato, publicou por entregas a novela “La cueva de la doncella” (1887 – 1889) na revista Galicia que dirixía Andrés Martínez Salazar. Nesta obra recolle elementos tirados da etnografía do San Xoán, como a cova, o peite de ouro, o mouro ou a propia doncela. Tamén publicou a tradución do poema de Lord Byron Peregrinación de Childe-Gordon (1879) e unha conferencia sobre O Quixote no III centenario da súa publicación. Como crítico literario, escribiu sobre a poesía de Eduardo Pondal e Rosalía de Castro.


Boa parte da súa produción escrita foron informes técnicos de carácter xurídico ou económico destinados á Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Neles tratou temas como a propiedade industrial, os aparellos empregados na pesca, a reciprocidade do dereito de captura entre os mariñeiros galegos e os portugueses, o permiso para levar sal a bordo, a crise gandeira en Galicia, o salvamento de náufragos ou o abuso das capturas de lagosta. No seo desta entidade publicou así mesmo Juicio crítico del informe sobre crédito agrícola que emitió la Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (1885), contribución na que analiza as medidas de carácter financeiro propostas polo xurista, sociólogo e economista muradán Joaquín Díaz de Rábago no seu libro El crédito agrícola (1883), no que propuña a creación dun banco ou montepío destinado aos labregos para a recuperación do agro galego.  Grazas á súa iniciativa, a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago de Compostela propúxolles ás deputacións provinciais o nomeamento de Murguía como cronista de Galicia. 


No eido dos estudos xurídicos, publicou artigos na Revista de Legislación y jurisprudencia sobre a compañía galega, e no Foro Español sobre a pena indeterminada, a necesidade de reformar a normativa sobre caixas de aforros e montes de piedade e sociedades cooperativas ou o dereito á folga. Escribiu tamén sobre a cuestión do foro na Revista de la Sociedad Económica de Santiago. Alén do campo xurídico, foi socio de mérito da Sociedade Arqueolóxica de Santiago e publicou artigos sobre Lugo e o mosteiro de Ferreira de Pantón.  


Membro correspondente desde 1905, José Antonio Parga Sanjurjo foi o primeiro membro numerario que ingresou na Real Academia Galega cun acto de recepción. No seu transcurso, deu lectura ao ensaio El renacimiento de la literatura regional, no que realiza un exercicio de historiografía literaria e lingüística galega, analizando a súa traxectoria desde o esplendor medieval da poesía trobadoresca deica a súa recuperación polos precursores xa no século XIX, pasando pola súa longa etapa de decadencia provocada polo proceso de centralización castelá. O viveirense salienta a orixe común do galego e o portugués, a importancia de Sarmiento na recuperación do seu rexistro culto, así como a influencia do legado celta no ton melancólico e tenro da poesía galega, o que contribuiría a diferenciala da poesía do amor cortés provenzal, máis retórica e fantasiosa. 


Na súa resposta, Manuel Murguía destaca a importancia da literatura oral galega, de orixe popular e que nunca deixou de producirse cando esmoreceu o cultivo escrito da lingua. Segundo Murguía, esta literatura é a verdadeira portadora da alma do pobo galego. A seguir, o patriarca lamenta a carencia dunha norma gramatical e ortográfica que unifique a lingua e sinala a conveniencia de contrastar as formas propias coas portuguesas. Murguía denuncia o proceso de castelanización que sofren tamén o catalán e o vasco, se ben considera o primeiro ten como vantaxe sobre o galego que nunca deixou de se escribir, e a segunda, a maior estima dos vascos polo propio. Remata o seu discurso denunciando como barbarie os que desexan a desaparición do galego.