Académicos e académicas

Valentín Lamas Carvajal

Valentín Lamas Carvajal

Ourense, 01/11/1849 - Ourense, 03/09/1906

Valentín Lamas Carvajal naceu en Ourense o 1 de novembro de 1849 e finou na mesma cidade o 4 de setembro de 1906. Membro fundador da Real Academia Galega adscrito á Xeración de 1868, é un dos autores máis significativos do Rexurdimento pleno. O seu nome está para sempre vencellado ao xornal O Tío Marcos da Portela, que el mesmo creou e que foi o primeiro redactado integramente en galego; mais tamén salienta Lamas Carvajal na narrativa, co popular Catecismo do labrego.

Estudou bacharelato na súa cidade natal e, en 1870, trasladouse a Santiago de Compostela para estudar Medicina. Se ben non rematou a formación académica por mor dunha afección ocular que co tempo o deixaría cego, na cidade universitaria entrou en contacto coa intelectualidade galega. A partir de 1874, a súa vida quedou definitivamente ligada á cidade das Burgas ao casar alí cunha antiga compañeira de estudos, Amalia Rosina Sánchez.

Lamas Carvajal desenvolveu unha intensa labor xornalística, contribuíndo á construción dunha prensa galega. Dirixiu a revista La Aurora de Galicia e mais o xornal El Eco de Orense. Asemade, fundou xornais moi populares naquela altura, como El Heraldo Gallego, publicado de 1874 a 1880, e o O Tío Marcos da Portela, publicado entre 1876 e 1890, que supuxo un dos feitos máis relevantes na historia das nosas letras, ao tratarse da primeira publicación feita integramente en galego desde Galicia. Tivo, ademais, unha extraordinaria acollida debida, sobre todo, á defensa do labrego desde unha perspectiva anticaciquil.

A andaina literaria do autor comezou con diversas achegas poéticas como o poemario Espiñas, follas e frores (Ramiño primeiro), en 1875, dedicado ao seu fillo Oliverio, morto meses despois, no que se funden os elementos cultos e folclóricos. En 1976 completou ese poemario o Espiñas, follas e frores (Ramiño segundo). En 1875 viu tamén a luz Dez cartas aos gallegos. Cinco anos máis tarde sería a quenda de Saudades gallegas, que suporía a consagración de Lamas como escritor, quen se consolida como o mellor continuador de Rosalía. O seu último libro de poesía foi A musa das aldeas, publicado en 1890.

Como prosista publicou en 1887 Gallegada, Tradiciós, Costumes, Tipos e Contos da Terriña: 19 narracións que amosan a vontade populista e comprometida coa defensa dos labregos por parte de Lamas. Dous anos máis tarde publicouse O catecismo do labrego, a obra máis popular da nosa literatura durante longos anos. O volume parodia un catecismo relixioso por medio dun labrego retranqueiro, ao tempo que denuncia as condicións de penuria económica e social da clase labrega. Trece edicións do libro saíron do prelo en vida do autor, situándoo moi lonxe de calquera outra obra da súa época.
Finado en setembro de 1906 en Ourense, foi soterrado no cemiterio de San Francisco da cidade da mesma cidade.

Obra

Poesía
Flores de ayer: poesías. Santiago: Tip. Jesús Tomás Rey, 1871. 
Espiñas, follas e frores (Ramiño primeiro). Ourense: [s.n.], 1875.
Espiñas, follas e frores (Ramiño segundo). Ourense: Imp. d'a Propaganda Gallega, 1876.
Espiñas, follas e frores: colección de versiños gallegos. Madrid: Imp. de M. Tello, 1877. [Contén "Ramiño primeiro" e "Ramiño segundo"]
Desde la reja. Cantos de un loco. Colección de versos. Ourense: Imp. d'a Propaganda Gallega, 1878.
A musa das aldeas. Coleución de versos gallegos. Ourense: El Eco, 1890.
Mostacilla: versos humorísticos. Ourense: El Eco, 1897.
Poesías. A Coruña: 1925.
Saudades Gallegas. Ourense: La Región, 1927.
Obras completas. Ourense: La Región, 1927. 

Narrativa
Caras ós gallegos. Ourense: Imp. José M. Ramos, 1875. 
Gallegada: tradiciós, costumes, tipos e contos d'a terriña. Ourense: Imp. d'O Eco d'Ourense, 1887.
Catecismo da doutrina labrega. Ourense: Imp. de A. Otero, 1889.

Sobre o autor e a súa obra
López Aydillo, Eugenio & Palacios, José (ed.) Lamas Carvajal: estudio biográfico y crítico, con una selección de sus mejores composiciones. Madrid: Editorial Paez, 1925.
Blanco Amor, Eduardo (ed.) Antoloxía: verso e prosa. Bos Aires: As Burgas, 1950.
Carvalho Calero, Ricardo (ed.) Lembranza de Valentín Lamas Carvajal no Día das Letras Galegas. Santiago de Compostela: Universidade, 1972.
García Negro, Pilar (ed.) Obra literaria e xornalística: antoloxía. Vigo: Asociación Socio-Pedagóxica Galega, 1996.
Galicia, Consellería de Cultura (ed.) Xornadas sobre V. Lamas Carvajal: actas das xornadas realizadas pola Dirección Xeral de Promoción Cultural en Ourense os días 21 e 22 de outubro de 1999. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 2001. 
Ponte Far, José Antonio (dir.) Valentín Lamas Carvajal. A Coruña: La Voz de Galicia, 2010.