Discurso de ingreso de Evaristo Martelo Paumán

O 16 de xuño de 1921 facía o seu ingreso na Academia o poeta Evaristo Martelo Paumán cun discurso titulado "Pondal e a súa obra".
Evaristo Martelo Paumán.
Evaristo Martelo Paumán


Membro asiduo do faladoiro da Cova Céltica, na obra do poeta,avogado e aristócrata coruñés, Evaristo Martelo Paumán (1853-1928) resulta doado detectar a pegada da estética pondaliá: rexeitamento do enxebrismo e das formas populares, referencias continuas a un pasado mítico e idealizado, dandismo…

Así, no seu discurso de entrada na Academia -para o que fora proposto por Murguía, Tettamancy e Vaamonde Lores- Martelo Paumán fai unha extensa análise encomiástica do legado poético de Eduardo Pondal, quer descifrando algún dos seus recursos estilísticos máis recorrentes: "nos nomes dos lugares que ten diante dos ollos, o noso poeta personifica, cando nos fay entrar no relato, os heroes dinos de toda lembranza", quer ponderando a importancia d'Os Eoas no conxunto da empresa literaria pondaliá: "eran Os Eoas a obra en que pensaba deixar ao seu país e âs posteridades". Martelo Paumán revisa, ademais, as consideracións filolóxicas de Pondal sobre a relación entre o galego e o portugués, e entre a lingua literaria e a lingua falada.

Na súa resposta en nome da Academia, Uxío Carré Aldao principia o seu discurso salientando o estreito vencello biográfico e literario entre as figuras de Martelo Paumán e a de Pondal: "Foi Martelo amigo íntimo, mais que amigo millor poderiamos decir irmán, do insigne bardo galego".

A seguir, o dono da Librería Regional describe o proxecto poético de Martelo Paumán, subliñando o seu carácter patriótico e a súa inclinación ao emprego da sátira "fina, cortés e culta". Carré Aldao entra tamén no debate filolóxico, defendendo a identidade lingüística galega do Cancioneiro medieval: "Non foi así: os nosos poetas siguiron dando amostras da sua ispiración e sentimentos na mesma fala que os troveiros e o Rey Sabio, que, por aqueles tempos, estaba en uso tanto de unha banda coma da outra do Minho: o galego."

Carré Aldao remata o seu discurso cunha longa disertación sobre a función que debía ter a literatura galega no seu tempo: "A reconstituil-a alma colectiva da raza deben tenderen os nosos esforzos", mediante o emprego dunha lingua literaria culta e depurada e o afastamento da temática rústica e costumista: "Ergamos as nosas almas e os nosos pensamentos cara ao ideal do santo amor para á nosa nai, para Galicia, e á todo aquel que coide nos aldraxar chamando cativa à nosa emprega, digamoslle c'o poeta:

Meu vaso será pequeno
mais eu bebo pol-o meu vaso".

O discurso de ingreso de Evaristo Martelo Paumán pódese descargar aquí.

Nesta ligazón podes acceder ás obras de Martelo Paumán na nosa Bibliteca do século XIX.