Académicos e académicas

Manuel Díez Sanjurjo

Manuel Díez Sanjurjo

Burgos, 1870 - Valladolid, 1941
Data de ingreso
20/06/1908
A proposta de
Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy e Uxío Carré Aldao
Resposta pronunciada por
Francisco Tettamancy

Enxeñeiro de camiños, arqueólogo e historiador nado en Burgos, tras rematar a carreira de Enxeñaría en 1894 foi destinado á xefatura de Obras Públicas de Lugo, onde ficou deica 1899. Con posterioridade foi trasladado a Ourense. Alí coñeceu, entre outros, a Marcelo Macías e formou parte da Comisión Provincial de Monumentos Históricos e Artísticos de Ourense, precedente do Museo Provincial, colaborando de xeito asiduo na redacción do seu Boletín.

Durante a súa longa estadía en Ourense como responsable das estradas provinciais, estudou e chegou a coñecer en profundidade as antigas vías romanas que atravesaban a provincia, que constitúen o precedente, moitas veces exacto, das comunicacións terrestres de hoxe en día. Plasmou os seus coñecementos sobre este tema nos libros Los caminos antiguos y el itinerario 18 de Antonino en la provincia de Orense (1904) e De Clunia a Intercacia según el itinerario de Antonino (1917).

En 1910 pasou á xefatura de Valladolid de Obras Públicas e, máis adiante, á de Canarias. Tras ser ascendido, exerceu como inspector en Santander, cidade onde o sorprendeu o estoupido da guerra civil. Participou na redacción do Plan Xeral de Obras Públicas de 1938 e, ao remate da guerra, foi delegado especial do goberno na zona de Levante. Tras a súa xubilación e deica o seu pasamento, foi o delegado do Goberno na Confederación Hidrográfica do Douro, en Valladolid.

Foi proposto como membro da Real Academia Galega por Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy e Uxío Carré Aldao e o 26 de xuño de 1908 leu en Ourense o seu discurso de ingreso, Epílogo de la historia del fuero de Allariz, respondido, en nome da Academia por Francisco Tettamancy. O seu ensaio é a continuación dun traballo iniciado polo seu amigo o académico Arturo Vázquez Núñez, finado un ano antes, no que relata o outorgamento de Allariz en 1448 ao conde de Benavente, Alonso Pimentel, por parte de Xoán II, rei de Castela. Esta vila gozaba, desde 1152, dunha carta de poboamento concedida por Afonso VII, rei de Galicia e León, que a mantiña liberada do dominio feudal, condición que perdeu mediante o acto de Xoán II. O novo académico remataba o seu discurso laiándose do destino de Allariz, vila despoxada dos seus dereitos e convertida en moeda de cambio nos avatares da relación de Xoán II coa nobreza do seu tempo.