Académicos e académicas

Eduardo Blanco-Amor

Eduardo Blanco-Amor

Ourense, 1897 - Vigo, 1979

Faleceu antes de tomar posesión da súa cadeira como académico numerario, pero será sustituído por Ramón Lorenzo Vázquez, polo que a todos os efectos é considerado numerario. Como data de ingreso dáselle a de elección.

Nado en Ourense o 14 de setembro de 1897 e finado en Vigo o 1 de decembro de 1979, Blanco Amor constitúe un dos grandes fitos da renovación narrativa galega. Foi, asemade, unha figura fundamental no teatro e no xornalismo.

Sendo un neno adoito enfermo, adquiriu coñecemento, sobre todo, de maneira autodidacta, aínda que tamén recibiu o maxisterio de Vicente Risco na Escola Normal; personalidade que supuxo unha influencia fundamental no seu posicionamento en defensa da cultura galega. Aos dezasete anos xa comezou a traballar como secretario de dirección en El Diario de Orense, frecuentando os faladoiros co seu mestre Risco. En 1919 emigrou a Bos Aires e alí proseguiu a súa formación da man de intelectuais e artistas, tomando parte activa na Federación de Sociedades Galegas, fundada en 1921, de cuxo órgano, El Despertar Gallego, chegou a ser director. No ano 1923 fundou, xunto con Ramiro Isla Couto, a revista Terra, escrita en galego, e, tres anos máis tarde, ingresou no diario La Nación, que lle permitiu coñecer escritores arxentinos como Borges, Sábato ou Horacio Quiroga. No ano 1924 coñeceu ao que foi o seu grande amigo, Ramón Suárez Picallo. Nesta altura participou tamén da publicación galeguistaCéltiga e noutras como Correo de Galicia e a Revista de la Casa de Galicia. A súa carreira literaria comeza con "Os Nonnatos (Conto no ceo)", publicado o 25 de maio de 1927 na revista Céltiga. Ao ano seguinte continúa co libro de poemas de estética modernista Romances galegos.

Nestes anos realiza dúas viaxes á Península como correspondente de La Nación. Na primeira (1929-1931) coñeceu a Castelao, establecendo contacto co Partido Galeguista e co Grupo Nós, e escribiu Poema en catro tempos, publicado posteriormente na Arxentina. Na segunda viaxe (1933-1935) contactou coa Xeración do 27 da literatura española, favorecendo que García Lorca escribise os seus "Seis poemas galegos". Co estoupido da guerra civil defendeu desde Arxentina o Estatuto de Autonomía e dedicouse a espallar a nosa cultura. Porén, durante os 20 anos seguintes, ata 1956, utilizou unicamente o castelán na súa obra literaria. Antes de deixar América, publicou A Esmorga (1959), unha ruptura das tendencias costumistas e populares da literatura galega na que se introducen técnicas como a redución temporal, o tremendismo, a plasticidade cinematográfica no ritmo ou as perspectivas suburbanas. A súa traxectoria teatral comezou durante a Guerra Civil. Mentres impartía clases de lectura e dicción, fundou as compañías Teatro de Cámara El Tinglao e Teatro Popular Galego, que puxo en escena obras de Lugrís Freire e do propio Blanco Amor, entre outros. O autor retornou a Galicia o 16 de xaneiro de 1965, converténdose, ao longo desa década, nunha figura emblemática do teatro independente e continúa afondando nas posibilidades da narrativa moderna. No ano 1962 publicou Os biosbardos, un conxunto de sete relatos en primeira persoa con protagonista e narrador infantil distinto en cada historia. Encontramos, ademais, temas recorrentes na obra de Blanco Amor: a dificultosa relación co pai ou a sufridora figura materna. Tras publicar unha nova edición d'A Esmorga (1970), viu a luz a extensa novela Xente ao lonxe (1972), onde retrata a estratificación da sociedade urbana de Ourense. A partir de entón, centrou a súa produción no teatro: Farsas para títeres (1973) e Teatro pra a xente (1975).

Ademais da literatura, tamén foi fotógrafo afeccionado. As súas máis de 3.000 imaxes consérvanse no arquivo da biblioteca da Deputación de Ourense. En 2004 a editorial Galaxia publicou o libro A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973, unha escolma representativa da súa obra.
Blanco Amor finou en Vigo o 1 de decembro de 1979 e foi soterrado no cemiterio de San Francisco, en Ourense.

Aínda que boa parte da súa produción literaria se encontra espallada en diversas publicacións periódicas das que participou, a seguir referímonos ás publicacións exentas e en lingua galega da súa autoría.

Poesía
Romances galegos. Bos Aires: Céltiga, 1928.
Poema en catro tempos. Bos Aires: [s.n.], 1931.
Cancioneiro. Bos Aires: ed. Galicia del Centro Gallego, 1956.
Poemas galegos. Vigo: Galaxia, 1980. 

Narrativa
A esmorga. Bos Aires: Citania, 1959.
Os biosbardos. Vigo: Galaxia, 1962.
Xente ao lonxe. Vigo: Galaxia, 1972.
A escaleira de Jacob. Vigo: Galaxia, 1993. 

Teatro
Farsas para títeres. Sada: Ediciós do Castro, 1973.
Teatro pra xente. Vigo: Galaxia, 1974.
Proceso en Jacobusland (Fantasía xudicial en ningures). Barcelona: Sotelo Blanco, 1990. 

Ensaio
Castelao escritor. Sada: Ediciós do Castro, 1986.

Tradución
O culto dos heroes. Santiago de Compostela: Laiovento, 2001. 

Fotografía
Lema, Carlos (ed.). A ollada do desexo. Obra fotográfica 1933-1973. Vigo: Galaxia, 2004.