Académicos e académicas

Amador Montenegro Saavedra

Amador Montenegro Saavedra

Santiago de Compostela, 1864 - Lugo, 1932
Data de ingreso
13/12/1909
A proposta de
Salvador Golpe Varela, Manuel Lago González e José Pérez Ballesteros.
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Juan Barcia Caballero

Escritor, xornalista e político, foi o fundador do semanario A Monteira, de signo agrarista e redactado integramente en galego. O seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Alma d'a poesía gallega, contestado por Juan Barcia Caballero, foi o primeiro dado en galego na institución.

Descendente da nobreza terratenente luguesa, o seu pai, Siro Montenegro, fora alcalde de Lugo a mediados do século XIX. Cursou o bacharelato nesta cidade entre 1876 e 1881, e Dereito nas universidades de Santiago de Compostela e Valladolid. Tras exercer brevemente como pasante en Monforte de Lemos, estableceuse en Vigo, onde casou e traballou como mestre no colexio La Concepción, no Concello e na Cámara de Comercio. Fundou ademais o xornal La Razón (1889-1894), formou parte da Liga de Defensores de Vigo e foi concelleiro en dúas ocasións.

Montenegro compaxinou tamén dende Vigo a administración das grandes propiedades agrarias da súa familia estendidas por toda Galicia co estudo da situación socioeconómica e fitosanitaria co campo galego, que abordou en libros como Causas generales de la decadencia agraria de Galicia (1903) e Contra el mildiu, el oídio y el black-root (1917). En 1912 regresou a Lugo, onde residiu os últimos vinte anos da súa vida.

Como xornalista, foi fundador e director, canda o seu amigo o avogado Manuel Pardo Becerra, da cabeceira lucense A Monteira, Somanario d’intreses rexionales e literatura, editada entre o 5 de outubro de 1889, día de San Froilán, e o 27 de decembro de 1890, con sesenta e cinco números en total. A revista empregaba unicamente o galego nas súas páxinas, tamén nos anuncios e necrolóxicas, e facía da vindicación, defensa e normalización do uso da lingua un dos eixos principais do seu discurso. Encadrada ideoloxicamente na liña rexionalista católica e conservadora que lideraba Alfredo Brañas, a cabeceira denunciaba como grandes doenzas do país o centralismo español, a emigración e os foros que padecían os labregos.

Contemporánea doutras revistas editadas en galego como A Tía Catuxa, O Novo Galiciano e Galicia. Cencias. Literatura. Artes, A Monteira forma parte dun momento de esplendor do xornalismo en galego que tivera como precedentes revistas como O Vello do Pico Sagro, O Señor Pedro, O Galiciano, A Gaita Gallega e A Fuliada, e como referente por excelencia o exemplo d’O Tío Marcos da Portela de Valentín Lamas Carvajal. Nas súas páxinas publicáronse cantares populares recollidos polo propio Amador Montenegro, amais de artigos de autores como Rosalía de Castro, Eduardo Pondal, Manuel Murguía, Alfredo Brañas, Eladio Rodríguez, Marcial Valladares, Galo Salinas, Xulia Sarmiento, Saco y Arce ou Filomena Dato. A Monteira mantivo polémicas co xornal lugués El Regional, dirixido por Aureliano J. Pereira e que profesaba un rexionalismo de signo federalista.

Incluído por Carballo Calero na chamada xeración dos epígonos que seguiu á do Rexurdimento, Amador Montenegro publicou o poemario Muxenas (1888), con limiar de Pérez Ballesteros, Fábulas i epigramas (1892), con vinte fábulas e sete epigramas, e Fábulas galaico-castellanas (1897), con corenta e sete textos en galego e varios en castelán.

Interesado na cultura popular, fixo varias compilacións como “Trabajo folclórico gallego”, galardoada en Santiago de Compostela o 23 de xullo de 1912. Meses máis tarde, en setembro do mesmo ano, foi premiado en Pontevedra polo traballo “Colección de cantares gallegos recogidos de la tradición oral”.

Os seus artigos de tipo literario e as súas reflexións sobre cuestións de agricultura, historia ou filosofía do dereito viron a luz en medios como Aires da Miña Terra, Gaceta de Galicia, O Gaiteiro de Lugo, Galicia, Galicia Agrícola, Comercial e Industrial, Galicia Moderna, O Galiciano, Santiago, O Tío Marcos da Portela e Vida Gallega. Parte das súas achegas apareceron con pseudónimos como El Vate de la Raposeira ou Esperanza Roca.

O seu discurso de ingreso na Academia, Alma d'a poesía gallega, contestado por Juan Barcia Caballero, foi o primeiro pronunciado en galego nesta institución. Establece como deber dos poetas galegos exaltar o sentimento patriótico e o relixioso, e denunciar os males que padece Galicia desde unha perspectiva rexionalista. A seguir, enxerga unha panorámica sobre as principais figuras da tradición literaria galega, desde os trobadores medievais ata Sarmiento, e denuncia a situación de abandono do cemiterio de Bonaval onde estaban soterrados os restos de Alfredo Brañas e Rosalía.