Académicos e académicas
Juan Barcia Caballero
Santiago de Compostela, 1852 - 1926
Data de ingreso
04/09/1905
A proposta de
Académico fundador
(Santiago de Compostela, 1852 - 1926). Escritor polígrafo e bilingüe, foi médico e catedrático de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Como poeta, salientan a coidada linguaxe e a notoria influencia rosaliana das súas composicións, adoito sobre temas paisaxistas, devotos ou intimistas. Foi un dos promotores da Asociación Rexionalista Galega, presidida por Murguía, e formou parte, canda Alfredo Brañas e Salvador Cabeza de León, da tendencia conservadora deste movemento político. Fundou o xornal El Porvenir e colaborou en publicacións como O Novo Galiciano, El Libredón, El Ciclón, El Eco de Santiago, El Cínife, As Burgas e El Diario de Orense. Dirixiu a revista médica La Crónica e foi o introdutor da psiquiatría en Galicia.
Nado no seo dunha familia de médicos, fixo estudos de Medicina na súa cidade natal e, tras doutorarse en Madrid, obtivo por oposición a cátedra de Anatomía de Granada e, por traslado, a de Santiago de Compostela, universidade da que chegou a ser reitor honorario. Foi médico titular do Seminario Diocesano, director do Hospital de San Roque e do Manicomio de Conxo. Activo polemista na prensa compostelá da época, sempre en defensa de postulados conservadores, foi presidente de Juventud Católica e do Ateneo León XIII. Colaborou tamén, en calidade de bibliotecario-arquiveiro, coa Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago.
A principal achega de Barcia Caballero á literatura galega foi o poemario Rimas (1891), precedido dun extenso limiar no que o autor analiza as correntes literarias do seu tempo e expón as súas ideas sobre a lingua e a poesía galega, con especial atención ao maxisterio de Rosalía de Castro. O libro contén poemas de temática paisaxística que salientan pola súa coidada e depurada linguaxe, así como por un subxectivismo melancólico de liñaxe rosaliana. Nesta liña cómpre situar composicións como “Arco da vella”, gañador do certame de poesía celebrado en Vigo en 1881; “Miña terra!” de ton patriótico e dedicado a Brañas; “Brétemas”, premiado nos xogos florais de Tui de 1891, ou “A serán”. Outro dos eixos do libro é a poesía relixiosa e devota, expresada, ás veces, en forma de copla e ton popular en pezas de tema mariano como “A virxe d’Aránzazu”, “Piedade” ou “N’o Calvario”. Son abundantes tamén no libro os poemas de lamento existencial en ton pesimista que delatan a influencia de Follas novas: “Teño medo, teño medo”, “Alá veñen saltando rompentes” ou “Dende que tiven acordo”. O libro inclúe tamén dous panexíricos en homenaxe a Rosalía de Castro.
A este libro seguiulle Mesa revuelta. Ensayos literarios (1883), unha colectánea de textos de prosa e verso escritos en galego e castelán que tratan desde poemas de tema relixioso, deica ensaios de crítica literaria sobre libros de autores galegos coevos seus, como Alberto García Ferreiro, Alfredo Brañas ou Emilia Pardo Bazán. Precisamente en diálogo coa autora de La Tribuna publica Barcia Caballero en 1884 o libro La cuestión palpitante: cartas amistosas a la señora doña Emilia Pardo Bazán, no que pretende refutar a defensa do naturalismo feito por esta autora no libro homónimo La cuestión palpitante, publicado dous anos antes.
Como tradutor, Barcia Caballero foi o responsable da versión galega en 1891 do texto latino do Terceiro Concilio de Toledo para a edición políglota. Como académico, en 1909 contestou en galego o discurso de ingreso do seu amigo Amador Montenegro Saavedra, tamén dado en lingua galega. Ese mesmo ano, presidiu a comisión de propaganda da Exposición Regional Gallega promovida pola Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Colaborador habitual na prensa santiaguesa conservadora da época, publicou canda o seu fillo, Juan Barcia Eleizegui, as novelas Dos almas (1907) El señor Nin (1922), de tipo costumista, que apareceron por vez primeira editadas en El Eco de Santiago.
Nos debates do seu tempo entre ciencia e relixión, Barcia Caballero supeditou sempre a primeira á segunda, o que o levou a rexeitar os postulados do darwinismo. Dirixiu as revistas médicas La Crónica, Revista médica gallega e a Revista de Criminología y Medicina Legal de Buenos Aires. Editou canda Vicente Goyanes Programa de Anatomía Práctica (1883) e Anatomía Práctica (1898). Foi o introdutor da psiquiatría en Galicia, que estudou de xeito autodidacta. Publicou diversos ensaios relevantes sobre esta materia, como El estupor melancólico (1902), “La locura y la libertad” (1912), De Re Phrenopatica (1915) ou La locura de los niños (1917). Dirixiu desde 1885 o Manicomio de Conxo e o Hospital de San Roque para o tratamento da sífilis. Foi un dos fundadores da Asociación Española de Neuropsiquiatría.