Parrafeo Primeiro d'O Tio Marcos d'A Portela (7 de febreiro de 1876)
O nacemento d'O Tio Marcos d'A Portela en 1876 significou un importante avance no decorrer da prensa escrita no noso idioma. Publicada en Ourense e redactada por enteiro en galego, esta publicación adoptou un formato plenamente xornalístico e tivo unha duración bastante prolongada, aínda que foi algo irregular e estivo distribuída en tres épocas diferentes. A primeira inaugurouse o 7 de febreiro de 1876, cando saiu á rúa o Parrafeo Primeiro, continuando con algunhas interrupcións deica o ano 1880. A segunda principiou en novembro de 1883 e durou sen suspensións ata decembro de 1889. Finalmente, logo dunha longa ausencia, a terceira xeira da publicación tivo lugar entre febreiro de 1917 e xullo de 1919.
A súa periodicidade comezou sendo quincenal, pasando en poucos meses a semanal. E así se mantivo durante as dúas primeiras épocas, aínda que na terceira pasou a ser de novo quincenal. Tamén variou na súa extensión, tendo catro páxinas na primeira xeira e despois oito nas dúas seguintes. En total saíron do prelo case cincocentos Parrafeos, o que converteu O Tio Marcos d'A Portela na cabeceira máis duradeira da primeira etapa da prensa en galego. E tamén na máis popular, pois en ocasións chegou a acadar tiraxes de catro mil exemplares, vendéndose nas feiras e mediante subscricións por toda Galicia e nas comunidades emigradas de América. Pódese dicir, xa que logo, que O Tio Marcos d'A Portela foi a primeira tentativa exitosa de crear unha prensa de masas escrita na nosa lingua. Con el naceu unha auténtica escola de xornalismo en galego que tivo numerosos seguidores e imitadores por todo o país.
O creador deste periódico, e o seu director nas dúas primeiras épocas, foi o ourensán Valentín Lamas Carvajal, importante figura da nosa cultura que destacou en calidade de xornalista e de escritor. Como xornalista, alén d'O Tio Marcos d'A Portela, dirixiu El Heraldo gallego e mais El Eco de Orense. Como escritor é coñecido sobre todo polo Catecismo d'a Doutrina Labrega (1889). Pero tamén foi autor dunha ampla obra literaria en prosa e en verso. Cando se fundou a Real Academia Galega, Lamas Carvajal converteuse nun dos membros numerarios orixinais en recoñecemento ao seu labor cultural, pero non puido ingresar como académico por mor do seu pasamento. Após a súa morte, a terceira etapa da publicación estivo a cargo de Javier Prado (Lameiro) e da Irmandade da Fala da cidade de Ourense.
Unha gran parte dos artigos do periódico foron escritos polo propio Lamas Carvajal usando diferentes pseudónimos. Outros debéronse á pluma de varios colaboradores. En xeral os seus contidos recollían os temas habituais da prensa do momento, cunha evidente predilección pola literatura culta e popular: poemas, contos, refráns, cántigas. As súas páxinas acolleron ademais textos dos principais autores galegos do Rexurdimento. Mais tamén estiveron sempre presentes as noticias de actualidade -local, galega, española- e os comentarios políticos, moitas veces expresados en forma dialogada (parrafeos), como xa viña sendo habitual dende a aparición da primeira prensa en galego. Porque o certo é que O Tio Marcos d'A Portela foi un periódico eminentemente reivindicativo que amosou uns obxectivos ben definidos: defensa dos labregos, defensa do idioma galego e defensa de Galicia. Baixo a dirección de Lamas Carvajal foron constantes as críticas contra o caciquismo, a emigración e os abusos de poder. Na última etapa mantívose nesa mesma liña crítica e reivindicadora, pero inspirada de maneira manifesta por unha ideoloxía rexionalista que xa comezaba a se definir como nacionalista. Cómpre salientar igualmente a presenza de publicidade en galego a partir da segunda época, unha práctica que se fixo máis habitual durante a terceira.
Para rematar, unha curiosidade. Marcos d'A Portela, o personaxe escolleito por Valentín Lamas Carvajal para dar título ao periódico e para convertelo en autor apócrifo do seu Catecismo, está inspirado nunha figura histórica. O seu nome real foi Marcos Peralba e viviu nun lugar de Monteporreiro (Pontevedra) durante as primeiras décadas do século XVIII. Foi frei Martín Sarmiento quen primeiro nos falou del e quen o incluíu entre os protagonistas das súas coplas galegas. Máis dun século despois Lamas Carvajal trasladouno a terras ourensás e popularizouno coa feitura do galego enxebre que nos falou a través das páxinas da súa publicación.