Galicia. Cencias, literatura, artes

Cabeceira da Revista Galicia Cencias Literatura Artes
Cabeceira do único número de Galicia. Cencias, literatura, artes (10 de maio de 1885)
"Hai entr'os pobos y-as suas lenguas unha tan comprida relación qu'a mala ou boa fada d'us cobre ôs outros. Fala desprezada, pobo abaifado; lenguaxe enalterido, nación puxante e forte. Vimos, pois, pequenos como somos, a falar n-a lengua mais doce e tenra de cantas deixou como suas fillas a morta lengua latina, pr'estudial-a e deprendel-os seus merecimentos, pra que connosco a deprendan e conozan cantos de gallegos non esconden a cara. Eisí levaremos un grao d'area pr'o traballo xigante d'a rexeneración de Galicia".

Con estas palabras iniciais os responsables de Galicia. Cencias, literatura, artes explicaban cal era o principal obxectivo que os animaba a publicar a revista, un obxectivo que non era outro que a dignificación do noso idioma como paso necesario para a rexeneración de Galicia. Na súa opinión, o amor polo país era unha condición imprescindible para poder rexeneralo, e unha boa maneira de expresar ese amor era, precisamente, empregar decote a lingua propia coa finalidade de desterrar de vez o desprezo que algúns galegos aínda sentían por ela.

Portada do galicia Cencias Literatura Artes
Primeira páxina do único número da publicación

Galicia. Cencias, literatura, artes naceu en Ferrol o 10 de maio de 1885 e foi concibida como unha revista monolingüe en galego, decisión que sen dúbida se viu favorecida polo éxito d'O Tio Marcos d'A Portela. Mais non tivo unha vida tan longa como a cabeceira fundada anos atrás por Lamas Carvajal, xa que non hai noticias de que o primeiro número desta revista ferrolá tivese continuidade. Igualmente descoñecemos quen foron os responsables da súa publicación ao non constar os nomes do director nin dos redactores, pois os artigos son anónimos ou ben están asinados con iniciais e con pseudónimos. Unicamente aparecen identificados os autores das tres poesías incluídas nas súas páxinas: Francisco Añón, Juan Saco Arce e Andrés Muruais. De xulgarmos polos contidos deste único número, que consta de oito páxinas, a revista quixo ser fiel aos enunciados do seu título, centrándose nunha temática galega con preferencia pola literatura e pola divulgación científica. A primeira estaba representada por varios poemas e contos. A segunda por un artigo sobre os cometas, no cal se explicaban as súas causas naturais asemade se rexeitaban certas supersticións asociadas con eles; e tamén polo anuncio da inauguración dunha futura sección dedicada a tratar da mellora dos labores agrícolas. Certamente este interese pola ciencia e pola divulgación é un trazo de orixinalidade que distingue esta publicación ferrolá doutras revistas da época escritas en galego onde primaban os contidos literarios e políticos. Así mesmo resulta un indicio de que a prensa en galego de finais do século XIX estaba a incorporar novos temas acordes coas realidades e as necesidades do momento.

Pero sobre todo Galicia compartiu co resto dos periódicos monolingües en galego unha mesma arela reivindicativa do país e da lingua que se fai presente en todas as follas da revista e que se reflite na dedicatoria que aparece na primeira páxina, ofrecida á totalidade das institucións culturais, administrativas e de ensino existentes en Galicia, e tamén "a cantos non s'avergonzan d'o sangue que lles pol-as venas bule".

O único exemplar desta publicación que conserva a Real Academia Galega pertenceu a Francisco Mª de la Iglesia, escritor e xornalista implicado persoalmente na introdución do galego na prensa dende a década de 1850, cando publicou varios poemas en distintas cabeceiras, e sobre todo nos anos seguintes a través da súa participación no nacemento d'O Vello do Pico-Sagro (1860) e de Galicia. Revista universal de este reino (1860-1865).