Académicos e académicas
Evaristo Martelo Paumán del Nero
A Coruña, 1853 - 1928
Data de ingreso
16/06/1921
A proposta de
Manuel Murguía, Florencio Vaamonde e Francisco Tettamancy.
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Eugenio Carré Aldao
Nesta cadeira
Rosario Álvarez Blanco (06/06/2003 - Actualidade)
Jenaro Marinhas del Valhe (25/02/1978 - 01/07/1990)
Antonio Iglesias Vilarelle (29/12/1951 - 11/05/1971)
Alejandro Barreiro Noya (12/03/1936 - 22/11/1948)
Evaristo Martelo Paumán del Nero (16/06/1921 - 31/03/1928)
Eduardo Pondal Abente (04/09/1905 - 08/03/1917)
A Coruña, 25 de abril de 1850 — 31 de marzo de 1928
Escritor e político, herdeiro da concepción da poesía de Eduardo Pondal, de quen foi amigo, defendía unha norma culta nos debates sobre a estandarización do galego que se daban no seu tempo. Foi o autor do poema épico Andeiro (1922) no que defendeu a unión de Galicia e Portugal.
Evaristo Martelo Paumán era fillo de Ramón Martelo Núñez de Leis (1804-1873) e de María Dolores Paumán de Nero Zuazo y de Andrade (1815-1850). O seu pai, militar e xurista, ocupou cargos de relevo na política coruñesa de mediados do século XIX. A súa nai faleceu pouco despois do seu nacemento, o que o converteu no único herdeiro de dúas longas liñaxes da nobreza galega —como as de Traba, Faxardo, Almeiras e Andeiro— e titular de numerosas propiedades en Vimianzo, Laxe, A Coruña ou Rianxo. Entre os seus antepasados atópanse o conde de Traba, Pedro Froilaz, o trobador Paio Gómez Chariño e Xan de Andeiro, conde de Ourém. Foi vizconde de Andeiro e o VI marqués de Almeiras.
Na década de 1860, cursou na Coruña e Santiago de Compostela o bacharelato de artes, que rematou no ano 1868. Ese mesmo ano comezou a súa formación militar na academia da Mariña de Ferrol, carreira que axiña abandonou para principiar estudos de Dereito en Santiago de Compostela. Durante esta etapa, implicouse activamente na vida estudantil compostelá, frecuentando os círculos carlistas e rexionalistas católicos liderados por Alfredo Brañas. Acadou a licenciatura en Dereito en 1889. En 1873 casou con Josefa de la Maza Agar (1852-1932), pertencente tamén á clase fidalga, coa que tivo varios fillos entre 1874 e 1880. A familia estableceu o seu domicilio na Coruña e Martelo Paumán tomou parte na política municipal e provincial coruñesa, exercendo como concelleiro e segundo síndico entre 1875 e 1881 e conselleiro provincial de 1886 a 1891.
Na Coruña entrou en contacto co círculo de intelectuais galeguistas liderado por Murguía que formaban a Cova Céltica, onde coñeceu a Eduardo Pondal, con quen mantivo unha estreita relación de amizade e intelectual. A el irá dedicado o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega, Pondal e a súa obra. Nos debates lingüísticos do seu tempo, Martelo Paumán defendeu unha concepción culta da lingua galega, que procuraba un enfoque erudito para a súa codificación oposto aos criterios máis popularistas, que pretendían un galego semellante ao falado polo pobo. Pulou, así mesmo, pola dignificación e normalización do uso do galego entre as clases podentes, das que formaba parte.
O corpus literario en galego da poesía de Martelo Paumán está composto polos libros Líricas gallegas (1894), Landras e bayas (1919) e Andeiro. Poema histórico-brigantino da Unión Ibérica (s. XIV) (1922); e polo longo poema As Torres de Aviño. Os seus principais temas foron o intimismo, o patriotismo galego, a sátira e o costumismo realista. O seu estilo literario amosa unha clara influencia de Eduardo Pondal e da Escola Formalista ou Coruñesa. Acredita na tese histórica do celtismo, na que se insire a figura do bardo, cantor das tradicións e do pasado esquecido do pobo galego. A súa poesía recrea —con ollada nostálxica e rigor formal— a crónica nacional e a familiar.
En Líricas gallegas (1894) e Landras e bayas (1919) imperan formas breves e trátanse temas como a defensa dos foros, a crítica da emigración, as baladas patrióticas, a crítica ao liberalismo ou a vindicación do iberismo.
En Andeiro. Poema histórico-brigantino da Unión Ibérica (s. XIV) (1922) Martelo Paumán mestura, nun longo romance épico-histórico, a historia de Galicia e a da súa familia. O seu obxectivo é lexitimar a actuación do seu antepasado Xoán Fernández de Andeiro, o conde de Andeiro (1320-1383), partidario do bando lexitimista na guerra de sucesión ao trono de Castela entre Pedro I e o seu medio irmán Henrique de Trastámara. Exiliado en Portugal logo da batalla de Montiel, Andeiro serviu como axente da casa de Lancaster na corte portuguesa e como conselleiro da raíña Leonor Téllez, sendo asasinado logo do ascenso ao trono portugués do Mestre de Avis. Paumán defende no seu longo poema a unidade étnica e lingüística de Galicia e Portugal e a súa primacía nunha hipotética Unión Ibérica. Os afillados do demo (1895), dedicado a Eduardo Pondal, é un longo poema satírico no que Martelo Paumán traza unha pequena historia social da lingua galega e ataca aos que defenden unha versión popularista da mesma.
En prosa compuxo a peza dramática “Rentar de Castromil”, o primeiro monólogo teatral escrito en galego que foi representado no teatro Rosalía de Castro da Coruña, e no que combina humor, realismo e crítica social.
En lingua castelá compuxo o poemario Poesías líricas (1871) e publicou cinco artigos na Revista Gallega, o ensaio xurídico El laudemio (1899) e Manual de los Consejos de Agricultura, Industria y Comercio (1900).
Evaristo Martelo Paumán foi membro da Asociación Internacional de Socorro aos Enfermos e Socio Correspondente da Sociedade Económica de Amigos do País e proposto como membro de número da Real Academia Galega en 1921 a iniciativa de Manuel Murguía, Florencio Vaamonde e Francisco Tettamancy. No seu discurso de ingreso, Pondal e a súa obra, escrito en galego, Martelo Paumán realiza un percorrido pola vida e a obra do vate de Ponteceso, a quen comeza comparando co mítico bardo gaélico Ossián. A seguir, estuda a pegada na súa poesía da paisaxe bergantiñá, da lembranza do primeiro amor, dos seres míticos de procedencia céltica que interpreta en chave persoal, e remata evocando a empresa inacabada d’Os Eoas. A resposta en nome da Academia correspondeulle a Uxío Carré Aldao, quen, logo de sinalar as semellanzas estéticas entre Martelo Paumán e Eduardo Pondal, louva o lirismo e o patriotismo da súa poesía. Despois, vincula co romanticismo o renacemento da cultura galega, defende a súa codificación culta fronte á tendencia popular e remata exhortando á xuventude a se comprometer na causa galega.


