Fotogalería Hemeroteca
A orixe da Hemeroteca da Real Academia Galega hai que buscala na creación da Biblioteca da institución, xa que inicialmente as revistas e os xornais que se recibían eran gardados entre os libros e os folletos. Así, se consultamos o antigo rexistro de entrada de libros podemos saber cales publicacións periódicas foron chegando á Academia dende 1906 e tamén cal era a súa procedencia. A Hemeroteca creouse como unha sección independente nos anos19 90, cando as revistas e os xornais foron separados e colocados nun espazo á parte. O catálogo das publicacións periódicas pode consultarse na páxina web da Academia.
Vista do antigo local da Hemeroteca. Real Academia Galega
Na actualidade a Hemeroteca custodia cerca de 3.200 títulos e conta con milleiros de exemplares de revistas e xornais. Algúns deses títulos pertencen a revistas actuais, mais a maioría —ao redor de 2.900 títulos— apareceron con anterioridade á década de 1980 e constitúen o chamado Fondo Histórico.
Máis da metade dos títulos do Fondo Histórico corresponden a publicacións galegas que viron a luz entre 1800 e 1980, entre as que se inclúen tamén aquelas revistas editadas polas comunidades galegas asentadas fóra do país como resultado da emigración cara a outras terras. Este fondo constitúe un tesouro de informacións acerca da sociedade e da cultura galegas que abrangue case dous séculos e ademais conserva un importante repertorio gráfico con fotografías e gravados.
Gravado en La Ilustracion Gallega y Asturiana. Real Academia Galega. Hemeroteca
O Fondo Histórico é a parte máis valiosa da nosa Hemeroteca e tamén a máis consultada polas persoas que a frecuentan. A este conxunto pertencen algúns dos primeiros diarios políticos de comezos do século XIX (Diario de Santiago, Diario de la Coruña, El Patriota Compostelano, Gazeta Marcial y Política de Santiago); as primeiras revistas culturais e literarias (El Idólatra de Galicia, El Recreo Compostelano, Galicia: Revista Universal de este Reino); as cabeceiras máis significativas do rexionalismo (La Patria Gallega, Galicia, La Ilustracion Gallega y Asturiana, Revista Gallega, El Heraldo Gallego); revistas ilustradas (Galicia Moderna, Vida Gallega, Mondariz, Galicia Gráfica); así como importantes voceiros da emigración americana (El Eco de Galicia, Céltiga e Galicia de Buenos Aires ou La Tierra Gallega, Eco de Galicia e Galicia da Habana).
Cabeceira da revista Galicia da Habana. Real Academia Galega. Hemeroteca
O fondo de revistas históricas conta ademais cunha colección de publicacións escritas en galego. Delas destacamos aquí os títulos máis relevantes e dos que conservamos un maior número de exemplares orixinais: O Vello do Pico-Sagro (A Coruña, 1860); O Tio Marcos d'A Portela (Ourense, 1876-1919); A Fuliada (A Coruña, 1888); A Monteira (Lugo, 1889-1890); As Burgas (Ourense, 1894-1895); A Nosa Terra (A Coruña, 1916-1936); Nós (Ourense, 1920-1935); Logos (Pontevedra, 1931-1936); Alento (Santiago de Compostela, 1934-1935); A Fouce (Buenos Aires, 1926 e 1930-1936); A Nosa Terra (Buenos Aires, 1938-1972); Vieiros (México, 1959-1968). Todos eles son testemuño da historia da prensa en galego, dende as orixes na segunda metade do século XIX ata a súa continuidade na emigración americana despois da guerra civil.
Exemplares de prensa escrita en galego. Real Academia Galega. Hemeroteca
Ademais do grupo de publicacións relacionadas con Galicia, o Fondo Histórico conta con numerosas cabeceiras non galegas. Trátanse principalmente de revistas e de xornais españois e portugueses, aínda que tamén hai títulos doutras procedencias (Francia, Inglaterra, Alemaña ou Estados Unidos). Desta colección podemos mencionar revistas como Blanco y Negro, La Ilustracion Española y Americana, La España Moderna, Ilustracion Artística, La España Regional, Semanario Pintoresco Español, Memórias da Academia das Ciências de Lisboa, O Archeólogo Português, Gil Vicente, Douro-Litoral, Quatro Ventos, L'Illustration, Le Magasin Pittoresque, The Graphic e The Studio. A pesar de ser publicacións foráneas, algunhas conteñen textos e imaxes que fan referencia a Galicia.
Ilustracións de tema galego no Semanario Pintoresco Español e en Blanco y Negro. Real Academia Galega. Hemeroteca
As publicacións periódicas que forman parte do Fondo Histórico teñen procedencias diversas. Moitas delas chegaron á Academia por medio de compras ou de doazóns. Outras proceden dunha selección realizada na propia institución a partir dos xornais que se recibían diariamente. De especial interese son aquelas que pertenceron a distintas personalidades galegas e que posteriormente pasaron a enriquecer os fondos da nosa Hemeroteca. Dentro desta categoría podemos mencionar aquelas revistas e xornais que outrora foron de Manuel Murguía, José Oxea, Emilia Pardo Bazán, os irmáns Antonio e Francisco M.ª de la Iglesia, Antón Vilar Ponte e Isidro Parga Pondal.
Gravado do Semanario Instructivo que pertenceu a Manuel Murguía. Real Academia Galega. Hemeroteca
Ademais do Fondo Histórico, tamén teñen un lugar na Hemeroteca revistas que están en curso de publicación ou que se publicaban ata hai pouco tempo. Todas elas proceden de intercambios, de doazóns ou de subscricións. A maior parte destas cabeceiras son galegas e tratan asuntos diversos relacionados coa historia, a cultura e a actualidade de Galicia. Aquí poden consultarse revistas especializadas en temas concretos ou que se centran no estudo de comarcas individuais, así como outras que teñen un carácter máis xeneralista. Por outra parte, publicacións veteranas como Grial ou Encrucillada comparten os nosos andeis con outras de aparición máis recente como Luzes e Sermos Galiza.
Primeiro número da revista Grial (xullo-setembro 1963). Real Academia Galega. Hemeroteca
Nos últimos anos a Hemeroteca promoveu a dixitalización das publicacións galegas do Fondo Histórico coa finalidade de dar a coñecer ese valioso patrimonio e de facilitar a súa consulta pública. Os labores de dixitalización comezaron no ano 2003 e continuaron ata hoxe, de tal maneira que a Academia dispón xa de 160 cabeceiras dixitalizadas, o que supón varios milleiros de páxinas; todas elas de acceso público e gratuíto. Inicialmente as primeiras publicacións dixitalizadas —82 títulos— foron accesibles a través da nosa páxina web, dentro da sección Hemeroteca Virtual. Na actualidade os títulos dixitalizados poden consultarse en Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia, onde existe un micrositio que reúne as publicacións procedentes da nosa Hemeroteca.
Páxina dixitalizada en Galiciana. Mondariz 40 (20/X/1920). Real Academia Galega. Hemeroteca
Inaugurada hai 120 anos coa entrada na Biblioteca das primeiras publicacións periódicas, a Hemeroteca ten medrado de xeito continuo dende a súa modesta orixe ata lograr reunir un rico patrimonio que a converte nun espazo privilexiado para mergullarse na historia e na cultura de Galicia. A consulta dos seus fondos, que se realiza na sala de lectura de libros e revistas, é de acceso libre.
Unha vez instalada de novo na sede académica da rúa Tabernas despois da súa reforma, os dous obxectivos prioritarios que guiarán as futuras actuacións da Hemeroteca serán continuar garantindo a correcta conservación de todos os materiais que nela se custodian e a planificación de futuras dixitalizacións co propósito de facilitar a consulta dos seus fondos máis relevantes.
Antiga sala de lectura de libros e revistas (1972). Real Academia Galega. Arquivo


