Hemeroteca

A Fuliada
Unha revista publicada entre Betanzos e A Coruña

A pegada que O Tio Marcos d'A Portela deixou na historia da prensa en galego pode enxergarse claramente no agromar de periódicos monolingües en distintos do lugares do país logo da aparición da revista fundada por Valentín Lamas Carvajal. Un deses periódicos foi A Fuliada, orixinado en Betanzos e que continuou publicándose na Coruña ata a súa desaparición. A Real Academia Galega conserva unha colección case completa da etapa coruñesa desta revista.

Cabeceira do segundo número de A Fuliada publicado na Coruña. Fonte: RAG

Coa publicación de A Fuliada na Coruña a comezos do ano 1888 a prensa en galego facía a súa aparición na mesma cidade que case trinta anos antes acollera o nacemento de O Vello do Pico-Sagro. Pero a historia de A Fuliada empezara algún tempo atrás en Betanzos. Alí publicárase, dende outubro de 1886 ata febreiro de 1887, outra publicación monolingüe, O Antroido, de carácter satírico e popular, dirixida polo tipógrafo Ángel Vázquez Taboada. En marzo dese ano, e a xeito de continuación de O Antroido, apareceu en Betanzos A Fuliada, que probablemente tamén estivo dirixida por Vázquez Taboada e que durou ata o mes de xullo. A aparición na Coruña algúns meses despois dunha nova revista con idéntico título pode explicarse seguramente polo feito de tanto Ángel Vázquez Taboada como A. Amenedo Ponte, o editor da revista betanceira, se instalaren na cidade herculina por motivos laborais.

A celebración do Antroido coruñés nas páxinas de A Fuliada. Fonte: RAG

A pesar desta historia anterior, A Fuliada da Coruña non naceu explicitamente como unha continuación da de Betanzos, pois dende o principio apareceu cunha numeración independente e anunciando na cabeceira que 1888 era o seu Ano I. O seu título completo foi: A Fuliada ou zanfona semanal d'alegrias ou de bágoas segun qu'o pobo gallego s'adivirte, canta ou laya, e saía os xoves de cada semana. Non coñecemos con certeza a data de aparición da revista por non se conservar o número inicial. Sabemos que o segundo número é do xoves 9 de febreiro, e tendo en conta a súa periodicidade semanal talvez o número inaugural saiu o xoves 2 de febreiro. Outra cuestión confusa é a da data de desaparición. Aparentemente deixou de existir no mes de xullo de 1888, pois o último exemplar coñecido é do día 26 dese mes. En total publicáronse semanalmente uns vinte e cinco números entre febreiro e xullo de 1888, contando cada un deles con oito páxinas.

Tamén existe incerteza respecto dos responsables da revista. O historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández é da opinión de que o seu director foi Carlos Pol Caamaño, unha figura ben coñecida nos círculos republicanos coruñeses. Pero entre os colaboradores encontramos tamén a Ángel Vázquez Taboada, quen fora o responsable de A Fuliada betanceira. De calquera xeito, o certo é que a sinatura destes dous autores foi a que estivo máis presente nas páxinas do periódico e sen dúbida foron eles os que se fixeron cargo da súa publicación. Ademais de Pol Caamaño e de Vázquez Taboada, A Fuliada contou igualmente con colaboracións literarias de escritores ben coñecidos, como Manuel Curros Enríquez, Francisco M.ª de la Iglesia, Eladio Rodríguez, Benito Losada, Fernando García Acuña ou Roque Pesqueira Crespo.

Publicidade da revista. Fonte: RAG

A Fuliada adoptou en boa parte unha orientación literaria, publicándose nela unha cantidade considerable de poesías, de contos curtos e incluso de cántigas populares. Porén, tamén centrou a súa atención na crónica de actualidade e no comentario político. Así, na sección "Fungueirazos", dábase conta da vida coruñesa, nomeadamente de actos culturais, de sucesos e da política municipal. Por outra parte a sección "Lerias" consistía no habitual diálogo entre varios personaxes acerca de cuestións políticas e de asuntos actuais. Durante a súa curta vida A Fuliada tivo tempo para atacar as desigualdades sociais, denunciar a mala situación dos labregos, deplorar o fanatismo relixioso e criticar os galegos desleigados que desprezaban o idioma propio do país. Mais ao mesmo tempo fuxiu de ideoloxías revolucionarias como o anarquismo, proclamando en troques que as clases traballadores tiñan que mellorar a súa situación de xeito gradual mediante a instrución. Xa que logo, A Fuliada foi unha publicación que expresou a súa crítica co sistema político da época, mais que non atacou directamente os poderes establecidos.

Os exemplares desta revista que se conservan na Real Academia Galega pódense consultar na nosa Hemeroteca Virtual, nesta ligazón.