Do ano 1860 data a primeira publicación periódica en galego que posúe a Biblioteca: O Vello do Pico-Sagro, editada na Coruña polos irmáns Francisco e Antonio M.ª de la Iglesia. Mais en realidade O Vello do Pico-Sagro non é propiamente unha revista, senón un longo poema publicado en cinco entregas numeradas durante os meses de marzo e abril dese ano. Por iso a primeira revista da nosa colección que está feita en galego é O Tío Marcos d'A Portela, que Valentín Lamas Carvajal fundou en Ourense no ano 1876 e que, pasando por tres etapas diferentes e con varias interrupcións, durou ata 1919. Foi esta unha publicación moi relevante na historia da prensa en galego, pola súa popularidade e tamén porque estableceu un modelo xornalístico –combinando novas de actualidade, comentarios políticos e textos literarios– seguido por outras revistas que xurdiron posteriormente alentadas pola sona dos parrafeos do Tío Marcos.
Algúns dos títulos que apareceron despois da revista fundada por Lamas Carvajal áchanse igualmente na colección da RAG: O Galiciano (Pontevedra, 1884-1889), Galicia (Ferrol, 1885), A Fuliada (A Coruña, 1888), A Monteira (Lugo, 1889-1890), O Labrego (Lugo, 1891), As Burgas (Ourense, 1894-1895), A Voz do País (Monforte de Lemos, 1912), O Tío Pepe (A Fonsagrada, 1913). Ningunha destas revistas, porén, acadou a popularidade da que gozou O Tío Marcos d'A Portela nos seus anos iniciais. Dalgunhas delas –por exemplo, Galicia e O Labrego– soamente se coñece un único número. Outras só chegaron a publicar unhas poucas ducias de exemplares durante un ou dous anos. Unicamente O Galiciano de Pontevedra durou o suficiente como para dar ao prelo máis de douscentos números. Tamén debemos facer mención aquí do Almanaque Gallego de Farruco Laxe e Guillermo Díaz, publicado na Coruña en 1894, por ser o único exemplo coñecido de almanaque literario de periodicidade anual que está redactado totalmente en galego.
Cómpre dicir que este agromar da prensa en galego nas dúas décadas finais do século XIX e nos primeiros anos do XX foi debido á influencia de importantes acontecementos sociopolíticos e culturais que tiveron lugar en Galicia, como a aparición do rexionalismo, a organización do movemento agrarista e anticaciquil, e o Rexurdimento da literatura galega.
Revistas do período 1916-1936
Unha publicación sobranceira que garda a biblioteca da RAG é o periódico coruñés A Nosa Terra, o cal apareceu en 1916 como creación das Irmandades da Fala e que a partir de 1931 se converteu no voceiro do Partido Galeguista. A pesar das dificultades polas que atravesou, esta foi a publicación máis continua e duradeira de toda a prensa histórica escrita en galego, pois só desapareceu cando o golpe de estado de 1936 puxo fin á súa existencia. A súa relevancia histórica foi tamén froito da calidade de moitos dos textos que apareceron nas súas páxinas.
No decurso dos seus vinte anos de vida, A Nosa Terra coincidiu con outras revistas que igualmente se expresaron en lingua galega, algunhas creadas por organizacións galeguistas ou por persoas relacionadas con elas. Deste grupo só citamos aquelas das que a RAG conserva exemplares orixinais: Nós. Páxinas Gallegas do diario da Cruña El Noroeste (A Coruña, 1918-1919), Nós (Ourense, 1920-1936), As Roladas (Madrid, 1922), Rexurdimento (Betanzos, 1922-1923), O Gaiteiro de Lugo (calendario anual iniciado en Lugo no ano 1927), Logos (Pontevedra, 1931-1936), Alento (Santiago de Compostela, 1934-1935) e o voceiro das Mocidades Galeguistas Guieiro (Ourense, 1935-1936). Feito salientable deste período foi a especialización dalgúns dos títulos mencionados: en temas culturais (Nós), relixiosos (Logos), políticos (Alento) ou relacionados coa infancia (As Roladas). Infelizmente a ditadura militar acabou con todas as revistas en galego a partir de 1936 e impuxo unha longa noite de pedra que para a prensa na nosa lingua se estendeu alén de 1975.
A prensa en galego de América
Coa emigración de milleiros de persoas a América o idioma de Galicia cruzou o océano Atlántico e por iso a prensa en galego que alí se publicou ata 1936 tamén ten un lugar na RAG, grazas a un conxunto de títulos que viron a luz naquelas cidades do continente americano que contaron cunha importante presenza galega: Lar Galicián (Corrientes, 1926-1927), A Fouce (Buenos Aires, 1926 e 1930-1936), Opinión Galeguista (Buenos Aires, 1934-1935), O Irmandino (Montevideo, 1934-1936) e Alalá (Buenos Aires, 1935). E por suposto, foi en América onde se mantivo viva a voz da prensa en galego a partir de 1936 –por medio de revistas como A Nosa Terra ou Vieiros, as dúas presentes na biblioteca da Academia– cando aquela voz xa estaba silenciada en Galicia pola ditadura franquista.
Todos os exemplares orixinais das revistas mencionadas aquí suman varios milleiros de páxinas escritas na nosa lingua. A RAG é consciente do valor deste patrimonio conservado na súa biblioteca e ten como prioridade preservalo, dalo a coñecer e facelo accesible. Por iso moitos dos títulos citados máis arriba xa foron dixitalizados e están a disposición do público para ser consultados a través do micrositio de Galiciana-Biblioteca Dixital que reúne revistas e monografías procedentes da RAG. O obxectivo de cara o futuro é a dixitalización daqueles títulos que aínda non están dispoñibles, para desta maneira podermos coñecer e valorar os primeiros esforzos realizados para lograr a incorporación do idioma galego ao ámbito da prensa.