Hemeroteca

O Vello do Pico-Sagro
Proezas bélicas e lendas populares nun poema en galego sobre a guerra de África

Na Hemeroteca da Real Academia Galega consérvase a colección completa desta publicación, que ten un grande interese por estar escrita integramente en galego e porque nela se deita unha ollada sobre certos acontecementos bélicos da época -as operacións do exército español no norte de África- que está inspirada no imaxinario popular galego acerca dos míticos mouros habitantes do Pico Sacro.

Cabeceira do primeiro número de O Vello do Pico-Sagro. Fonte: RAG.

Editados na Coruña, na "Emprenta do Hespicio Previncial", os cinco números dos que consta esta publicación apareceron de xeito irregular durante os meses de marzo e abril de 1860. O seu especial carácter non se limita só ao feito de estaren escritos en galego, senón tamén aos contidos e ao estilo, os cales están máis preto da literatura popular e dos romances ca do xornalismo. En realidade O Vello do Pico-Sagro é un texto literario, pois consiste nun longo romance que ocupa a totalidade dos cinco números e que está escrito en versos octosílabos agrupados de catro en catro á maneira das coplas populares. Porén, a temática do romance é un asunto da máxima actualidade naqueles días: a campaña militar das tropas españolas en Marrocos levada a cabo durante os primeiros meses de 1860. A expresión é dun patriotismo exaltado, salientándose a necesidade de facer a guerra á "mouraría" e realizando unha gabanza das vitorias logradas polo exército español. Mais a narración está feita dende unha perspectiva galega, xa que é o personaxe de Don Bastián -alcumado o Vello do Pico Sagro- o encargado de relatar os acontecementos militares aos asistentes á romaxe de San Bastián celebrada nese mesmo picouto das terras da Ulla; e tamén porque no texto se fan repetidas alusións ás reaccións da poboación galega ao longo do decorrer da guerra.

Todos os números están asinados por un único autor: "Mingos Gallego", un pseudónimo empregado por Francisco M.ª de la Iglesia ou talvez polo seu irmán Antonio M.ª Quenquera que fose o verdadeiro autor de O Vello do Pico-Sagro, o certo é que os dous irmáns son ben coñecidos pola súa actividade como xornalistas, literatos e promotores da lingua e da literatura galegas. Francisco escribiu A fonte do xuramento, primeira mostra de teatro do Rexurdimento. E Antonio foi o autor dos tres volumes de El idioma gallego, a primeira tentativa de contar a historia da nosa lingua e da nosa literatura. Os dous tamén foron responsables da publicación de Galicia. Revista universal de este reino (1860-1865), importante revista cultural e símbolo do principiar do Rexurdimento.

Por outra banda, a elección do Pico Sacro como o escenario no cal se desenvolvían os feitos relatados no poema non era casual. O monte era lugar importante na memoria histórica do país ao estar vencellado co culto xacobeo, xa que dende a Idade Media se quixo identificar o Pico Sacro co Monte Ilicino mencionado na lenda que narraba o traslado do corpo do apóstolo Santiago. Lembremos que o Monte Ilicino era o escenario onde os discípulos do apóstolo aniquilaran un dragón e expulsaran os demos que representaban o paganismo, despois do cal consagraron o lugar ao culto cristián. Por ese motivo -explicaba a lenda- o monte pasara a se denominar Pico Sacro. Mais o lugar tiña tamén unha relevancia especial na imaxinación popular, pois existían abondosas tradicións que falaban acerca da aparición de mouros e de encantos relacionadas coa presenza duns misteriosos pozos subterráneos que se internaban no interior do monte. Todo este contexto lendario sen dúdida influíu á hora de localizar nese lugar a historia protagonizada por Don Bastián, o Vello do Pico Sagro, e ademais contribuíu a que se identificasen os habitantes reais do norte de África cos mouros das nosas lendas populares, unha identificación que estaba na cerna da argumento do poema.

Debuxo dun dos pozos do Pico Sacro aparecido nas páxinas do Semanario Instructivo, revista compostelá que se publicou no ano 1838. Fonte: RAG.

A colección completa de O Vello do Pico-Sagro pódese consultar na Hemeroteca Virtual da Real Academia Galega, nesta ligazón.