Hemeroteca

Cinco datos sobre 'Nós', a revista que modernizou a cultura galega

Para celebrarmos o centenario do nacemento de Nós, o responsable da hemeroteca da Real Academia Galega, Fernando Pereira, preséntanos algunhas informacións sobre ela que quizais sexan pouco coñecidas. A revista foi unha das empresas editoriais máis importantes da Galicia contemporánea debido á súa calidade e ao impulso modernizador que lles transmitiu á nosa lingua e á nosa cultura. A biblioteca da Real Academia Galega ten a sorte de posuír unha colección orixinal case completa da publicación, que comezou a súa andaina no mes de outubro do ano 1920 e que se publicou ininterrompidamente (agás no ano 1924) ata o mes de xullo de 1936.

Cuberta da revista 'Nós'

1. A orixe
A pesar de que Vicente Risco foi o director de Nós durante todos os anos que durou a revista, a idea orixinal de publicala partiu de Antón Losada Diéguez, un persoeiro fundamental na configuración do galeguismo na década de 1920. Ora ben, a idea inicial de Losada Diéguez era a de crear unha publicación orientada principalmente a tratar cuestións sociais e económicas. Sen dúbida as preferencias do seu director pola literatura, a arte e a historia, foi o que lle deu a Nós o carácter que finalmente adoptou. O propio Risco confesáballo por carta a Losada Diéguez uns poucos días antes de que saíse do prelo o primeiro número da revista : "Xa che dixen que nas miñas maus corria perigo de ser unha cousa moi literaria, qu'eu non sei de datos estadístecos nin comerciás, nin nada d'iso... e a revista non leva nada d'eso...".

2. Circulación
Nós chegou a realizar unha tiraxe de 500 exemplares, unha cantidade importante se temos en conta a orientación cultural da revista. A distribución facíase por correo ou ben mediante axentes que actuaban en distintas cidades e vilas do país. Ademais tamén se enviaban exemplares a subscritores de España, Portugal, Cuba e Arxentina. O mantemento da revista dependía das subscricións e da publicidade. Porén, a correspondencia de Vicente Risco mostra que os problemas económicos eran frecuentes. Eses problemas explican que dende xullo de 1925 a revista deixase de se editar en Ourense para ser publicada na Coruña pola Editorial Lar dirixida por Leandro Carré e Ánxel Casal, e que máis tarde se publicase en Santiago de Compostela pola Editorial Nós de Ánxel Casal, xa a partir do mes de abril de 1931.

3. Imaxe
Se hai unha imaxe de Nós que permanece na nosa memoria esta é, sen dúbida, a fermosa ilustración da súa cuberta, obra de Castelao. Este, como director artístico da revista, foi tamén o autor de moitos outros debuxos que adornan a súas páxinas. Mais cómpre saber que a famosa ilustración inicial non estivo presente dende o comezo da publicación. De feito só apareceu por primeira vez no número 10, publicado en abril de 1922. Posteriormente, a partir do número 32 do mes de agosto de 1926, a ilustración foi modificada cando Castelao substituíu un dos seus motivos centrais, a árbore, por un dolmen ou anta megalítica alumada polas raiolas do sol. Outro dato interesante referente a esa ilustración é que existen exemplares da revista nas que o debuxo está feito con tintas de cores, a diferenza da versión máis célebre en branco e negro.

4. Suplementos
Un dato non moi coñecido acerca da revista Nós é que entre os anos 1928 e 1933 publicou, cunha periodicidade irregular, numerosos suplementos que se distribuían de balde. Destes suplementos coñecemos hoxe un total de corenta e oito, aínda que talvez houbo máis. Trátase de cadernos de pequeno formato (16 cm.) e de pouca extensión, entre as oito e as vinte e catro páxinas. Os textos publicados nestes suplementos foron sobre todo poesías, tanto de escritores consagrados como de novos poetas, mais tamén se incluíron escolmas de literatura popular, conferencias e pequenos ensaios. Dende Rosalía de Castro ata Eduardo Blanco Amor, algúns dos nomes máis sobranceiros da nosa literatura estiveron presentes nas páxinas destes pequenos suplementos, por medio dos cales se quería dar a coñecer o mellor da cultura galega.

5. Homenaxe
Nós saíu do prelo por última vez no ano 1936, co número 139-144 que correspondía aos meses de xullo a decembro de 1935. O golpe de estado militar producido en xullo de 1936 e a posterior ditadura imposibilitaron que a revista tivese continuidade. De feito, este último número xa non puido ser distribuído por mor das adversas circunstancias. Porén, en 1970, coincidindo co cincuenta aniversario do comezo da revista, a Real Academia Galega quixo realizar unha homenaxe a Nós publicando un novo número, o 145, que recollía as lembranzas dalgúns dos protagonistas daquela empresa editorial, así como as opinións de varios intelectuais e escritores galegos acerca da súa importancia. Ademais o número publicado pola Real Academia Galega incluía un útil índice de todos os artigos e autores da revista realizado por Xosé Ramón Fernández-Oxea, un antigo colaborador de Nós e membro do Seminario de Estudos Galegos. Desta maneira a Real Academia Galega recoñecía o lugar relevante que Nós ocupou dentro da cultura galega e homenaxeaba aquelas persoas que co seu esforzo e o seu compromiso fixeron realidade a publicación da revista ao longo de quince anos.