Daniel Rodríguez Castelao

Ano 1964

Daniel Rodríguez Castelao

1/5

Biografía

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao é todo un símbolo do nacionalismo galego, un loitador no exilio, que reflectiu na súa obra literaria e pictórica o fondo compromiso que o unía á súa terra, Galicia.

Naceu en Rianxo o 30 de xaneiro de 1886. Aos once anos emigrou coa súa nai a Arxentina para reencontrarse co pai, que xa marchara primeiro. Á súa volta retomou o bacharelato e cursou estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. En 1910 comezou a traballar como médico na súa vila, mergullándose na política local. Non obstante, a profesión non lograba satisfacelo e, en 1914, unha crise de cegueira acabaría precipitando o seu afastamento dela. En 1916 obtivo unha praza de funcionario no Instituto Xeográfico e Estatístico de Pontevedra. Comezaba, entón, unha etapa en que Castelao chegaría a converterse no principal referente da arte galega.

O seu labor céntrase na creación plástica, que manifesta a través de cadros e caricaturas -Nós-, mais tamén é tempo de reflexión sobre as relacións entre a arte e a nación, que exporá na conferencia Arte e galeguismo (1919), e que callarán definitivamente tras a viaxe que realiza en 1921 por Europa -Diarios de Arte-. A partir deste momento, a plástica facilitará a súa entrada na literatura con obras como Cousas da vida, Cousas, Os dous de sempre ou Retrincos.

O Castelao político xa participara nas Irmandades da Fala desde o nacemento destas en 1916, promovendo a constitución dunha delegación local en Pontevedra, actuando como delegado nas Asambleas Nacionalistas e colaborando n'A Nosa Terra, voceiro das Irmandades. Coa chegada da República e a fundación do Partido Galeguista, foi elixido deputado por Pontevedra nas Cortes Constituíntes e defendeu en Madrid iniciativas do programa galeguista. A finais dese ano contribuíu con numerosos mitins á unificación e consolidación do noso nacionalismo. Mais os movementos revolucionarios de Asturias e Cataluña en outubro de 1934 provocaron a reacción do goberno conservador descabezando o Partido Galeguista, suspendendo a publicación A Nosa Terra e desterrando a Castelao a Badaxoz. Ao ano seguinte retornou a Pontevedra e, co Partido Galeguista integrado na Fronte Popular, conseguiu, nas eleccións xerais de 1936, o escano co maior número de votos de toda Galicia.

Nos anos da guerra comprometeuse enteiramente coa defensa da legalidade republicana. É a época dunha maior radicalización do antifascismo e do sentimento patriótico en Castelao, que plasma nos álbums de guerra -Galiza mártir, Atila en Galiza, Milicianos-, de gran difusión internacional. Bandeira de todo galeguismo, desenvolveu unha actividade continua no exilio, reorganizando as comunidades galegas coa esperanza de que caese o réxime franquista. Polo que respecta á súa produción, abandonados o debuxo e a pintura por mor da súa cegueira, concéntrase na publicación da súa principal obra política Sempre en Galiza.

Nos primeiros meses de 1949 un cancro de pulmón afástao da actividade pública. En 1950, ano en que se disolve o Partido Galeguista, falece en Buenos Aires o día 7 de xaneiro.

Xosé Neira Vilas sobre Castelao.

Obra

Ensaio

- As cruces de pedra na Bretaña. Santiago de Compostela: Seminario de Estudos Galegos, 1930.
- Sempre en Galiza. Buenos Aires: As Burgas, 1944.
- As cruces de pedra na Galiza. Buenos Aires: Nós, 1949.
- Alba de groria. Buenos Aires: Galicia, 1951.
- Humorismo, dibuxo humorístico, caricatura: conferencia. A Coruña: Real Academia Galega, 1961.
- As cruces de pedra na Galiza. Discurso lido o día 25 de xullo de 1934 no acto da súa recepción pública polo señor Alfonso R. Castelao e resposta de Antonio Villar Ponte. A Coruña: Real Academia Galega, 1964.

Literatura

Debuxos

- Cincoenta homes por dez reás. A Coruña: Nós, 1930.
- Álbum Nós. Madrid: Hauset y Menet, 1931.
- Atila en Galicia: Estampas. Valencia: Comité Nacional de la C.N.T, 1937.
- Galicia mártir. Valencia: Ediciones Españolas, 1937.
- Cousas da vida. Vigo: Galaxia, 1961.
- Milicianos. Madrid: Akal, 1976.
- Debuxos de negros. Conservado no Museo de Pontevedra.
- Cegos: os meus compañeiros. Conservado no Museo de Pontevedra.

Narrativa

- Cousas. A Coruña: Lar, 1926.
- Cousas. Segundo libro. A Coruña: Nós, 1929.
- Os dous de sempre. Santiago de Compostela: Nós, 1934.
- Retrincos. Santiago de Compostela: Nós, 1934.

Teatro

- Un ollo de vidro: memorias d'un esquelete. Ferrol: Céltiga, 1922.