Rosalía de Castro

Ano 1963

Rosalía de Castro

1/7

Biografía

Rosalía de Castro comparte a responsabilidade do Rexurdimento con Eduardo Pondal e Curros Enríquez, mais, sobre todo, é unha figura fundacional na nosa literatura: o Día das Letras Galegas celébrase o 17 de maio nunha homenaxe á data de publicación do seu primeiro libro en galego Cantares Gallegos.

Naceu o 23 de febreiro de 1837 no antigo concello de Conxo, hoxe Santiago de Compostela. Súa nai, María Teresa de la Cruz de Castro y Abadía, proviña dunha familia fidalga vida a menos. A súa paternidade atribúese a José Martínez Viojo, crego de profesión; e o seu coidado, durante a nenez, ás tías paternas. Con todo, non existen probas que avalen estas afirmacións, aínda que si sabemos da infancia leda de Rosalía nas vilas de Ortoño e Padrón, pois así o lembra a autora nun dos seus poemas de Cantares Gallegos. Posteriormente, arredor do ano 1850, nai e filla trasládanse a Santiago de Compostela. Na cidade comeza a recibir formación musical e literaria na Sociedad Económica de Amigos del País e participa nas actividades do Liceo de la Juventud, lugar de encontro dos intelectuais comprometidos co movemento provincialista.

En 1856 Rosalía marcha a Madrid, onde vive cunha curmá. As súas primeiras obras comezan entón a ver a luz: o libro de poemas La Flor, en 1857, e a novela La hija del mar, en 1859. En 1858 casa co excelso investigador Manuel Murguía. Ao ano seguinte ambos regresan a Galicia no que será o inicio dunha vida itinerante, debido aos cargos de funcionario de Murguía, que levarán á parella e aos seus once fillos a vivir en diversos lugares.

A década de 1860 foi un período de efervescencia intelectual e política na que Rosalía e Murguía participaron seguindo a corrente federalista e republicana. Neste contexto, no ano 1863, a autora publica Cantares Gallegos, marcando o inicio do Primeiro Rexurdimento. Rosalía era xa unha escritora profesional que colaboraba en diversas publicacións, ao tempo que atendía as obrigas familiares entre Castela e Galicia, onde se instalará definitivamente na década dos 70. O seu derradeiro libro de poemas en galego, Follas Novas, foi publicado en 1880.

En castelán publicou La flor (1857), A mi madre (1863), En las orillas del Sar (1884) e a novela El caballero de las botas azules (1867), todas elas encadradas no movemento romántico.

A existencia de Rosalía estivo sempre marcada polos problemas económicos, derivados da inestabilidade laboral de Murguía, e pola súa feble saúde. Un cancro remataría coa vida da autora o 15 de xullo de 1885, dez anos despois de instalarse en Padrón. Os seus restos repousan actualmente no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval.

Luz Pozo sobre Rosalia.

Obra

En galego

Poesía

- Cantares Gallegos. Vigo: Imp. Juan Compañel, 1863.
- Follas novas: Versos en gallego. Madrid-A Habana: La Ilustración Gallega y Asturiana, 1880. Prólogo por Emilio Castelar.

Narrativa

- Atribúeselle a narración curta de inspiración folclórica "Contos da miña terra", publicada en El Avisador, coas iniciais R. C., en 1864.

En castelán

Poesía

- La Flor. Madrid: Imp. M. González, 1857.
- A mi madre. Vigo: Imprenta de Juan Compañel, 1863.
- En las orillas del Sar. Madrid: Tipografía de Ricardo Fe, 1884.

Narrativa

- La hija del mar. Vigo: Imp. de J. Compañel, 1859.
- Flavio. Madrid: Imp. de R. Berenguillo, 1861.
- Ruínas. Novela publicada por entregas en 1866.
- El caballero de las botas azules. Lugo: Imp. de Soto Freire, 1867.
- El primer loco. Cuento extraño. Madrid: Imp. de Moya y Plaza, 1881.

Obras completas

- ALONSO MONTERO, X.
Obras Completas. A Coruña: Hércules de Ediciones, 1983. 3 v.
Obras completas. Madrid: Turner, 1993. 2 v.
- CASTELAR Y RIPOLL, E. (pr.)
Obras Completas. Madrid: Librería de los Sucesores de Hernando, 1909.
- GARCÍA MARTÍ, V. (ed.)
Obras Completas. Madrid: Aguilar.
- LÓPEZ, A. e POCIÑA, A.
Poesía galega completa. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco, 2004.