Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Salvador García-Bodaño Zunzunegui
Vigo, Pontevedra, 17/07/1935


25/11/1992


Antonio Fraguas Fraguas, Constantino García González e Andrés Torres Queiruga


Compostela e as nosas letras ata o Manifesto Máis Alá




Carlos Casares Mouriño


Salvador García-Bodaño Zunzunegui (25/11/1992 - )
Ramón Piñeiro López (25/11/1967 - 27/08/1990)
Manuel Banet Fontenla (04/09/1905 - 30/09/1962)


Vicesecretario (17/12/2005 - 18/12/2009)
Vicesecretario (20/12/2001 - 16/11/2005)


Andrés Torres Queiruga (20/04/2013 - Actualidade)
Francisco Fernández Rei (23/01/2010 - 20/04/2013)
Salvador García-Bodaño Zunzunegui (17/12/2005 - 18/12/2009)
Salvador García-Bodaño Zunzunegui (20/12/2001 - 16/11/2005)
Luz Pozo Garza (29/11/1997 - 19/11/2001)

Salvador García-Bodaño Zunzunegui naceu en Vigo no ano 1935. Ingresou como Académico de número da Real Academia Galega o día 25 de novembro de 1992.

Literariamente, é recoñecido como unha das figuras máis singulares e anovadoras pertencentes ao nexo iniciador da histórica Xeración das Festas Minervais. De produción moi reflexiva e espazada nas publicacións, entre libro e libro colabora con poemas en revistas e volumes de homenaxes, atende colaboracións literarias e sostén unha intensa produción xornalística. Procurador dos Tribunais, habíase dedicar a diversas actividades mercantís. En Compostela, dende a posguerra, veu desenvolvendo unha fecunda actividade cultural, política e literaria.

No ano 1959, foi galardoado cos primeiros premios en Lingua Galega e Castelá no certame universitario estatal celebrado polas restauradas Festas Minervais, xustas poéticas nas que recibiría outros premios. Participou nas últimas tertulias literarias do desaparecido Café Español e estableceu amizade cos mozos e mozas que daquela se interesaban por afondar no coñecemento e defensa dos valores culturais e históricos de Galicia. En 1960 toma parte no acto de homenaxe e memoria no primeiro cabodano celebrado no Paraninfo en memoria de Ramón Cabanillas, organizado en xaneiro de 1960 pola Cátedra de Literatura da Universidade compostelá, cunha lectura de poemas xunto a Aquilino Iglesia Alvariño e Uxío Novoneyra.  Neste tempo, a comezos de 1961, propugnou e foi cofundador do Grupo O Galo, que, de par de tentar indagar nas vangardas do contexto cultural universal, illado pola censura do réxime, se converteu na Asociación Cultural O Galo, pioneira de todas cantas en Galicia se dedicarían, despois, a espallar a lingua e a cultura nacionais por Galicia, mesmo así como a nosa memoria histórica. Formou parte, así mesmo, do Consello da Mocidade.

Entre outros actos, xa históricos, nos que ten intervido baixo a ditadura, poden citarse: 1963, a intervención na celebración do primeiro Día das Letras Galegas, no Salón Artesoado de Fonseca, nun recital con Xohana Torres, Arcadio López-Casanova e Carlos Casares. Nese mesmo ano formou parte do núcleo promotor do Partido Socialista Galego (PSG), do que foi Secretario de Información e Propaganda (Elec.1977), ata que tres anos máis tarde decide apartarse de toda actividade política partidista, manténdose sempre fiel ás teses dun insubornábel nacionalismo galeguista, progresista e democrático, de base europeísta, solidariamente aberto ás outras nacións e culturas do mundo. En 1964 (29-II) intervén, con Arcadio López Casanova, na Homenaxe a Antonio Machado, organizado pola Facultade de Filosofía da USC. Nese mesmo ano, o 14 de maio, é convidado a dar un recital poético con Celso Emilio Ferreiro e Arcadio López Casanova no Ciclo de Cultura Galega, que tivo lugar na Casa da Cultura de Pontevedra co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas, acto no que lle son censurados varios poemas, entre eles a primeira elexía escrita en Galicia dedicada a Alexandre Bóveda. Recibe o Primeiro Premio nos Xogos Florais 'Rosalía Castro' do Concello de Betanzos en 1971, onde xa fora premiado con anterioridade. En 1974, é sancionado conforme a Ley de Orden Público, por un recital no Círculo Recreativo e Cultural de Perlío-Fene (Ferrol), no que se incluían uns poemas ao 25 de Abril e a Pablo Neruda.

Colaborou co grupo de intelectuais e políticos que levou adiante a experiencia da edición da revista Teima (1976-77) e intervén na fundación da editorial Escola Aberta. En 1980, foi cofundador e elixido membro directivo da primeira Asociación de Escritores en Lingua Galega, e presidente do desaparecido Ateneo de Santiago de Compostela. O 2 de decembro de 1983, pasou a integrarse como membro numerario do novo Seminario de Estudios Galegos presidido por Ramón Martínez López, na Área de Arte/Comunicación, cun traballo de ingreso acerca do pintor Xaime Quessada. Ten participado na creación de outras importantes empresas culturais, sendo patrón-fundador do Museo do Pobo Galego, cofundador e membro da actual Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), cofundador do PEN Clube de Galicia, da Asociación de Tradutores en Lingua Galega (ATLG), do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, do Instituto Galego da Información, da Fundación Castelao, da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (IGI), e membro da Fundación Patronato do Pedrón de Ouro. É Colexial de Honor do Instituto Sánchez Cantón de Pontevedra. Toda unha vida de entrega e colaboración á difusión da Cultura galega no seo da sociedade, á creación literaria e á investigación de novas liñas estéticas, que mereceu recoñecementos como o Premio Xunta de Galicia á Creación Cultural, en 1988.

A súa fonda vocación literaria acada expresión nos eidos da lírica, a narrativa e o xornalismo. Na etapa universitaria inicia os seus primeiros traballos de creación poética dándose a coñecer con poemas nos que o pouso da filosofía existencial, o sentimento elexíaco e, marcadamente, a incorporación innovadora do tratamento moderno da poesía amorosa na lírica galega, irán conformando o resultado dunha esixente selección que se edita, tempo despois, co título de Ao pé de cada hora (Col. Salnés. Galaxia. Vigo, 1967). En l978, obtén o Premio de la Crítica española, para poesía en lingua galega, por Tempo de Compostela, que aparece en varias edicións: unha limitada, con gravados de Alfonso Costa (Creaciones Gráficas Fernando. Barcelona, 1978), outra que se preparou só co texto desta edición, e, outra máis, de moi coidada publicación e presentación tipográfica (Edicións do Cerne. Compostela, 1979).

En 1985 sae á luz unha colección de breves poemas en prosa que acompañan obra gráfica de Felipe Criado no libro 37 debuxos para un país (Ediciós do Castro. Sada. A Coruña, 1985). Con posterioridade, preparou para o Concello de Santiago os 'poemas diacrónicos' titulados Compostela, publicados en edición limitada, con novos gravados de Alfonso Costa (Talleres Gráficos Iberia. Barcelona, 1989), e tamén nunha edición popular de gran difusión na Biblioteca 114 (Editorial Compostela. Compostela, 1991) distribuída co xornal El Correo Gallego.

Dous anos máis tarde, a súa produción lírica é recollida e editada no volume Obra poética (Espiral Maior. A Coruña, 1993) que inclúe ademais dous poemarios: un segundo cancioneiro de amor, inédito, baixo o título 'Poemas de amor a Xulia', e composto por poemas soltos recuperados co denominador común de As palabras e os días. Nestes anos, García-Bodaño, sen que signifique o abandono da creación poética intimista que lle é máis esencial, andou a experimentar nunha liña distinta de carácter urbano e irónico que deu a coñecer por vez primeira 'na plaquette' Pegadas no alcatrán (Col. Café Central, 52. Barcelona, 1994; Boletín Galego de Literatura, núm.14. Universidade de Santiago de Compostela, 1995) e que preludiaba a altura e modernidade poética alcanzados co seu anovador último libro titulado Cidade virtual (Biblos, 2003). Dende unha visión panorámica da produción lírica de García-Bodaño, obsérvase  un inicial proceso estético de transgresión da disciplina formalista ao uso polos seguidores do garcilasismo e do clasicismo oficialista, e rompe con medidas, rimas e acentos, para buscar unha expresión e un ritmo propios, dende onde partirá nunha sucesiva produción poética, pasados os anos, cara á experiencia dun gradual achegamento -xa de volta novidoso- ás formas pechadas máis estritas como o soneto, ademais de ensaiar formas estróficas persoais e diferentes combinacións metrosilábicas, sempre na acentuada preocupación rítmica que caracteriza o seu profundo discurso lírico.

Ademais da importancia singular da obra poética de García-Bodaño, débese subliñar que non dubidou en deixarse atraer polas posibilidades expresivas da narrativa e, neste eido, iníciase con relatos curtos como os contos 'Pedra' que reconverte, nunha segunda versión, en conto xuvenil e edita cos doutros autores nun volume da colección Os contos da Campaña, da Consellería de Cultura e Xuventude en 1991; 'Conto de Reis' (Tórculo. Compostela. 1991); 'O mosteiro' (antes titulado 'O calidoscopio', en Contos do Castromil, núm.16. Ir Indo Edicións. Vigo, 1992); 'Ruth' na colección Voces de Compostela, núm.2. (Consorcio de Santiago de Compostela. 1993). No ano 1992, publica os relatos do libro Os misterios de Monsieur D'Allier (Galaxia. Vigo, 1992), que obtén o Premio de la Crítica española, para narración en lingua galega, en 1993.

No que respecta á crítica literaria, crítica de arte, biografías e estudos, son de subliñar os traballos publicados: 'Noticia de Avilés de Taramancos' (In Grial, núm. 31. 1963), 'Maside e aquela xuventude' (En Maside. VV.AA. COAG. 1979), 'Movemento intelectual e industrial da cultura' (Estudio en colaboración con C. García Martínez. En Galicia: Realidade económica e conflicto social. VV.AA. Banco de Bilbao. 1979. Edic. secuestrada), 'Os días non pintados de Xaime Quessada' (En Acisclo-Quessada. Parlamento de Galicia.1993), 'Luís Seoane: a cor da palabra' (En Encrucillada núm. 87. 1994), Rafael Dieste. Vida e obra en lingua galega(Edicións da Real Academia Galega, 1995), 'A Compostela universitaria nas páxinas de La Casa de la Troya' (En Gallaecia Fulget. USC. 1995), 'Arredor da vida e da obra de Xaime Quessada' (En Quessada-Acisclo. Búsquedas y encuentros. Catálogo exposición no Palacio Galveias de Lisboa. 1998), 'Xesús Corredoira. Apunte manchado en gama fría' (En X. Corredoira. VV.AA. Xunta de Galicia. 1998), 'Vida e milagres de Xaime Quessada' (En Memoria e Liberdade Quessada-Acisclo. Xunta de Galicia.2000), 'Xaime Quessada Porto' (EnArtistas galegos. Pintores. Nova Galicia Edicións. 2000), 'Pórtico para a lembranza e estudio de Antón Avilés de Taramancos' (Limiar en Diccionario Antón Avilés de Taramancos, 3C3 editores, 2003), 'A taberna gótica' (Poema no libro Homenaxe Día das Letras Galegas Antón Avilés de Taramancos. La Voz de Galicia, 2003), Antón Avilés: A vida e a terra (Traballo en edicións do Grupo Filatélico e numismático de Noia. Dia das Letras Galegas. Maioa 2003), 'Antón Avilés, o sentimento fabulador da terra' (Introdución en Antón Avilés de Taramancos 1935-1992 Unha Fobobiografía. Xerais, 2003), 'Vida e narración en Avilés de Taramancos' (Alocución académica no Día das Letras Galegas. Boletín da Real Academia Galega, núm. 364. Decembro de 2003).

A súa vocación xornalística vénlle de antigo, dende os tempos nos que durante un período dos anos sesenta organizaba, baixo a dirección de Borobó, a Páxina de Letras, e desempeñaba o traballo de corrector de probas e estilo, no que substituíu ao profesor Benito Varela Jácome, no xornal El Correo Gallego. Neste rotativo, anos despois, cando foi director Ramón Luís Acuña, levaría, xunto cun grupo de amigos, unha páxina cultural en galego que saía os xoves (1969). Dende hai anos, mantén tódolos domingos na terceira deste veterano rotativo unha coñecida columna independente, sobre temas culturais e de actualidade política, titulada ao primeiro de 'Onte a Hoxe' e, con posterioridade, 'No pasar dos días'. Da primeira etapa, o Consorcio de Santiago en colaboración coa Editorial Compostela publicarían unha selección de artigos co título De Onte a Hoxe. Ensaios xornalísticos dende Compostela (Editorial Compostela. Compostela, 1993). Ao longo dos anos, aparecen colaboracións súas tamén nos xornais La Voz de Galicia e El Ideal Gallego. No terreo da tradución publicou obra de Xulio Verne, Claude Roy, e de George Borrow escolleu as pasaxes referidas a Galicia no libro A Bible in Spain, para publicalas en magnífica edición ilustrada de Edicións Xerais, con introdución e notas, baixo o título Viaxe a Galicia en 1837.

Salvador García-Bodaño participou en numerosos libros colectivos e de homenaxe a persoeiros da Cultura galega (Penzol, Otero Pedrayo, Piñeiro, Del Riego, Rosalía, Cunqueiro, Maside, Seoane, Curros, etc.), foi mantedor en diversos xogos florais, pregoeiro en varias ocasións, prologuista, participante en congresos e mesas redondas, membro de importantes xurados de novela e poesía (Premios Nacionais de Literatura, Premios da Crítica, Pedrón de Ouro, Xerais, Deputación da Coruña, etc.). Colaborou en revistas literarias tanto galegas como de fóra de Galicia. Poemas seus están traducidos a distintos idiomas (inglés, italiano, francés, ruso, sueco, catalán, árabe, brasileiro...) e aparecen recollidos nas máis sobranceiras e importantes antoloxías da lírica contemporánea de Galicia.



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Sábado 23 de setembro de 2017 / 12:00 h
Ingreso de Chus Pato como académica numeraria da RAG - Ourense
Sábado 30 de setembro de 2017 / 9:30 h
II Xornada de onomástica galega: Os nomes e apelidos - Museo de Pontevedra

Novas da Academia

Subscríbete

Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego

Descargar

Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega

Consultar

Hemeroteca Virtual Galicia nas páxinas dos seus xornais.

IR

Cuberta do Boletín 376

Boletín da Real Academia Galega
nº 376

Descargar

Cadernos de Lingua
nº 35

Descargar