Académicos e académicas

Anxo Angueira Viturro

Anxo Angueira Viturro

Dodro, A Coruña, 1961
Data de ingreso
27/04/2024
A proposta de
Rosario Álvarez Blanco, Ana Boullón, Francisco Fernández Rei, Manuel González González, Margarita Ledo, Chus Pato, Manuel Rivas e Ramón Villares
Resposta pronunciada por
Chus Pato

Dodro, 1961. Escritor e profesor titular da área de Filoloxías Galega e Portuguesa da Universidade de Vigo, como creador literario é autor dunha obra que transita distintos xéneros marcada por un camiño propio, que é tamén o comunal e de clase, e mais polo protagonismo da súa terra natal, a de Iria. Como crítico salientan as súas contribucións nas que cuestiona tópicos asentados na historiografía literaria, dende a periodización que relega o padre Sarmiento aos Séculos Escuros ata a lectura conservadora dos textos de Rosalía de Castro. Dende o ano 2012 é o presidente da fundación centrada na autora.

Anxo Angueira, fillo de pai de Laíño e nai de Lestrobe, naceu en Manselle, a aldea “feita de memoria, resistencia e alegría” que é parte destacada do mapa de afectos que vai trazando na súa obra. O autor está ademais estreitamente vinculado dende a infancia a Padrón, onde cursou a EXB, o bacharelato e COU. No instituto desta vila abriuse conscientemente ao mundo da formación intelectual e cívica da man de compañeiros de xeración e de docentes como o académico de número Bernardino Graña e o correspondente Xosé Ramón González Reboredo. Licenciado en Filoloxía Hispánica, sección de Galego-Portugués, pola Universidade de Santiago de Compostela no ano 1984, axiña se incorporou á docencia no ensino secundario, no que exerceu como catedrático de Lingua Galega e Literatura ata que no ano 2010 se converteu en profesor titular da Universidade de Vigo.

O filólogo comezara no ano 2000 a impartir clases como asociado no campus da cidade olívica, onde se doutorou en 2006 coa tese titulada Bretaña, esmeraldina e o sistema literario galego. Nesta análise reivindica o papel central da novela de Xosé Luís Méndez Ferrín que lle dá título, tanto na propia produción do autor ourensán coma no contexto das letras da Galicia dos primeiros anos da Autonomía. Anxo Angueira culminou así unha serie de estudos e edicións sobre Ferrín que arrincara coa publicación de Con pólvora e magnolias. Guía de lectura (1992) e continuara con Poesía enteira de Heriberto Bens (1999), entre outros traballos.

O padre Sarmiento, a quen reivindica como pedra fundacional da literatura galega e da Galicia contemporánea, é outro dos autores nos que o académico ten profundado, nun ronsel de estudos sobre a xénese do chamado Rexurdimento que analizan, cunha ollada crítica, a maneira en que a historiografía canónica divide a literatura en etapas practicamente estancas. É o caso de volumes como Das copras de Sarmiento ós cantares de Rosalía de Castro. Cara a unha nova periodización do Rexurdimento (2013) ou Rexurdimento: a palabra e a idea (2019). Neste último propón unha comparativa do Rexurdimento galego co Risorgimento italiano e a Renaixença catalá, e conclúe que existe unha clara discordancia entre o termo Rexurdimento e o período ao que se lle aplica, ao deixar nos lindes dos Séculos Escuros o relixioso do Bierzo e obras da súa autoría como o Coloquio de 24 gallegos rústicos (1746).

Anxo Angueira é ademais parte destacada da nómina de especialistas que están a participar nunha lectura anovada de Rosalía de Castro, deixando atrás prexuízos que historicamente invisibilizaron o carácter subversivo no íntimo, no social e no político da obra da autora fundacional das letras galegas contemporáneas. Editou Cantares gallegos (2013), Follas novas (2016), En las orillas del Sar (2019) e La flor, A mi madre, poesía dispersa e traducións (2023), publicou sobre ela diversos artigos e antoloxías, e preside, dende o ano 2012, a Fundación Rosalía de Castro, na que desenvolve un destacado labor de divulgación da figura e do legado literario da escritora. A Rosalía dedicoulle tamén o seu discurso de ingreso na RAG, no que analiza a poética da luz nos seus poemarios, dende La flor (1857) a En las orillas del Sar (1884).

Como creador literario, o académico electo debutou con Val de Ramirás (1989), accésit do Premio Esquío de Poesía. A partir d’O valo de Manselle (1996) apréciase un xiro literario e estético que acompaña un novo rumbo persoal no que o colectivo e de clase terán unha importancia fulcral. Nesta liña continúa con Libro da vertixe (1997) -gañador do Premio Díaz Castro-, Fóra do sagrado (2007) -un canto centrado na cidade de Vigo- e Palmeiras, piueiros (2021). O que é ata momento o seu último poemario finca as súas raíces na morte da palmeira de Manselle, que simboliza, alén do lugar natal, unha reflexión sobre a idea de rexurdimento na historia cultural da Galicia contemporánea. O libro inclúe tamén no seu título a palabra que rescataron os mariñeiros da Guarda para designaren a embarcación emblemática que eles mesmos recuperaron. Mariñeiros que transitan estas páxinas canda os traballadores do metal de Vigo, amizades e veciñanza que acompañan o autor e o enchen de vida.

Como narrador gañou o Premio Café Dublín coa súa primeira novela, Bágoas de facer illas (1997); e o Xerais con Pensa nao (1999), unha historia de amor á súa aldea que xurdiu á raíz da construción da autovía a pouca distancia. Foi a primeira parte dunha anunciada triloxía que polo momento ten unha segunda parte, Iria (2012). Angueira publicou ademais A morte de A (2003), unha homenaxe ao xénero do folletín explorado á maneira de Eça de Queirós.

O académico compaxina súa faceta literaria e investigadora co articulismo -na actualidade cunha colaboración mensual en Nós Diario- e un intenso labor como activista cultural dende diversas frontes. Membro fundador da asociación Redes Escarlata (2001) e coordinador dos premios de poesía Eusebio Lorenzo Baleirón do Concello de Dodro e Rosalía de Castro do Concello de Padrón, sobresae o seu labor á fronte da fundación da autora, período no que se acometeu a reforma museolóxica da Casa da Matanza.