Académicos e académicas
Xesús Ferro Ruibal
Moraña, Pontevedra, 1944
Data de ingreso
04/05/1996
A proposta de
Constantino García, Carlos Casares e Andrés Torres Queiruga
Título do discurso
Resposta pronunciada por
Carlos Casares
Xesús Ferro Ruibal (Rebón, Moraña 1944) rematou os estudos de Teoloxía no Seminario de Santiago (1965) e de Filoloxía Clásica en Roma (1969). Foi catedrático de latín no ensino medio e investigador no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, de Santiago, co que segue colaborando. Na Real Academia Galega traballou en asuntos de sociolingüística, onomástica e norma.
No eido da filoloxía grecolatina publicou De varia Christianorum habitudine erga cultum et rem classicam (1982 Barcelona: ETD), Dido e Eneas. Xénese nacemento e vida de dous personaxes polémicos da Eneida (Concepción Arenal. Monogr 1., Santiago 1983). É coautor dun libro de texto para o estudo do latín dende a lingua e cultura galega: De onte a hoxe. Latín 2º de BUP (Xunta de Galicia 1984; Vigo: Xerais 1989); de Novos textos para a introducción no latín. 3778 refráns latinos (Santiago: ed. dos autores, 1990), de diversos artigos de didáctica do latín. "Tres escritores latinos na Galicia do século XX" en ÁLVAREZ, Rosario e VILAVEDRA, Dolores (coords.) (1999):Cinguidos por unha arela común: Homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero, II. Literatura. Universidade de Santiago; 555-573. Participou na tradución da Biblia ó galego: O Novo Testamento (Vigo: Sept, 1978) e A Biblia (Vigo: Sept, 1989) e publicou "Reflexións verbo da traducción da Biblia ó galego" en Viceversa 5,1999,11-39.
No eido da fraseoloxía: Refraneiro Galego Básico (Vigo: Galaxia, 1987); Refráns da xustiza (Vigo: AFNL, 1995); Refraneiro galego da vaca con Pedro Benavente (Santiago: CIRP, 1995); Refraneiro galego máis frecuente (La Voz de Galicia 2002). Ingresou nesta Academia co traballo Cadaquén fala coma quen é. Reflexións verbo da fraseoloxía enxebre (A Coruña: RAG, 1996). No Centro Ramón Piñeiro dirixiu ata a xubilación en 2014 o proxecto de Fraseoloxía Galega do que forman parte os Cadernos de Fraseoloxía Galega (16 vols. publicados en 2014), revista internacional en lingua galega, na que publicou 30 traballos. Coordinou o I Coloquio Galego de Fraseoloxía (Actas. Xunta de Galicia 1998) e maila tradución galega de dous libros de fraseoloxía eslava de Valerii Mokienko (2000) e doutro de Baránov-Dobrovol’skij (2009). Traballa nun Tesouro de Fraseoloxía Galega. Colaborou con notas fraseolóxicas en Irimia (1992-1996), en Tabeirós Terra (1998 e 1999) e tamén na Radio Galega. Fóra de Galicia publicou “A comparación fraseolóxica como radiografía lingüística” (2008) e “Paremias meteorolóxicas galegas: crítica e hermenéutica deste xénero literario” (2012). Coordinou a edición de dous grandes repertorios paremiolóxicos e fraseolóxicos inéditos: o de Francisco Vázquez Saco (Refraneiro galego e outros materiais de tradición oral) e mais o de Xosé Augusto Ventín Durán (Fraseoloxía de Moscoso e outros materiais de tradición oral).
No 2010 e en colaboración co veterinario Pedro Benavente Jareño publicou O libro da vaca. Monografía etnolingüística do gando vacún (Santiago: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades).
No eido da onomástica dirixiu o Diccionario de nomes galegos (Vigo: Ir indo 1992) [versión reducida pero revisada O teu nome (Vigo, Ir indo 1994)], estudou os nomes dos barcos e participa no Seminario de Onomástica da RAG. Publicou "Onomástica gallega, lo hecho y lo por hacer" (Pamplona 2005).
Na cuestión normativa estudou e defendeu a autonomía do galego fronte ó castelán e tamén fronte ó portugués: "O acordo ortográfico e morfolóxico de 1982. Entre a utopía foneticista e as heterografías lusistas" (I Encontros Labaca. Sada: Ed. do Castro, 1984; 177-307; reelaborado posteriormente). "A planificación do corpus no galego" (Actas do Congreso Internacional da Cultura Galega. Santiago 1990. Consellería de Cultura, 1992,375-382). "Gallicia / Gallizia / Gallisia / Galliza. O nome castelán da nosa terra" en ÁLVAREZ, Rosario e SANTAMARINA, Antón (eds.) (2004): (Dis)cursos da escrita: Estudos de filoloxía galega ofrecidos en memoria de Fernando R. Tato Plaza. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza; 259-283. A súa opinión sobre asuntos normativos expresouna tamén en nove artigos de prensa (xullo de 1986; decembro de 2001).
De asuntos sociolingüísticos son o ensaio A Igrexa e a lingua galega. (Santiago: Consello da Cultura Galega, 1987), "Algúns textos relixiosos galegos anteriores á admisión do galego como lingua litúrxica" (en López Muñoz - Ferro Ruibal (2000): A palabra fai camiño. A Coruña: Asociación Irimia; 43-159); “Unha sociolingüística cualitativa e terapéutica para a Galicia de hoxe” en Cadernos de lingua 27,2005, 5-35; e diversos artigos en Grial, Cadernos de Lingua e Encrucillada, ademais doutros textos creados para actos concretos "Palabras milenarias" (Irimia 545,1998-1999,7) ou "¿Por qué falámo-lo galego?" (Tabeirós Terra).
Membro da Comisión Técnica que dirixiu dende 2002 a elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (Parlamento de Galicia 22.9.2004; BOPG 622; 7.9.2004), participa na promoción do galego na Igrexa (na liturxia parroquial, en Fátima, Encrucillada, na campaña Galegos de por vida, Bienio Irmandiño; é autor do texto paralitúrxico da XV Romaxe de crentes galegos de 1992) e na empresa: para os Contos do Castromil escribiu dous relatos (“A miña oportunidade” e “Os papiros do Medulio”) (1992) e, para os de Travibús, “Non hai resposta mellor có amor” (2010).
A Secretaría Xeral de Política Lingüística encomendoulle no 2002 a creación cun equipo de informáticos dun xogo educativo de cultura galega (do tipo Trivial) para distintos niveis: O Preguntoiro; e no 2008 encomendoulle a creación, dirección e presentación dun microespazo sobre lingua galega para TV: o Ben falado! trata as máis variadas cuestións lingüísticas; os 480 capituliños realizados coa produtora Pórtico empezaron a emitirse polas diferentes canles da TVG o 21.7.2008; posteriormente fixéronse edicións en DVD para os Centros de ensino de Galicia e os Centros de Estudos Galegos espallados por todo mundo: Ben falado! (2010) e Ben falado! Volume 2 (2012).
Publicou un inédito teolóxico en galego de Celestino García Romero (Inferno e gloria. Vigo: Sept 2000); algún artigo de historia (Boletín da Real Academia Galega e A Taboada), semblanzas de Fernández del Riego, Torres Queiruga, Filgueira Valverde, Díaz Pardo, Sarmiento, Carlos Casares, Chao Rego, Moncho Valcarce, Marcos Valcárcel, Miguel Grande e Fernando Pereira; e prologou unha ducia de libros.