Académicos e académicas

María Dolores Sánchez Palomino

María Dolores Sánchez Palomino

San Vicente de la Barquera, 11/09/1961

María Dolores Sánchez Palomino (San Vicente de la Barquera, 1961) é catedrática de Filoloxía Románica na Universidade da Coruña, especializada nos campos da lexicoloxía, terminoloxía e lexicografía, se ben tamén traballou na lingüística románica, a historiografía lingüística e nos textos medievais.

Filla de pai cántabro e nai andaluza, reside na Coruña dende os sete anos, cando se instalou coa familia na Agra do Orzán. Tras realizar os estudos secundarios nesta cidade, en 1984 licenciouse con premio extraordinario pola Universidade de Santiago de Compostela. Doutorouse en 1990 coa tese O artigo en francés nos séculos XIV e XV. Aproximación a unha historia do concepto: comportamento cos nomes propios e empregos non xenéricos do definido, dirixida polo profesor Constantino García. Nese mesmo ano comezou a súa colaboración co Seminario de Lexicografía da Real Academia Galega, institución da cal foi nomeada membro correspondente en 2004 e na que ingresou como académica de número en 2022.

Como membro do Instituto da Lingua Galega (USC) participou no programa Arquivo do Léxico Galego (1984-1985), e colaborou na elaboración do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLGa). Foi redactora do Dicionario da lingua galega (1990) e do Dicionario da Real Academia Galega (1997), e unha das redactoras principais do Dicionario da Real Academia Galega, dispoñible en versión dixital desde 2012. Na actualidade é membro do Seminario de Terminoloxía e secretaria do Seminario de Lexicografía, no seo do cal dirixe a revisión e actualización do Dicionario bilingüe castelán-galego.

Participou en diferentes proxectos de investigación e redes internacionais, coma a European Network of e-Lexicografphy (ENeL, Cost Action IS1305, 2013-2017). Dirixiu tamén numerosos proxectos e foi a creadora e directora da Rede de Lexicografía RELEX, financiada pola Xunta de Galicia (2012-2018), que uniu oito grupos do sistema universitario galego e outros seis de distintas universidades españolas e estranxeiras. Na actualidade codirixe o Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega (DHELG), subvencionado polo Ministerio de Ciencia e Innovación (PID2019-105411GB-I00), proxecto de gran transcendencia que está a poñer en marcha o primeiro dicionario dese tipo con que contará a lingua galega. Tamén é investigadora asociada do Centre de Recherche Bretonne et Celtique da Université de Bretagne Occidentale e coordinadora do grupo de investigación “Estudos románicos e comparados (Romanycom), da Universidade da Coruña.

Como docente comezou a impartir clases na Universidade de Santiago de Compostela en 1988, coas materias de Lingüística románica e Comentario de textos románicos. Exerce desde 1991 na Universidade da Coruña como profesora de graos, mestrados e programas de doutoramento. Imparte ademais docencia no European Master of Lexicography, mestrado internacional con mención Erasmus Mundus do que forma parte a Universidade de Santiago de Compostela. No marco destas actividades, dirixiu diversos traballos de fin de mestrado e teses, e é membro de tribunais de avaliación, algúns deles de carácter internacional. Tamén é membro habitual de xurados de premios literarios de creación e tradución.

Foi vicepresidenta da Asociación de Tradutores Galegos (2003-2011) e traduciu ao galego desde diferentes linguas (castelán, catalán, francés, italiano) libros de texto, artigos científicos, capítulos de series de TVE e obras de literatura infantil e xuvenil; tamén ten realizado tradución inversa cara ao francés. Foi ademais coordinadora lingüística de textos de ensino primario e secundario en galego en Edicións SM e colaborou na redacción da Enciclopedia Galega Universal con diversas entradas sobre linguas románicas, entre outros temas.

Participa asiduamente en congresos internacionais, dende Trier, Oxford, A Habana, Baía, Cardiff a Nancy, Rennes, Copenhague e Varsovia, así como en diversos lugares do Estado español. Formou parte dos comités organizadores de numerosos eventos científicos, coma o I Congreso Internacional da Sociedad Española de Historiografía Lingüística (1997), o I Congreso Internacional de Lexicografía Hispánica (2004), o V Simposio Galego de Tradución. En voz allea (2005), as Jornadas Lengua y Ciencia (2013), as Xornadas Internacionais de Lexicografía. Ferramentas ao servizo do usuario na era dixital (2015), o II Congreso Internacional RELEX: A terminoloxía, unha necesidade da sociedade actual (2015), o Congreso Internacional MULTILEX2015. Lexicografía multilingüe en rede (2015), o 22.º Congreso Internacional do Atlas Linguistique Roman (2017), o III Congreso Internacional RELEX. Lexicografía e didáctica (2017)... Foi así mesmo responsable da organización do Simposio de Lexicografía Galega (2000), primeiro da disciplina, do Simposio Internacional RELEX. Lexicografía románica: estado da cuestión (2013), dos cursos Ferramentas transmedia para o seu emprego na lexicografía (2017) e O emprego do dicionario no ensino e na aprendizaxe da lingua galega (2018), e recentemente do Coloquio Internacional Dicionario histórico e etimolóxico da lingua galega (DHELG) (2021). Tamén formou parte do comité científico e de honra de diversos congresos internacionais.

Ademais da edición de monografías e a autoría de capítulos de libros para prestixiosas editoriais, poden lerse os seus artigos científicos en revistas coma Cadernos de lingua, Verba, Cuadernos del CEMYR, Estudos de lingüística galega, Boletín de la Real Academia Española, Anuar de lingvistică si istorie literară e Quaderns de filologia.