Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Manuel Lago González
Tui, Pontevedra, 26/10/1865


04/09/1905


Académico fundador


Xosé Luís Franco Grande (03/07/1998 - )
Leandro Carré Alvarellos (03/03/1945 - 14/02/1976)
Rafael González Villar (27/07/1941 - 14/03/1941)
Antón Villar Ponte (24/07/1934 - 04/03/1936)
Manuel Lago González (04/09/1905 - 17/11/1910)


Os estudos eclesiásticos de Manuel Lago González, que chegou a ser arcebispo de Compostela, marcaron a súa obra poética, onde continuou os preceptos da norma e do canon fuxindo de innovacións.

Naceu en Tui o 25 de outubro de 1865. Alí estudou a carreira eclesiástica, realizando trece cursos en dez anos coas mellores cualificacións e premios. Comezou a escribir aos catorce anos e, só dous máis tarde, recibiu xa as súas primeiras distincións académicas. En 1887 desempeñou a cátedra de Grego e Hebreo no Seminario de Tui, onde un ano despois recibiu as Ordes Maiores.

Na súa cidade natal contribuíu a crear o diario La Integridad (1888) e participou nos famosos Xogos Florais de 1891 co discurso "Gabanza da lingua galega". En 1896 trasladouse a Lugo para desempeñar a cátedra de Teoloxía do seminario e gañou por oposición unha praza de cóengo na catedral desa cidade. Posteriormente accedeu á dignidade episcopal. Xa en 1906 ingresou na Real Academia Galega co discurso Elogio de la lengua gallega. Foi nomeado bispo de Burgo de Osma en 1909. De alí pasou a Tui, e en 1923 marchou como arcebispo a Compostela, cidade onde faleceu o 18 de marzo de 1925.

Lago González foi un importante teólogo, gran coñecedor de linguas, orador, arqueólogo e, especialmente, un destacado poeta. Era un creador formalista, que puña freo á súa creación coa rixidez da norma e do canon. A formación bíblica e clásica recibida ao longo da súa vida levouno ao uso das amplificacións, reiteracións e estruturas paralelísticas. Os principais eixes temáticos da súa obra son a natureza, algúns motivos histórico-narrativos e relixiosos, así como as lembranzas da mocidade, da cidade natal e das súas xentes. A lingua empregada oscila, dependendo do poema, entre un amplo repertorio de ornamentos literarios e os xiros da fala familiar aldeá.

O conxunto dos seus sesenta e dous poemas galegos foi recollido en 1967 por Filgueira Valverde, ao quedaren moitos deles manuscritos ou espallados en publicacións da época, como La IntegridadEl Norte de Galicia ouGalicia Diplomática. Tamén é autor dalgúns poemas e obras eruditas en castelán.

Obra

El renacimiento de la escolástica en España: Discurso leido en la inauguración del curso académico de 1901-1902 en el Seminario Conciliar de Lugo. Lugo: [s.n.], 1902. 
El catecismo y la civilización: discurso. Tui: Tip. Regional, 1914.
El régimen espiritual: carta pastoral. Tui: Tip. Regional, 1917.
Poesía galega. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1966.

Escolmas, homenaxes e obras sobre o autor
Homaxe ao arcebispo Manoel Lago González. Santiago de Compostela: Nós, 1934.
CÁTEDRA DE LINGÜÍSTICA E LITERATURA GALEGA, USC (ed.) 
Algunhas características do galego de Lago González. Santiago de Compostela: Universidade, 1973. 
CENTRO GALLEGO DE BUENOS AIRES (ed.)
Homaxe ó Arcebispo Lago González. Día das Letras Galegas: 17 de maio de 1973. Bos Aires: Centro Gallego de Buenos Aires, 1973. 
FILGUEIRA VALVERDE, X. (ed.)
Lago González. Pontevedra: Antúnez, 1934.
FILGUEIRA VALVERDE, X. (ed.)
Lago González: biografía y selección de su obra gallega. Santiago de Compostela: Bibliófilos Gallegos, 1965.
REAL ACADEMIA GALEGA (ed.)
Escolma de poesías. A Coruña: Real Academia Galega, 1973.



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Martes 12 de novembro de 2019 / 10:45 h
Toponimízate: IES Francisco Asorey - Cambados
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete