Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Xosé Neira Vilas
Vila de Cruces, Pontevedra, 03/11/1928


17/11/2001


Xesús Alonso Montero, Antón Santamarina Fernández e Francisco Fernández Rei


A cultura galega en Buenos Aires: 1950-1960




Xesús Alonso Montero


Marilar Aleixandre (14/01/2017 - )
Xosé Neira Vilas (17/11/2001 - 27/11/2015)
Xaquín Lorenzo Fernández (16/09/1951 - 19/07/1989)
Antonio Noriega Varela (22/04/1939 - 27/03/1949)
Juan Barcia Caballero (04/09/1905 - 11/10/1926)


Naceu en Gres (Vila de Cruces), Pontevedra, o 3 de novembro de 1928 e faleceu na mesma localidade o 27 de novembro de 2015. Fillo de campesiños. Estudos primarios. Teneduría de libros por correspondencia. Con 16 anos comeza a traballar de contable nun serradoiro local. Crea un grupo de teatro que puxo en escena varias obras en lingua galega. Primeiros versos e primeiras narracións. En 1949 emigra á Arxentina. En Buenos Aires traballa de día e estuda polas noites. Estuda Comercio, Música, licénciase en Xornalismo e segue uns cursos especializados de preceptiva literaria e literatura universal.

Descobre Galicia en Buenos Aires. Vai coñecendo a historia e a identidade cultural do seu país de orixe. Son anos de efervescencia galeguista na capital arxentina. Publica os seus primeiros traballos na prensa galega da emigración. Son os seus mestres, amigos e compañeiros Luís Seoane, Rafael Dieste, Ramón Suárez Picallo, Lorenzo Varela, Eduardo Blanco Amor, Ramón de Valenzuela... Integra o grupo de teatro galego que dirixe Ricardo Flores. Asiste ós curso de lingua, literatura, historia, arte, xeografía e economía de Galicia, que patrocina aguea (Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas). Estende a súa colaboración xornalística a publicacións de Uruguai e México. Vai adquirindo unha cultura universal ó tempo que afonda nas súas raíces galegas. Participa de cheo nas actividades patrióticas e culturais galegas que se desenvolven no Prata nos anos cincuenta. Con outros mozos e mozas emigrantes funda en 1953 as Mocidades Galeguistas (asociación xuvenil da que foi secretario xeral) e o periódico Adiante. Representa a mocidade galega emigrada ante a galeuzca Xuvenil que se refundou en Buenos Aires. Foi designado polo Consello de Galiza para a secretaría da comisión organizadora do histórico I Congreso da Emigración Galega, en 1956.

En 1957 casa coa escritora cubana filla de galegos, Anisia Miranda. Xuntos fundan ese mesmo ano Follas Novas, editorial e distribuidora do libro galego en América. Van reunindo canto se publica sobre Galicia no mundo, elaboran catálogos e distribúenos por todo o continente. Montan exposicións do libro galego en Buenos Aires, Montevideo e Caracas. Organizan debates semanais sobre temas galegos. En Follas Novas nace, en 1959, a Asociación Arxentina de Fillos de Galegos. Publica en 1960 o poemario Dende lonxe e, e en 1961 a novela Memorias dun neno labrego, a obra literaria galega máis reeditada e vendida, non só na súa lingua orixinal senón tamén nas traducións a diversos idiomas. 

En 1961, Neira Vilas e a súa muller van vivir a Cuba. Desempeña diversos cargos administrativos no Ministerio de Industrias. Especialízase en organismos internacionais. Fai xornalismo literario, colaborando en xornais e revistas. En 1969 funda e dirixe dende entón durante 22 anos a Sección Galega do Instituto de Literatura e Lingüística, onde se estuda a presenza galega na Illa. Elabóranse índices de publicacións periódicas, proxéctase a cultura galega en universidades e centros de investigación de Europa e América e créase un fondo bibliográfico que é o máis importante de Latinoamérica. En 1983 pasa a traballar como redactor xefe da revista infantil Zunzún.

Radícase en 1992, con Anisia, no seu Gres natal, onde preside a fundación que leva o seu nome, que cumpre unha función de servizo cultural nunha ampla comarca do Val do Ulla. Conta cunha biblioteca pública, con salas de lectura para nenos e para adultos, un museo etnográfico e unha sala de exposicións e concertos. Ademais convoca, en anos alternos, a nivel de toda Galicia, os Premios Arume e Estornela, de poesía e teatro para nenos, respectivamente. Neira Vilas colabora na prensa asiduamente. Mantivo no Faro de Vigo, durante varios anos, a sección "Memoria da emigración"; logo, en El Correo Gallego, "Crónicas galegas de América" e, finalmente, neste mesmo xornal, "O sarillo do tempo".

Ingresou na Real Academia Galega como membro de número o 17 de novembro de 2001 a proposta de Xesús Alonso Montero, Antón Santamarina Fernández e Francisco Fernández Rei. Obtivo o Premio da Crítica Española (narrativa) e o Premio da Crítica Galega (ensaio). Fóronlle outorgados diversos galardóns. Recibiu a homenaxe de "O escritor na súa terra", da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Foi investido doutor honoris causa polas Universidades da Coruña (1998) e da Habana (2003).

Narrativa: Memorias dun neno labrego, Xente no rodicio, Camiño bretemoso, Historias de emigrantes, A muller de ferro, Remuíño de sombras, Aqueles anos do Moncho, Querido Tomás, Tempo novo, Papeis, O home de pau, Relatos mariñeiros, A fuxida de Manuel, Esperando o leiteiro, Romaría de historias e Os papeis do vello mariñeiro (póstuma).
Narrativa para nenos: Cartas a Lelo, O cabaliño de buxo, De cando o Suso foi carteiro, Chegan forasteiros, Espantallo amigo, A marela taravela, Contos vellos pra rapaces novos, De cando o Suso foi carteiro, Chegan forasteiros, O xardín de Irene e Quique na aldea.
Poesía: Dende lonxe, Inquedo latexar, Cantarolas, Poesía recadada, Dende Gres, Cantos de sol a sol e Cantos que veñen de lonxe.
Testemuños: Galegos no Golfo de México, Guerrilleiros, Blanco Amor dende Buenos Aires.
Libros de lembranzasLar, nai, pan.
Investigacións: Castelao en Cuba, A prensa galega de Cuba, A lingua galega en Cuba, Memoria da emigración (I, II e III), Crónicas galegas de América (Roldas primeira, segunda e terceira), Galegos que loitaron pola independencia de Cuba, Manuel Murguía e os galegos da Habana.



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Luns 27 de maio de 2019 / 18:00 h
Entrega dos premios do II Concurso de microrrelatos da RAG e PuntoGal

Novas da Academia

Subscríbete