Membros da Academia Pleno De honra De número Correspondentes

Xosé Luís Regueira Fernández
Goiriz, Vilalba, 06/07/1958


02/06/2012


Xosé Luís Axeitos Agrelo, Salvador García-Bodaño Zunzunegui e Antón Luís Santamarina Fernández


Oralidades: reflexións sobre a lingua falada no século XXI




Manuel González González


Xosé Luís Regueira Fernández (02/06/2012 - )
Olga Gallego Domínguez (15/11/1986 - 04/09/2010)
Francisco Vales Villamarín (27/07/1941 - 25/08/1982)
José García Acuña (15/11/1932 - 10/06/1933)
Manuel Martínez Murguía (04/09/1905 - 01/02/1923)


Naceu o 6 de xullo de 1958 en Goiriz, concello de Vilalba, e ao pouco tempo mudouse a Aldixe, concello de Abadín, onde pasou a infancia. Estudou bacharelato en Vilalba, onde residiu durante varios anos, e posteriormente trasladouse a Santiago de Compostela para estudar Filoloxía Románica. Tras a licenciatura, obtivo unha bolsa de investigación no departamento de Filoloxía Románica.

Entre os anos 1985 e 1987 exerceu na Universidade de Colonia (Alemaña) como lector de español e de galego, que se impartiu como materia oficial por primeira vez no currículo dunha universidade alemá. Regresou en 1987 á Universidade de Santiago de Compostela como axudante. En 1989 obtivo o título de doutor en Filoloxía Románica coa tese titulada A fala do Norte da Terra Chá, dirixida por Antón Santamarina.

En 1994 obtivo a praza de profesor titular e en 2008 a de catedrático de Filoloxías Galega e Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela, onde continúa exercendo. Foi director do Departamento de Filoloxía Galega da mesma institución de 2005 a 2009.

En 1988 participou, como secretario e como docente, na posta en marcha dos Cursos de verán de lingua e cultura galega para persoas de fóra de Galicia, dos que é na actualidade codirector. Tamén participou na organización de cursos de verán da Universidade de Santiago de Compostela e da Universidade Internacional Menéndez y Pelayo na súa sede da Coruña.

Desde 1981 é investigador do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela, do que foi secretario entre os anos 1996 e 2005.

A súa actividade investigadora está centrada sobre todo na lingua falada, e especialmente na fonética e na fonoloxía, aínda que tamén traballa en aspectos da sociolingüística (estándar e variación, principalmente). Participou e participa en proxectos de investigación, como investigador ou como director, sobre diferentes temas relacionados coa fonética acústica, lingua oral e variación. Tamén ten publicado traballos sobre gramática, historiografía e bibliografía.

Escolma de publicacións

Libros:
Coautor (con Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo) de Gramática galega (Vigo, 1986, 19987), Premio Losada Diéguez 1986 no apartado de investigación. Director e coautor de Guía bibliográfica de lingüística galega (Vigo, 1996) e de Os sons da lingua (Vigo, 1988), autor de Dicionario de pronuncia da lingua galega (A Coruña, 2010), e da versión falada posta en rede en 2011 na web no Instituto da Lingua Galega (ilg.usc.es/pronuncia).

Editor, en colaboración, de Da gramática ó diccionario. Estudios de lingüística galega (Santiago de Compostela, 2001), Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina (Santiago de Compostela, 2008), Perspectivas sobre a oralidade (Santiago de Compostela, 2008).

Colabora regularmente desde 1993 en Linguistic bibliography / Bibliographie linguistique, que é publicado en papel con periodicidade anual, na actualidade pola editora Brill (Leiden & Boston).

Artigos, capítulos de libro, congresos:
Publicou e presentou en congresos e simposios diferentes traballos sobre fonética acústica da lingua galega, coma “Estudio acústico das vocais tónicas galegas en posición fonética normal” (con M. González, en XIX Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas. A Coruña, 1994), “Acerca de la estructura prosódica del texto: finales de enunciado en gallego” (II Congreso de Fonética Experimental, Sevilla, 2002), “As vocais finais en galego e portugués” (VII Congreso Internacional de Estudos Galegos. Sada, 2008), “Os alófonos de /?, ?, ?/ en galego” (con E. Martínez-Celdrán, Verba 34, 2007), “Spirant approximants in Galician” (con E. Martínez-Celdrán, Journal of the International Phonetic Association 38, 1, 2008), “Nasalización en gallego y en portugués” (Estudios de Fonética Experimental 19, 2010).

Tamén publicou unha descrición da fonética galega en Journal of the International Phonetic Association 26, 2 (1996), recollida logo en Handbook of the International Phonetic Association (Cambridge, 1999). En relación coa variación e cambio no galego actual, publicou “Cambios fonolóxicos no galego actual” (en Cada palabra pesaba, cada palabra medía. Homenaxe a Antón Santamarina. Santiago de Compostela, 2008), e “Cambios fonéticos e fonolóxicos no galego contemporáneo” (Estudos de Lingüística Galega 1, 2009).

Dedicou diferentes traballos ao estudo da variación social, a lingua dos medios e a lingua estándar, entre os que destacan: “Modelos fonéticos e autenticidade lingüística” (Cadernos de Lingua 10, 1994), “Elementos para a definición dun modelo fonético estándar da lingua galega”, (4th International Conference on Galician Studies. Oxford, 1997), “Estándar oral e variación social da lingua galega” (Cinguidos por unha arela común: homenaxe ó profesor Xesús Alonso Montero. Santiago de Compostela, 1999), “Un modelo de estándar oral para a lingua galega” (VI Congreso Internacional de Estudios Galegos. Trier, 2000), “A sílaba en galego: lingua, estándar e ideoloxía” (Homenaxe a Fernando R. Tato Plaza. Santiago de Compostela, 2002), “Lingua falada e estándar escrito: o galego desde o Rexurdimento á modificación ortográfica do 2003” (Galicia dende Salamanca 4. Salamanca, 2003), “Estándar oral” (Norma lingüística e variación. Santiago de Compostela, 2005).

Canto a aspectos máis xerais da situación sociolingüística da lingua galega, poden citarse: “Política y lengua en Galicia: la ‘normalización’ de la lengua gallega” (en Las lenguas de España. Política lingüística, sociología del lenguaje e ideología desde la Transición hasta la actualidad. Madrid / Frankfurt am Main, 2006), “Nacionalismo y libertad lingüística. Galicia Bilingüe y la ofensiva contra la normalización de la lengua gallega” (en Le discours sur les “langues d’Espagne” / El discurso sobre las “lenguas españolas” 1978-2008. Perpignan, 2009).

Entre os traballos centrados na historiografía da lingüística galega, son de salientar: “Die galicische Grammatik in Geschichte und Gegenwart” (en Studien zu Sprache und Literatur Galiciens. Frankfurt am Main, 1991), “A contribución alemana á lingüística galega” (en Homenaxe ó profesor Constantino García. Santiago de Compostela, 1991), “Os estudios de lingüística galega” (en Homenaxe á profesora Pilar Vázquez Cuesta. Santiago de Compostela, 1996), “Galician language studies: between ideology and linguistics” (Galician Review 5/6, 2006/2007), “Os estudos de dialectoloxía galega desde 1967 á actualidade” (en A mi dizen quantos amigos ei. Homenaxe ao profesor Xosé Luís Couceiro. Santiago de Compostela, 2008).

Outros traballos de gramática son os dedicados ás construcións causativas, como: “A construcción fazer + infinitivo na prosa medieval galega e portuguesa” (V Congreso Internacional de Estudios Galegos. Trier, 1999), “A construcción causativa facer + infinitivo na gramática funcional” (en Da gramática ó diccionario. Estudios de lingüística galega. Santiago de Compostela, 2001).

Actualmente é membro a Asociación Internacional de Estudos Galegos e da International Phonetic Association. É coordinador da revista Cadernos de Lingua, publicada pola Real Academia Galega, desde a súa fundación en 1990. Tamén forma parte dos comités científicos das revistas Verba, Estudos de Lingüística Galega e Revista Internacional de Lingüística Iberoamericana.



Dicionario
Axenda de actos Ver todos
Venres 15 de novembro de 2019 / 19:00 h
Toponimízate - Beariz
Luns 18 de novembro de 2019 / 16:30 h
Toponimízate - Ordes
Martes 26 de novembro de 2019 / 19:00 h
A Coruña - Inauguración do Simposio Antonio Fraguas
Mércores 27 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas
Xoves 28 de novembro de 2019 / 16:30 h
Santiago de Compostela - Simposio Antonio Fraguas

Novas da Academia

Subscríbete